domingo, 18 de novembro de 2018

A Atención Primaria en perigo. Quen asume a responsabilidade?

Farmateando – Formateando farmacias

Manuel González Moreira
http://praza.gal/

A Atención Primaria atopase nunha grave situación de perigo provocado pola sobrecarga de ter que atender cada vez máis pacientes, que cada vez son máis complexos, con menos recursos. A falta de novas médicas e médicos de familia que se incorporen ao sistema está a facer que as e os actuais xa non poidan dar máis de si. Chegou a hora de que a Administración asuma as súas responsabilidades de xeito inmediato.
No ano 2007 a administración sanitaria acordara con sindicatos e profesionais da Atención Primaria a posta en marcha do chamado Plan de Mellora, que pretendía dotar de recursos materiais e humanos á Atención Primaria para que puidera facer fronte aos retos do futuro: o incremento da esperanza de vida e a xestión dos pacientes con patoloxías crónicas.
No ano 2009 este Plan de Mellora foi paralizado sen chegar a consolidar nin tan sequera as prazas de profesionais xa orzamentadas. A partires deste momento comezou un cambio na política sanitaria que marxinou á Atención Primaria, chegando a desaparecer a súa estrutura de dirección coa creación das Estruturas Organizativas de Xestión integrada (EOXI) claramente centradas na atención hospitalaria. A recente modificación da Lei de Saúde non fixo máis que consolidar este modelo.
Pero, tal e como estaba previsto, as necesidades non se modificaron e continuou medrando o número de pacientes crónicos e maiores de 65 anos, que agardaban unha resposta do seu sistema sanitario público que permitira que, ademais de anos de vida, puideran gañar calidade de vida.
Para desgracia da cidadanía e das e dos profesionais da Atención Primaria, os recursos que temos actualmente son claramente insuficientes para facer o traballo que se nos pide. E ese traballo se fai nunhas condicións tan penosas, de sobrecarga e impotencia, que fai que as e os estudantes de medicina non queiran facer especialidades relacionadas coa Atención Primaria, como a Medicina de Familia, ou os especialistas, cando poden elixir, prefiran traballar nos hospitais, como no caso da Pediatría.
Xunto a isto, en moitas áreas sanitarias, padecemos unha estrutura hospitalaria que non é capaz de dar resposta axeitada en tempo e forma ás necesidades asistenciais, o que se traduce en importantes listas de espera, tanto cirúrxicas como de exploracións complementarias e de consultas, o que sobrecarga aínda máis o traballo da Atención Primaria que ten que asumir a ansiedade dos pacientes mentres agardan por unha consulta, unha proba ou unha intervención.
Con todo isto, a situación a día de hoxe é insostible. Cos profesionais dos Centros de Saúde saturados, con axendas de traballo imprevisibles pola falta de profesionais, e tendo que asumir as ausencias previstas e imprevistas, mentres atopan múltiples problemas para poder remitir a un paciente que o precisa a un especialista do Hospital.
Atópanse con que as ferramentas que tiñan que ser unha axuda, como as diferentes formas de tele medicina, remataron converténdose en verdadeiras barreiras de acceso, que non achegan nin integran os niveis asistenciais senón que os distancian e os enfrontan.
E que dicir das e dos profesionais dos Puntos de Atención Continuada (PACs) que levan máis de 6 meses de conflito e que, diante da pasividade da administración, teñen convocada unha folga, que non é máis que un sinal de desesperación diante da súa incapacidade para dar resposta á atención continuada, ás urxencias e ás emerxencias que se producen. E so demandan que se lles conte a xornada que realizan de xeito xusto, sen penalizar por permisos que noutros ámbitos do SERGAS non penalizan. E isto é fundamental cando se están vendo obrigados a realizar máis xornada da súa ordinaria.
O Presidente da Xunta e o Conselleiro de Sanidade teñen que asumir a súa responsabilidade e o fracaso das súas políticas sanitarias que nos trouxeron a esta situación. Teñen que facer unha aposta decidida pola Atención Primaria, con medidas como a recuperación das estruturas de xestión da Atención Primaria, con capacidade de xestionar orzamento e recursos humanos; e a dignificación do traballo das e dos profesionais, para volver a facer atractivo o traballo na Atención Primaria. Ao mesmo tempo, hai que incrementar a capacidade docente das áreas sanitarias para o que é preciso coidar ao persoal que se dedica a formar ás novas xeracións de especialistas, así como incentivar e prestixiar este traballo.
Precisamos, tamén, unhas estruturas hospitalarias que permitan que as e os profesionais da Atención Hospitalaria se relacionen de xeito directo cos da Atención Primaria, nun espazo de coñecemento e colaboración mutua, sen barreiras e cos recursos necesarios para permitir respostas áxiles que eviten as actuais demoras non asumibles.
Pero aínda que, no mellor dos casos, estas medidas foran postas xa en marcha, tardaríamos algúns anos en ter resultados, polo que precisamos medidas excepcionais fronte a unha situación excepcional. Se continuamos facendo o mesmo (nada), a situación non fará máis que empeorar.
Precisamos procedementos administrativos que permitan facerlle contratos estables, que respecten o dereito á conciliación persoal e laboral, a tódolos médicos de familia dispostos a traballar na Atención Primaria. E, deste xeito, rematar co encadeamento de contratos por días ou gardas.
Precisamos establecer procedementos regrados para cubrir as incidencias que se poidan producir cando un profesional non pode acudir a realizar o seu traballo, especialmente nas fins de semana. Non pode ser que neses casos a única posibilidade sexa chamar por teléfono ás e aos profesionais que non tiñan que traballar ese día para que acudan, co conseguinte incremento de xornada e distorsión familiar. Para resolver esta continxencia, habería que establecer un mecanismo de gardas localizadas.
E para paliar, temporalmente, a falta de profesionais, precisamos incentivar ás e aos profesionais que estean dispostos a comprometerse a facer máis horas da súa xornada ordinaria. Para que isto se poida facer ben, a Administración ten que dar unha resposta negociada ao conflito dos PACs, e que así estes profesionais, xunto cos dos centros de Saúde, ambos sobradamente comprometidos co sistema sanitario público, poidan aportar o seu compromiso de facer máis carga de traballo, pero sempre de xeito voluntario, retribuído e organizado.
Só o compromiso real coa Atención Primaria por parte da Administración pode evitar que a situación desesperada de hoxe remate nunha situación de crise sen precedentes.
Atencion Primaria De Salud Mental En Chile ...

Ningún comentario:

Publicar un comentario