"O Apalpador é un invento, un invento milenario que emana das memorias graníticas da nosa terra. Inventamos o Apalpador a cada inverno, a cada folerpa. Inventámolo e reinventámolo desde antes de que ti naceses". Con esta declaración, a Gentalha do Pichel presenta un documental sobre esta figura mítica que recuperou pulo durante as últimas festas do Nadal en Galicia.
Grazas a colectivos como a Gentalha do Pichel, moitos galegos (re)descubriron unha antiga tradición de inverno á que, como case sempre que se intenta a recuperación destes símbolos, moitos acusaron de "invento nacionalista", entre outros cualificativos menos suaves. Así, durante tres anos varios membros da Gentalha estiveron "aprendendo tradicións nas montañas do leste da Galiza" para estrear un documental do Apalpador que se pode ver xa a través de internet.
O documental é froito dun traballo de tres anos "aprendendo tradicións nas montañas do leste da Galiza"
Son decenas de gravacións que conforman "unha mostra verídica e cargada de humanidade da nosa máis xenuína tradición de inverno". Pero iso non significa que non sexa unha copia, tal e como lembra A Gentalha. Claro que é unha copia dos galegos que desde hai anos e anos imitaron esta tradición "do Pai Natal, do Esteur, do Olentzero vasco, do San Nicolás, do Julemanden, do Ded Moroz ou do Joulupukki". "E eles copiaron a nosa", reivindican.
"Claro que o Apalpador é unha copia, igual que o Olentzero ou o Pai Natal é unha copia do Apalpador"
"Copiamos todiño con papel de calco; copiamos hai mil anos nos espellos da faixa atlántica europea", din na Gentalha do Pichel, que lembra como "na Galia urbana do segundo milenio unhas poucas resistentes configuraron o suxeito da máis recente reinvención do Apalpador".
No documental, a Comisión de Memoria da Gentalha do Pichel percorre varias aldeas e casas da montaña do leste galego preguntando pola tradición do Apalpador aos máis vellos do lugar. Son moitos os que lembran a figura dun home que "disque viña das montañas, cargado de castañas, a apalpar as barrigas dos máis pequenos". E son tamén moitos os que lembran as ameazas que os pais daquelas épocas duras empregaban cos seus cativos para que ceasen con xeito. "Come que ha vir o Apalpador", dicíanlles.
O documental revela a existencia dunha fonda e antiga tradición de 'apalpadores' nas montañas galegas
E pola noite, xa na cama, os cativos sentían unha man na barriga -a do seu propio pai normalmente- que comprobaba se os nenos tiñan ou non fartura. "Cheo ou delgado, así esteas todo o ano", dicíaselle (e díselle) nas montañas lucenses aos picariños. Unha tradición milenaria que se recupera agora en moitas vilas e cidades da man de colectivos sociais que dan pulo á figura dun home con barba, cargado cun saco de castañas e que baixa das montañas a apalpar as barrigas dos máis pequenos. Como leva o Olentzero facendo anos en Euskadi e como outros moitos personaxes fan desde hai centos de anos noutros países.
Sexa como for, a Gentalha do Pichel quere dedicar o documentario. E dedícallo a quen os "acusou de inventar a tradición". "Tamén a Vicente Risco, a Xaquín Lorenzo, Xocas, e a toda a xente que humildemente aprendeu do noso pobo a eternidade milenaria que construíu contra os imbéciles", din. Esta noite, en moitos lugares do país, tamén ha vir o Apalpador. Ou non.
Ningún comentario:
Publicar un comentario