Os mapas sonoros salvagardan sons que nun futuro poden desaparecer. Neles, e na escoita activa do noso entorno, atópase unha parte fundamental da riqueza dun pobo.
Sempre se dixo iso de que unha imaxe vale máis ca mil palabras. Cando analizamos e aprehendemos unha paisaxe, primamos a vista respecto do resto dos sentidos. Mais os sons tamén conforman unha parte fundamental da historia dun lugar, e por iso non deben ser esquecidos: cada territorio ten cadanseu son de fondo, cadansúa 'banda sonora', que constrúe a identidade dos lugares.
A Galicia rural, por exemplo, tivo e segue conservando uns sons moi sofisticados: o do carro sobre a terra, hoxe desaparecido; o dos traballos colectivos como a malla, os aturuxos, as cancións do traballo... As persoas, ao cantaren, mostraban a súa relación máis íntima coa terra. Xa que logo, os sons axúdannos a interpretar a nosa historia, a nosa memoria. Retrotáennos a espazos e a sensacións concretas.
A xornada 'Os arquivos sonoros: memoria e patrimonio', do Consello da Cultura Galega, afondou precisamente nestes temas. A necesidade de preservarmos os sons dun territorio determinado ten impulsado a creación de mapas sonoros en diferentes lugares. E sobre isto en concreto se centrou mesa redonda 'Os mapas sonoros como recurso colaborativo para a identificación acústica dun país', da man dos investigadores Manuel Gago, Xabier Erkizia, do País Vasco, e Paulo Marques, do país veciño Portugal.
A COMUNIDADE PRECISA ESCOITAR
"A comunidade precisaba dunha figura que se dedicaba a escoitar". Erkizia comezou a conversa coa historia da súa viaxe á illa de Timor, no sureste asiático. A súa teima era atopar grabacións dos sons daquel país, pero ao atopalos, alá marchou. Tratáse dun territorio non industrializado e que sufriu unha morea de xenocidios. "Onde queda a historia?". Erkizia deu cunha comunidade onde a escoita era tan fundamental que mesmo tiñan unha figura específica que se dedicaba a iso: un "mestre das palabras", unha especie de "grabadora humana". "Non falaba a non ser que se lle preguntara". E cando se lle inquiría, comezaba o seu ritual. De maneira poética, el remontábase á historia dos espazos para responder.
Un dos refraneiros máis populares da illa de Timor versa: 'O home mentres vive escoita e cando morre a terra tápalle os oídos'. "Se non escoitamos, nin xeramos nin construímos ningún tipo de historia", comenta Erkizia. Os sons das cidades e das aldeas de hoxe en día dotan de identidade os lugares, forman parte da creación dunha historia propia e mudan as percepcións que temos sobre deles.
CUESTIONARMOS OS SONS
"Se imos a unha cidade grande e non hai tráfico, pensaremos que aí non se produce nada, pensaremos que é unha cidade paradiña", prosegue o creador do Mapa Sonoro de Euskadi. Os sons inflúen na maneira en que comprendemos os lugares. Mais, por que os aceptamos sen cuestionalos? Hainos que por habituais pasan desapercibidos. Igual que acontece co cambio climático, que "sempre pensamos que o problema é doutro", o son excesivo nunca nolo atribuímos. "Nunca nos culpamos de facer ruído, pero deberiamos comprender que nós tamén aplicamos ruído aos demais".
LIGAZÓN COA MEMORIA
Ser conscientes deles e reducir a contaminación acústica que hoxe sofren as nosas cidades son puntos a traballar de cara ao futuro. Do mesmo xeito, preservar os do pasado será fundamental para enterdérmonos como pobo. "O son funciona ben como sinónimo de cultura", reivindica Erkizia. Por que nun mundo en mudanza, é fácil perder a ligazón co pasado. Paulo Marques cita varios elementos que inflúen na desaparición de certos sons tradicionais: o crecemento urbano, o abandono agrícola, a perda da diversidade, as alteracións climáticas e a mecanización das actividades humanas.
Fronte á perda, cómpre documentar, valorar e divulgar de cara a preservar a memoria e o patrimonio. Desta necesidade xordes os mapas sonoros. O xornalista e escritor Manuel Gago foi o encargado de presentar o proxecto galego, creado ao abeiro do Consello da Cultura Galega. Parte de máis de 500 documentos sonoros distribuídos por todo o país. Recolle lendas e contos das nosas maiores, unha viaxe sonora polo río Miño, sons da natureza e de oficios xa desaparecidos... e permite diferenciar as variedades dialectais do idioma. Escoitar para explorar a diversidade cultural e paisaxística do país.
O mapa sonoro de Euskadi funciona de xeito semellante. Baseado na arte de grabar sons do entorno, este proxecto ofrece os ruídos da cidade, ambientes naturais, animais, festas e celebracións propias do País Vasco, acontecementos… E o terceiro, centrado nas paisaxes sonoras naturais de Portugal nun mundo en mudanzas, é un traballo no que os creadores recolleron máis de 6.000 horas de sons representativos dos espazos portugueses.
Todos eles apélannos a escoitar para preservar e construír identidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario