Todos os colexios médicos de Galicia apoian a protesta en forma de dimisión como xefes de servizo levada a cabo este luns por 22 responsables de centros de saúde de Vigo ante o "deterioramento asistencial" na sanidade pública galega e instan a Xunta a que actúe xa para "reverter a actual situación" que sofre o Sergas, non só na Atención Primaria, senón tamén no ámbito hospitalario.
O Consello Galego de Médicos apoia a "protesta" dos xefes de servizo de Vigo e insta a Xunta a que actúe xa para "reverter" a actual situación
Nun contundente comunicado emitido este martes, o Consello Galego de Médicos e as Sociedades Científicas de Atención Primaria manifestan o seu apoio a unha protesta que "comparte o conxunto de colexiación nese ámbito asistencial" e advirten de que levan "xa anos alertando" á Consellería de Sanidade sobre "a necesidade de tomar medidas" nos centros de saúde para "afrontar o descontento dos médicos e as dificultades que soportan para manter a calidade da asistencia aos pacientes no seu traballo diario".
Os colexios médicos lembran que xa demandaron máis financiamento ou mudanzas na xestión
O consello lembra que demandou, entre outras medidas, "un incremento do financiamento, mudanzas na xestión dos recursos humanos, na capacidade resolutiva dos médicos de familia e na súa coordinación cos servizos hospitalarios", unhas condicións que considera "indispensables" para "comezar a reverter a actual situación".
Os colexios médicos lembran, ademais, que tamén os médicos que traballan no medio hospitalario manifestan "serios problemas" que poden acabar en "conflitos semellantes" aos da Atencións Primaria. E citan a "sobrecarga nas Urxencias, dificultade para crear equipos estables por excesivos contratos eventuais en necesidades claramente estruturais, precariedade no emprego de médicos novos ou escaso recoñecemento da actividade docente".
Os colexios médicos advirten de "serios problemas" tamén nos hospitais, que poden acabar en "conflitos semellantes" aos da Atencións Primaria
Ao tempo, critican o "silencio ante as propostas dos coordinadores de Urxencias para disminuír os sobreaforos en perídos invernal" ou os "insuficientes plans de continxencia".
"Non afrontar os problemas e anunciar medidas que nunca chegan a materializarse, como está a ocorrer en Galicia, só contribué a xerar malestar e conflito nos profesionais", denuncia o Consello Galego de Médicos, que lembra á Xunta que nunhas recentes xornadas sobre a Atención Primaria xa se puxo de manifesto o "profundo malestar" dos profesionais deste ámbito que, recorda, "definiron como unha emerxencia a situación de sobrecarga diaria" de moitos centros de saúde do país.
"Non afrontar os problemas e anunciar medidas que nunca chegan só contribué a xerar malestar e conflito nos profesionais"
O Consello vai máis aló cando asegura que ten "constatado" que outras comunidades autónomas "xa están tomando medidas semellantes" ás que propoñen, "chegando a acordos concretos cos médicos para conseguir tempos mínimos de atención que posibiliten unha asistencia de calidade e eficiencia".
Os colexios médicos piden abordar esta crise "xeralizada" no Estado na Atención Primaria, aínda que con "matices territoriais" e reclaman que se aborde "de maneira integral" con "financiamento suficiente e importantes cambios na xestión dos recursos humanos", así como a "reordenación dos recursos e dos roles profesionais sanitarios", entre outras medidas.
Por último, o Consello reitera o seu apoio aos xefes de servizo que renunciaron e espera que a Consellería de Sanidade "tome as decisións oportunas que permitan reverter as súas dimisións".
Ningún comentario:
Publicar un comentario