Helicóptero e ambulancia do 061 de emerxencias sanitarias nun simulacro
David Reinero
http://praza.gal/
O Goberno galego substitúe o xerente e dous dos tres directores de área da fundación encargada das urxencias sanitarias, investigada pola adxudicación das súas ambulancias e con conflitos laborais desde hai meses
O pasado 13 de novembro o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, visitou as novas instalacións na Estrada da fundación pública que xestiona o 061, o dispositivo de emerxencias sanitarias da Xunta. Ese día, nunha nota de prensa na que esa información se deixaba para os seus últimos parágrafos, o Goberno galego anunciou a “substitución” de quen viña sendo director-xerente do 061 desde a chegada de Feijóo á presidencia da Xunta en 2009, José Antonio Iglesias Vázquez. Este martes, dúas semanas despois, o Diario Oficial de Galicia (DOG) desvelou que os cambios na cúpula do 061 son maiores e afectarán non só ao seu máximo responsable senón tamén a dous dos tres directores de área que o secundan. Unha crise na cúpula da fundación pública que se produce tras anos de polémicas en moi diversos ámbitos da súa xestión. De feito, este mesmo mércores o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anulou os servizos mínimos do 100% impostos polo Goberno galego ao persoal de atención telefónica do 061 durante a folga que desenvolveu o pasado verán.
Cando hai dúas semanas a Xunta anunciou a saída de Iglesias Vázquez indicou que o substituiría o ata agora director da área asistencial do 061, José Manuel Flores Arias “en tanto non se resolve definitivamente a ocupación da praza”, evidenciando a precipitación daquel cambio. O proceso para cubrir esa praza por libre designación vén de abrirse este martes no DOG, pero ao tempo tamén se convocan as prazas da dirección asistencial (á que polo tanto non volvería Flores Arias) e da dirección de coordinación do 061, co que só se mantería invariable a terceira dirección da fundación, a máis administrativa de xestión e servizos xerais.
A Xunta non revisou varios elementos de seguridade das ambulancias e helicópteros sanitarios do 061 cando os adxudicou
O 061 está inmerso actualmente nunhainvestigación penal dun xulgado de Santiago sobre o xeito en que adxudicou en 2015 o contrato de 120 millóns de euros para xestionar as súas ambulancias. Un técnico da fundación está imputado xunto con varios empresarios que supostamente tiveron acceso previo ás condicións do concurso. No marco desa investigación, un informe pericial da policía constatou diversas eivas de seguridade nas ambulancias do 061, que circularon durante meses con sobrepeso pero que a Xunta asegura que xa cumpren coa normativa.
A fundación tampouco comprobou elementos de seguridade antes de adxudicar, este mesmo ano, os seus dous helicópteros sanitarios, segundo constatou o tribunal administrativo de contratos nun proceso de contratación de 10 millóns de euros que se alongou durante preto dun ano.
No ámbito laboral, veñen sendo recorrentes as protestas tanto do persoal propio do 061 como do das empresas de ambulancias que prestan servizo para a fundación. Os sindicatos critican que o Goberno galego non ten en conta que as rebaixas que esas firmas ofreceron para facerse cos contratos son inasumibles economicamente para unha correcta prestación do servizo e acaban supoñendo ou recortes aos seus traballadores ou incrementos posteriores dos custos para a Xunta. A esas protestas sumáronse nos últimos meses as derivadas do traslado das sedes centrais dos dispositivos de emerxencias da Xunta desde Santiago a unhas novas instalacións na Estrada ás que foron obrigados a desprazarse os seus traballadores.
O TSXG vén de anular os servizos mínimos do 100% que a Xunta impuxo ao persoal de atención telefónica do 061 durante a súa folga do pasado verán
A última polémica laboral arredor do funcionamento do 061 ten data deste mesmo mércores. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia divulgou unha sentenza na que anulou, como vén facendo noutros moitos ámbitos, os servizos mínimos do 100% que a Xunta impuxo ao persoal de atención telefónica do 061, externalizado a través dunha empresa, durante a folga que desenvolveron o pasado verán. O tribunal considera, como defendía a CIG, autora do recurso, que o Goberno galego non xustificou por que eran necesarios servizos mínimos que na práctica impedían a folga xa que nin indicou o número de traballadores do cadro de persoal.
A Xunta eloxia a coordinación de emerxencias do xerente saínte pero nunca fixo autocrítica das eivas detectadas no accidente de Angrois
Por outra banda, na nota coa que hai dúas semanas a Xunta informou da substitución do xerente do 061, eloxiou o seu traballo indicando que “dirixiu e coordinou os operativos sanitarios de urxencias extrahospitalarias en diversos incidentes de múltiples vítimas como o accidente de Angrois”, no que o 24 de xullo de 2013 houbo 80 mortos e 144 feridos. Sobre ese e outros operativos a Xunta salienta que demostraron “a elevada capacidade resolutiva dos profesionais sanitarios”. Porén, máis alá da entrega do persoal, o accidente de Angrois evidenciou diversas eivas de coordinación e xestión dos servizos de emerxencias sobre as que o Goberno galego nunca fixo autocrítica. Durante os minutos posteriores ao sinistro, entre outras cuestións, un helicóptero sanitario informou de que non podía despegar “por unha avaría” ao tempo que o 061 non era quen de dirixir cara ao lugar do accidente ás ambulancias dispoñibles en Santiago.
Ningún comentario:
Publicar un comentario