sábado, 15 de decembro de 2018

Máis do 40% dos médicos galegos xubilaranse nos vindeiros dez anos


Consulta baleira nun centro de saúde en Vigo © Sergas




Nas súas recorrentes críticas sobre a situación do sistema sanitario galego, os colectivos profesionais e sindicatos médicos alertan decote de que os actuais problemas asistenciais pola carencia de persoal (por exemplo, nos PACs ou nos servizos de Pediatría) irán a máis no futuro se non se toman medidas urxentes. Unha das razóns é a proximidade da xubilación para unha parte importante dos e das médicas galegas.
Ao redor de 2.350 médicos de familia galegos teñen entre 60 e 65 anos de idade
Un informe publicado hai uns meses polo Consello Xeral de Colexios Oficiais de Médicos (CGCOM) advertía de que un 43,4% dos médicos galegos en activo tiña (no 2017) máis de 55 anos e de que mesmo un 5% xa superaba os 65 anos. Na actualidade estes profesionais xa se poden xubilar aos 67 anos e a Xunta estuda ampliar este límite ata os 68, ao igual que outras comunidades autónomas, que barallan medidas para ampliar a idade voluntaria de xubilación ata os 70 anos, mesmo.
Un de cada catro pediatras galegos superan os 60 anos
Galicia é, de feito, o segundo territorio cunha maior porcentaxe de profesionais por riba dos 55 anos, só por detrás de Cataluña e superando en dous puntos a media española. A situación afecta a todas as áreas, pero de forma moi importante á Atención Primaria e a Pediatría, dous dos ámbitos que xa están a amosar unha maior carencia de persoal. Ao redor de 2.350 médicos de familia galegos teñen entre 60 e 65 anos de idade e o na mesma situación están 80 pediatras, unha cifra moi importante se temos en conta que o número total de profesionais desta especialidade é de tan só 327.
Tan só o 18,3% dos médicos galegos contaba o pasado ano con menos de 35 anos e outro 17,3% tiña entre 35 e 45 anos. Cada ano saen das aulas da Facultade de Medicina de Santiago un máximo de 360 novos licenciados, e o número de prazas MIR ofertadas o pasado ano en Galicia foi de 318, un número insuficiente para dar resposta á demanda crecente de profesionais. Ademais, neste momento hai nos centros sanitarios galegos 1.360 residentes, que aínda non completaron o seu proceso de formación.
Os 22 xefes de servizo que este luns dimitiron na área santaria de Vigo denunciaron "os recortes que están afectando ao sistema de saúde galego desde 2012", alertando da "sobrecarga asistencial", que provoca "esgotamento e desmotivación dos profesionais sanitarios" e a "falta de fidelización dos profesionais novos á sanidade pública e xubilacións anticipadas de profesionais con grande experiencia".
Para AGAMFEC é "unha mentira" que falten médicos: "Como explican os nosos directivos que cando se convoca unha OPE para 200 prazas veñan 800 candidatos?"
"O gran problema da Atención Primaria é a falta de financiamento", denunciaba igualmente a pasada semana a Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria. A entidade explicaba que "a porcentaxe de gasto da AP en España é un paupérrimo 14% (cando os expertos defenden un 25%) e en Galicia estamos 2 puntos por debaixo: un 12%". 
Ademais, respondía ao argumento empregado habitualmente polo Goberno galego para xustificar as carencias asistenciais, a "falta de médicos", que cualificaba de "mentira repetida". "Como explican os nosos directivos que cando se convoca unha OPE para 200 prazas veñan 800 candidatos?", preguntábase. "O que queremos os médicos, como todo o mundo civilizado, son contratos dignos e estables. Non, como dicía a economista, seguir coa política de menos gasto pero máis contratos. Iso só significa precariedade e contratos-basura", engadía.

Ningún comentario:

Publicar un comentario