Marcos Pérez Pena
http://praza.gal/
Nos últimos meses a falta de pediatras en moitos concellos e en barrios de grandes cidades provocou numerosas protestas, de Malpica e Coristanco a Pobra de Trives, de Vigo á Coruña. A realidade é que en Galicia faltan pediatras, con ao redor de 160 profesionais traballando nos centros hospitalarios, e pouco máis de 300 en Atención Primaria, menos de un por cada mil nenos e nenas, cifras insuficientes en moitas zonas, que derivan en sobrecarga de traballo para o persoal e que obrigan en ocasións ás familias de desprazarse a outros centros de saúde e outras localidades para recibir a atención médica.
En outubro a Xunta creou a categoría de pediatra desprazable, que retirou catro días despois ante as críticas de profesionais e usuarios/as
O pasado mes de outubro o Goberno galego creou a categoría de pediatra desprazable, que podería prestar os seus servizos en calquera nivel asistencial dentro dunha mesma área sanitaria. De inmediato, a Sociedade de Pediatría de Galicia, a Asociación Galega de Pediatría de Atención Primaria e profesionais a título individual amosaron o seu total rexeitamento á medida,alertando de que ía "repercutir negativamente na atención dos nosos nenos", impedindo por exemplo que fosen atendidos de forma continuada polo mesmo médico.
A Xunta tardou apenas catro días en retirar a súa proposta, mais o problema de fondo mantense. A falta de pediatras "impide cubrir xubilacións, baixas e vacacións, obrigando aos médicos a ter que facer prolongacións de xornada e intersubstitucións, asumindo a axenda do compañeiro que falte", alerta a CESM. Ademais, ao redor dun "13% das prazas de pediatra están ocupadas por médicos de familia", sinala a Asociación Galega de Pediatría de Atención Primaria (AGAPap).
Mobilización ante o Centro de Saúde de Coruxo, hai uns meses, para pedir que se manteña a praza permanente de Pediatría © Asociación de Veciños de Coruxo
A situación pode empeorar moito nun futuro inmediato, se temos en conta que ao redor do 75% dos pediatras en activo teñen máis de 45 anos, o 40% teñen máis de 55 anos e o 25% superan os 60 anos. Ao redor de 80 pediatras xubilaranse nos vindeiros 5 anos en Galicia.
327 pediatras traballan na Atención Primaria en Galicia, case 60 menos que no ano 2004 (405). Un 60% dos concellos carecen de especialistas
Na actualidade 327 pediatras traballan na Atención Primaria en Galicia, case 60 menos que no ano 2004 (405),un descenso que se produciu en todas as provincias, pasando A Coruña de 175 a 138, Lugo de 50 a 36, Ourense de 42 a 33 e Pontevedra de 138 a 120.
Un 60% dos concellos galegos (un total de 187) carecen de pediatra, unha cifra que no 2004 era tan só de 113. Comarcas enteiras, como Viana, Terra de Trives, Terra de Caldelas ou Baixa Limia, non contan con ningún especialista. E moitas outras (A Mariña Oriental, Meira, Quiroga, A Fonsagrada, Chantada, Ancares, Xallas, Terra de Melide, Ortegal e A Barcala) só dispoñen dun profesional.
Ningún comentario:
Publicar un comentario