Antón Losada
https://luzes.gal/
Dos máis de cen mil míticos militantes que di ter o Partido Popular en Galicia –máis de trinta mil activos, como lles gusta recalcar aos prebostes da organización- apenas un 4,7% se apuntaron para votar nas primarias para elixirlle sucesor ao noso chorado Mariano. Apenas 4.222 entre os populares galegos satisfacían as dúas condicións de apuntarse e ter pagado as cotas, mesmo a tarifa plana de «20 euros e quedamos en paz». Non sabemos se os outros 96.000 non queren votar ou simplemente non pagan ou non queren pagar as cotas.
Galicia foi a que menos inscrición rexistrou. No resto do Estado a cousa mellora algo, pero pouco. Apenas un 7,6% do militantes populares se apuntaron. De novo, non sabemos se o 93% restante non paga as cotas o simplemente non quere votar. Moitos cartos deben ter circulado no PP nestes anos para que non lles preocupara que menos da metade dos seus militantes pagaran as cotas. Non era corrupción, amigas, era pura necesidade.
O único certo a día de hoxe é que os apenas catro mil douscentos votos dos militantes galegos –o 6,3% do total dos inscritos- non van decidir a presidencia do PP
A teoría máis estendida di que foron os dirixentes do partido quen desincentivaron á militancia canto puideron para poder controlar mellor o voto dos seus territorios. Iso explicaría que, por exemplo, en Galicia sexa Ourense a provincia con peores resultados. De resultar certa a tese, as grandes beneficiadas serían as candidatas que teñen máis apoios no aparato, Soraya Sáenz de Santamaría e Dolores de Cospedal. Os analistas tamén teñen avaliado onde se inscribiron máis, destacando especialmente Madrid e Valencia, e apuntan a que iso beneficia a Pablo Casado, que se presenta, en modo Pedro Sánchez, como unha especie de paladín da militancia fronte á tiranía do aparato.
Pero todo son teorías. O único certo a día de hoxe é que os apenas catro mil douscentos votos dos militantes galegos –o 6,3% do total dos inscritos- non van decidir a presidencia do PP. Por iso non é de estrañar que O Noso Alberto se teña quitado do medio –e xa van dúas veces- e se teña decantado por facer de guía turístico mentres vai recibindo aos candidatos por orde de peticións. Para que meterse en problemas se, total, se gaña o teu sempre vai pensar que non cho debe e se perde aínda por riba te creas un inimigo?
A conversa típica de semellantes visitas de Estado resulta ben doada de imaxinar. Só ten que recrear as conversas que seguro ten tido algunha vez con ese cuñado de fóra ou ese veraneante da casa do lado.
-¿Y dónde vamos a comer? Siempre que vengo a Galicia me llama la atención lo bien que se come aquí. ¡Qué bien vivís, cabrones! Lo único malo es el tiempo.
-Te voy llevar al sitio donde se come el mejor marisco del mundo y el más barato. Solo lo conocemos los de aquí. Vas a alucinar.
-¿Ves? Eso es lo que no encuentras en Madrid. Lo auténtico, lo de verdad, lo nuestro. Oye, ¿Qué me llevo de recuerdo, un botafumeiro o una catedral de Santiago?
-Ya te consigo yo unos pins del Camino. Que tenemos cajas a rodar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario