sábado, 2 de novembro de 2013

De doulas, comadronas e acompañantes no nacemento

ARR, Comadrona

Moito se ten falado ultimamente acerca do papel das doulas, aínda descoñecido para unha grande parte da poboación. Son matrona (enfermeira especialista en Obstetricia e Xinecoloxía), anque, sendo sincera, gústame moito máis o termo “comadrona”, posto que o atopo más cálido e cercano.

Dito esto, á luz do inevitable debate que se abre ante nós, farei alarde de sinceridade e expresarei o que creo, en primeira persoa (non quero nin podo falar no nome dun colectivo inmenso). Ante todo, penso que os protagonistas no proceso reproductivo (concepción, embarazo, nacemento e puerperio) son a muller e o seu fillo/a súa filla (por extensión, na nosa sociedade, incluiremos á parella, de existir esta figura).


Debido ás características evolutivas que sufriu a adaptación da nosa pelvis femenina á bipedestación, o proceso do parto complicouse ao longo da historia da nosa especie. Durante o transcorrer do tempo, as mulleres que teñen formado parte da nosa historia, dunhas e outras culturas, foron pouco a pouco atopando este proceso máis dificultoso. Por eso, recurriron a unha figura que proporcionase apoio e acompañamento durante o traballo de parto, en concreto. O devandito papel asumiuno a parteira tradicional, que, chegado o S. XX, viu cambiar a súa formación, que pasou de ser meramente eso, tradicional, a constituír unha formación sanitaria regulada (no noso país, para ser comadrona é necesario ser enfermeira). Este feito tén o seu motivo no traslado do lugar de nacemento habitual do domicilio ao hospital, tendo en conta que, durante el século pasado, se pretendía diminuír na medida do posible a morbimortalidade materno-fetal, converténdose a atención ao proceso de nacemiento en sanitaria/medicalizada, posto que os profesionais asistentes eran sanitarios formados en “curación” de patoloxías, non en mero “acompañamento”. Noutras palabras, precisaban “facer algo” para sentirse útiles na súa labor. A soa observación, e o acompañamento silencioso e nun segundo plano (labor da matrona), non resultaba útil, posto que requería unha inversión dun tempo (o necesario) do que non dispoñían, xa que a presión asistencial hospitalaria ía en aumento.

Moi ben. Deixemos aquí o relato histórico. Esta situación permaneceu así ata a época actual, cando por fin as mulleres, despois de anos de escuridade y silencio, empezan a reclamar o que é seu e lles foi arrebatado hai anos, a súa autonomía. As matronas, por moi enfermeiras que sexamos (o que nos dá un plus de garantía en caso de necesidade), estamos aí para acompañar á muller no seu proceso normal (os engadidos dállos a nosa profesión, referíndome con esto a todo tipo de coidados, o que se fai extensible ao asesoramento, controis, prevención, tratamento e recuperación de desviacións da normalidade, se fose necesario). Somos @s profesionais competentes nesta materia; non somos médicos, nin queremos selo: o noso ámbito competencial é a vida sexual e reproductiva da muller, en todas as súas etapas, e lembremos que, como enfermeiras que somos, o noso cometido é “coidar”, no aspecto máis amplo do termo, pero levando por bandeira o acompañamento (físico e emocional) a carón da muller, recentemente nado ou familia.


Chegados a este punto, e tendo en conta as actuais circunstancias de recobramento de “consciencia” que pouco a pouco imos adquirindo as mulleres, e a sociedade en xeral, granciño a granciño, surxe, claro que sí, en moitos hospitais (non en todos) a necesidade de cubrir o baleiro que deixaron as matronas durante os momentos do S. XX aos que me refería, e que seguen aínda presentes en grande parte de maternidades e paritorios. Podemos atopar a causa dese baleiro na identidade de moitas matronas en activo, que pertencen a xeneracións formadas nesa forma de traballo, e tamén na presión asistencial á que se ven enfrentadas, tanto elas coma as súas compañeiras máis recentes. O ideal é que a atención da matrona á muller sexa “un a un”, é dicir, unha muller–unha matrona; desafortunadamente, sobre bases burocrático-económicas, este requisito non sempre se cumpre. Polo tanto, esa matrona, adicada en corpo e alma a esa xestante de parto, terá que repartir o seu tempo entre varias xestantes máis, que, coma ela, están vivindo o que seguramente sexa o día máis feliz das súas vidas. E, esto é así, o baleiro do que falaba é preciso enchelo, porque, en moitas ocasións, a presenza do acompañante que a muller elixiu non é suficientemente efectiva (lembremos que a súa finalidade é proporcionar apoio, tranquilidade, calma e, con esto, favorecer o proceso, sen entorpecelo) ou inexistente. Aí surxe, ata onde podo entender, o “papel” da doula, que non é máis ca o principal da comadrona, no punto en que, no canto de contratar máis matronas, agora que si as hai (houbo un momento en que escaseaban, é certo), nace un ente novo, a “doula”, nun tempo en que, dito sexa de paso, o desemprego se incrementa, e vese necesario crear novos postos de traballo.

Creo firmemente en que a protagonista é a muller e o seu bebé. Como matrona, non me molesta que exista unha figura que proporcione unha necesidade fundamental para eles (apoio emocional, que é o que as doulas, na súa base, proporcionan). O que si me molesta é navegar por Internet, sen necesidade de profundizar moito, e atopar cada vez máis páxinas web que alimentan o coñecemento da poboación arredor da figura da doula, incluíndo entre as súas supostas competencias as funcións tradicionais e principais da matrona, non só a nivel de acompañamento, senón a todos os niveis competenciais (innumerables casos poden ser tachados de “intrusismo profesional”). Eso é o que fai dano, posto que, para chegar a ser matrona neste país, é necesario superar múltiples e duras probas, e un longo tempo de formación sacrificada.

Non vou estenderme máis na miña opinión, posto que penso que o debate está servido. A miña intención non é crear discordia entre doulas e matronas, todo o contrario. Penso que, como en toda relación, debe existir respecto mutuo, abarcando cada cal as súas competencias (desconozo se as doulas, como tal, dispoñen delas, posto que non son profesionais regulados -léase esto sen ningún ánimo de ofensa-) e deixando espazo aberto para a atención adecuada da muller, que é o único que realmente importa. Dito doutro xeito, as matronas debemos ocupar o noso lugar. É máis, vou máis aló, e falo de “recuperación” do noso lugar: debemos estar presentes alí onde unha muller precise da nosa atención, que “para eso estamos”.


Ningún comentario:

Publicar un comentario