A Xunta emite un vídeo promocional do investimento en novas infraestruturas na cidade nas pantallas das salas de espera de centros sanitarios da Coruña. Hai apenas unha semana prohibiu colocar carteis “críticos” nas instalacións do Sergas porque van “en contra do principio de neutralidade das institucións".
Redacción adiante
Desde hai uns días, as pantallas das salas de espera da planta baixa do Centro de Saúde do Ventorrillo na Coruña, un dos centros que soporta a maior carga poboacional no país, emiten un vídeo de propaganda da Xunta de Galiza no que se detalla a promesa do Executivo de Feixoo de ampliar o Hospital da Coruña (CHUAC).
As e os pacientes miran de cando en cando para o vídeo, no que os gráficos e as fotografías subliñan os números grosos do proxecto: o complexo sanitario do CHUAC dobrará a súa superficie actual, aumentará a rede viaria, haberá un edificio de investigación… e todo “para o teu confort”, nun espazo “humanizado”, un “novo hospital no lugar de sempre”, grazas a 395 millóns de euros de investimento, unha cifra na que se inclúen o gasto en melloras nos hospitais Abente y Lago (10 millóns) e no Marítimo de Oza (2,3 millóns).
Hai apenas unha semana, o Sergas emitiu unha instrución na que xustificaba a prohibición de colocar carteis que “poden resultar inxuriosos ou ofensivos para determinadas persoas, colectivos ou institucións” co argumento de que “a presenza de determinados símbolos, críticas ás diferentes políticas sanitarias ou convocatorias a actos e concentracións de protesta irían en contra do principio de neutralidade das institucións”, e advertía que eses usos do espazo público con carteis “favorecendo determinadas formacións políticas ou ideolóxicas (…) non se axustaría ao principio de neutralidade que todo poder público debe respectar”.
Malia a sensibilidade mostrada polo Sergas no respecto á neutralidade, as pantallas informativas dos centros de saúde e hospitais do Sergas -un elemento máis entre os servizos privatizados- son utilizadas estes días para difundir propaganda do Goberno do PP na Xunta en ano de eleccións.
A instrución advertía que eses usos do espazo público con carteis “favorecendo determinadas formacións políticas ou ideolóxicas (…) non se axustaría ao principio de neutralidade que todo poder público debe respectar”.
Patrimonio
Para o portavoz de SOS Sanidade Pública na Coruña, Ramón Veras, a difusión de vídeos como este demostran “a visión que o PP e o Goberno da Xunta teñen tanto dos servizos como das institucións públicas: consideran que son deles, unha visión patrimonialista. E iso explica tamén que non acepten as críticas e que encadren calquera critica como inxuria. Así que por un lado fan propaganda con promesas que cumprirán ou non, e polo outro impiden calquera crítica”.
O celo que o Sergas pon no cumprimento dos criterios que o propio Sergas establece varía en función de se prexudican ou benefician o Partido Popular de Feixoo.
A instrución foi unha resposta ás mobilizacións dos últimos meses do persoal do servizo público de saúde, pero singularmente á mobilización de traballadoras e usuarias contra o feche do paridoiro no Hospital de Verín e tratando de limitar a capacidade convocatoria cara a manifestación deste domingo en Compostela, a segunda gran marcha en menos de dous anos contra os retallos de Feixoo.
“Parécenos que o do PP é un comportamento antidemocrático. A instrución prohibindo os carteis críticos é simplemente censura”, di Veras, médico de Primaria nun centro de saúde da Coruña. “En ano electoral, teñen medo a perder as eleccións e por iso queren limitar calquera crítica”. O termo censor para cualificar a Feixoo pronunciouse tamén hoxe no Parlamento, durante as interpelacións ao presidente, desde a bancada da oposición.
Privatización
A emisión de propaganda gobernamental con clara intención electoral non é unha circunstancia anómala no funcionamento do Sergas, que admite nos centros de saúde e hospitais públicos publicidade de empresas privadas. Así sucede tamén no Centro de Saúde do Ventorrillo, onde as limitacións que impón a instrución non afectan, por exemplo, á campaña de captación de subscritores da revista Mi bebé y yo, e tampouco impide que empresas alimentarias comercialicen marca e produtos (mesmo algúns con efectos pouco saudábeis) noutro servizo tamén privatizado.
Tal é a lóxica da privatización do espazo público que impera no Segas, onde se consenten campañas propagandísticas e a comercialización de marcas e produtos de (determinados) partidos e empresas, mais négase a difusión de información e a expresión de críticas ao sistema sanitario tanto a traballadoras como a usuarias.
A lóxica da privatización do espazo público admite campañas propagandísticas e comercialización de marcas e produtos, mais nega a difusión de información e a expresión de críticas ao sistema sanitario.
Ningún comentario:
Publicar un comentario