Manuel Rivas
https://luzes.gal/
Maurizio Ferraris publicou hai un par de anos un libro que xa acadou a condición de clásico na materia: L’imbecillità è una cosa seria. Un dos capítulos trata da imbecilidade como factor político. Pensei neste título o pasado xoves, cando vin a reacción do presidente da Xunta ante unha pregunta oportuna e sensata, a de se tiña pensado tomar algunha medida ou facer algún comentario polas protestas na Radio e na Televisión de Galicia, #DefendeAGalega, e que se veñen sucedendo dende xa hai trinta semanas, os chamados Venres Negros, #VenresNegro30CRTVG.
A pregunta era pertinente e sinxela. O estraño é que nunca antes se lle fixera. Que durante trinta semanas o presidente da Xunta non fose interpelado en conferencia de prensa por esa mobilización histórica para liberar os medios públicos da gaiola sectaria é unha cousa seria.
O señor Feijóo respondeu que non ía responder, aínda que tiña cousas que dicir. Iso é unha cousa seria. E amparouse en que quen fixera a pregunta era un xornalista gráfico. Iso é unha cousa seria.
Estamos ante a confluencia de dúas cousas serias. Por unha banda, un gobernante recoñece que ten algo que dicir sobre un asunto do máis grande interese. E pola outra, di que non o vai dicir porque quen pregunta é un xornalista gráfico. A suma de dúas cousas serias é unha cousa moi seria.
Un xornalista gráfico, cunha cámara, é un xornalista. Sen el non teriamos información hoxe esencial, a gráfica. Non teriamos, por exemplo, a imaxe televisiva do señor Feijóo. O que iso significa? Que sen o xornalismo gráfico non existiría o político Feijóo. Debería responder non só por obriga senón polo seu propio interese. Mesmo podería ser amábel: «Agradezo moito esa pregunta e voulla responder graficamente».
Que o presidente da Xunta afirme que ten algo que dicir á cidadanía e logo cale é un acto de xactancia. Unha cousa seria.
Que o presidente da Xunta trate como un ninguén a un profesional que honra a súa profesión preguntando o que cómpre preguntar, no lugar e no tempo en que hai que facelo, é un menosprezo ao xornalismo. Unha cousa seria.
Que o presidente da Xunta faga alarde público de comandar a lei do silencio é unha cousa seria.
E conste que este artigo non trata da imbecilidade, senón de cousas serias.
Ningún comentario:
Publicar un comentario