Laureano Araujo
http://praza.gal/
Explicarlle a unha persoa foránea que é exactamente o que se celebra en Galiza o 25 de xullo é unha tarefa que pode resultar esgotadora e ao cabo imposíbel. Na praza da Quintana, en Compostela, reúnense miles de persoas que celebran o Día da Patria Galega, na prensa aparecen anuncios institucionais co gallo do Día de Galicia e a TVG retransmite en directo a ofrenda ao apóstolo feita na catedral de Santiago coa asistencia do presidente do Goberno Galego. Se é unha celebración identitaria, a que se refire? A Galiza ou a España? Se se refire a Galiza: que fai o presidente da Xunta na catedral? Se se refire a España: por que non é un festivo nacional español?
Como explicarlle isto a alguén que vén de fóra? Acudamos ao DOG. Nel pode lerse todos os anos un decreto polo cal se determinan as festas e o calendario laboral para o ano seguinte, e nesa norma aparece sinalada a nosa festa de acordo co estabelecido no Decreto, publicado o 1 de xaneiro de 1979, polo cal se declara Día Nacional de Galiza o 25 de xullo de cada ano. Pero ninguén utiliza o nome Día Nacional. Os nacionalistas prefiren Día da Patria Galega e a propia Xunta (sic!) e mais os medios (que en Galiza son, case todos, refractarios ao máis mínimo intento de avanzar no proceso de construción nacional) recorren a Día de Galicia.
Explicarlle a unha persoa foránea que é exactamente o que se celebra en Galiza o 25 de xullo é unha tarefa que pode resultar esgotadora e ao cabo imposíbel
E o certo é que o decreto de 1979 acerta plenamente. No artigo 1 do Estatuto de Autonomía, Galiza defínese como unha nacionalidade histórica. Este concepto non logrou satisfacer ninguén: os nacionalistas galegos sempre teimaron en que o país se entendese como unha nación, mentres os nacionalistas do Estado, para quen a única nación é España, prefiren acudir aos termos rexión ou comunidade para referirse a Galiza. Porén, a lingua ten as súas regras, e cando se predica algo dunha nacionalidade cómpre empregar o adxectivo nacional: a festa da nacionalidade é a festa nacional. O problema, neste caso, é que o adxectivo nacional parece remitir prima facie á nación. E Galiza nación non é nin pode selo!
A festa da nacionalidade é a festa nacional. O problema, neste caso, é que o adxectivo nacional parece remitir prima facie á nación. E Galiza nación non é nin pode selo!
De maneira que, cando lle teñamos que explicar a un foráneo que pasa aquí o 25 de xullo, o máis honesto (e tamén o máis embarazoso) que lle podemos dicir é que “depende”. O DOG ten a resposta oficial, ademais de lingüística e xuridicamente correcta, pero ninguén –empezando polo executivo conservador e mais os seus corifeos– lle fai o máis mínimo caso. Os nacionalistas galegos, atados a unha venerábel tradición, desaproveitan unha expresión moi acaída; e todos os demais acoden a denominacións asépticas e agrisadas.
Mentres tanto, o forasteiro curioso que se preocupou por desentrañar este enguedello xa desistiu do intento. Aos galegos non parece importarnos que nin o noso goberno nin o noso partido político máis importante respecten e celebren a nosa festa maior. Se o obxectivo das elites políticas, económicas e mediáticas do país, disque celosas defensoras da orde constitucional, era a negación antiestatutaria da nosa condición nacional, semella que tiveron éxito. E sen tocaren nin unha coma do DOG.
Ningún comentario:
Publicar un comentario