martes, 11 de decembro de 2018

Dimite unha vintena de xefes de centros de saúde de Vigo pola "deterioración sanitaria" no Sergas


Vázquez Almuíña, na inauguración do centro de saúde Taboada Leal de Vigo © Xunta


Os recortes, a falta de medios e persoal, a precariedade e as derivadas deficiencias de atención ao persoal. Son as queixas que desde hai tempo levan a cabo diferentes colectivos da sanidade pública galega e que provocan mobilizacións constantes ou folgas no sector das ambulancias, nos puntos de atención continuada (PAC) ou nas Urxencias, como ocorre a tal hora no Clínico de Santiago. O conflito vai a máis e este luns 22 xefes de servizo dos centros de saúde da área sanitaria de Vigo presentaron a súa dimisión en bloque ante a "progresiva deterioración da asistencia sanitaria en Atención Primaria, que chegou a límites insostibles"
Máis de vinte xefes de servizo da área sanitaria de Vigo presentan a súa dimisión pola "derioración da asistencia sanitaria en Atención Primaria"
Con esa contundencia se manifestaran na carta de renuncia que asinaran todos eles e dirixida á Consellería de Sanidade. Na tarde deste luns, 22 profesionais consumaron e escenificaron a súa renuncia nunha rolda de prensa na que explicaron que o motivo principal da súa decisión eran "os recortes que están afectando ao sistema de saúde galego desde 2012". Así o aclarou o presidente do colexio de médicos de Pontevedra, Luis Campos, que mostrou o apoio aos dimisionarios.
No escrito, ao que tivo acceso este diario, advirten de que teñen avisado "reiteradamente" da situación á administración sanitaria. "Ata aquí chegamos e non queremos ser cómplices desta deterioración", explican os xefes de servizo, que lembran que denunciaron as eivas "de forma reiterada" tanto ao xerente e a director de asistencia da área de xestión integrada de Vigo, así como ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña. As peticións levadas a cabo nas últimas xuntanzas no verán tampouco recibiron resposta. 
"Ata aquí chegamos e non queremos ser cómplices desta deterioración", explican os profesionais sobre unha situación que "chegou a límites insostibles"
"Ante a ausencia de cambios, decidimos presentar a nosa dimisión como xefes de servizo", explican na carta os responsables dos centros de saúde de Coruxo, Gondomar, Casco Vello ou A Doblada, entre outros. Na carta denuncian a "sobrecarga asistencial" que provoca "a deterioración da atención aos pacientes, con repercusión na súa saúde", así como o "esgotamento e desmotivación dos profesionais sanitarios", o que provoca a "falta de fidelización dos profesionais novos á sanidade pública e xubilacións anticipadas de profesionais con grande experiencia". 
Na rolda de prensa, advertiron de que a carga asistencial provoca que moitos dos profesionais de Primaria teñan que atender até 45 pacientes por día algo que non cren "digno".  E mesmo explicaron que un dos que dimite non puidera estar no acto porque tiña que atender "92 pacientes" nesta xornada. E advertiron de que hai médicos "que non queren traballar coas condicións precarias que lles ofrecen". 
Os xefes de servizo critican tamén a "nula previsión da falta de recambio profesional" que, din, é "evidente" desde hai anos en Medicina de Famlia e Pediatría, ou a "dificultade de acceso á atención hospitalaria" dos doentes, con listas de espera para probas e consultas "inaceptables" e "sen posibilidade de derivación urxente ou preferente", sendo as urxencias hospitalarias "a única porta de entrada". 
Ademais, denuncian a "utilización perversa de novas tecnoloxías na interconsulta que dificultan máis o acceso" e a "ausencia de contratos eventuais estables" e as "condicións de traballo deplorables para os profesionais máis novos na sanidade pública". 
Os profesionais falan dunhas "condicións de traballo deplorables para os profesionais máis novos na sanidade pública"
O escrito, moi duro co Sergas, advirte de que os centros de atención primaria "non contan desde hai anos con plans estables de reposición de material nin de incorporación de novos aparellos". "Non deixamos de ver como os hospitais crecen en dotación e tecnoloxía cara e sofisticada mentres na Atencións Primaria carécese do elemental. A actividade que antes se facía nos hospitais e agora se realiza en primeira non ven acompañada dos recursos necesarios", explican os xefes de servizo que pasarán a exercer unicamente como médicos de familia. 
A dimisión que presentarán esta tarde en bloque, e á que se podería unir algún facultativo máis, coincide cunha xornada de folga de médicos en Galicia na que o sindicato O'mega critica tamén a "deterioración da sanidade" ou o "esgotamento" do persoal, así como os "recortes orzamentarios" e o "colapso permanente da asistencia". 
A dimisión coincide cunha folga de médicos en toda Galicia ou a que se mantén nas Urxencias do Clínico de Santiago
As demandas coinciden en moitos casos, tamén, coas reivindicacións que levan a cabo nas Urxencias do Hospital Clínico de Santiago tanto o persoal como os médicos. Neste luns, e ata o xoves, comeza a quinta semana de folga nun espazo onde os profesionais, como noutros casos, reclaman máis traballadores, máis medios e mellores condicións laborais para mellorar tamén a atención á cidadanía. 
O persoal considera insuficiente a oferta de reforzo que ofrece a xerencia, mantén as mobilizacións e anuncia un peche para o vindeiro día 19. Tanto médicos como o resto de profesionais insisten en manter as mobilizacións, que este luns volven á porta do Clínico, logo de que nos últimos días se volvesen acumular doentes nos corredores. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario