martes, 31 de xullo de 2018

Non criticarás a Xunta


Beatriz Moyano, xornalista e presentadora da TVG

Anxo Lugilde
http://praza.gal/

Criticar a Xunta é moi doado, pero non é patriótico, díxome en directo na TVG, durante o bipartito, un veterano compañeiro que de aberto defensor do fraguismo se reciclara en afín ao nacionalismo entón cogobernante. A min aquilo lembrárame o que contaba con graza o xornalista Fernando Jáuregui no seu libro sobre Fraga de que nos anos 80 en Galicia lle era case imposible atopar un xornalista galego de política que non falase marabillas do todopoderoso vicepresidente da Xunta, Xosé Luís Barreiro. Como relatou Xosé de Cora en Barreiro contra Barreiroo fillo do carteiro de Forcarei tivo un papel fundamental en conseguir que, contra o criterio dalgúns na rúa Génova, a TVG nacese hai 33 anos como unha canle monolingüe en galego e cunha apertura á creatividade que hoxe semella futurista. Mais a pegada de Barreiro, como o señor das tebras da Galicia autonómica, tamén está presente no xurdimento no modelo galego de control mediático que, sen que chegase co bipartito o tan prometido cambio, nos nosos días acadou niveis sobre os que hai a moi reveladora controversia na profesión de se son iguais ou peores que os dos primeiros tempos do fraguismo.
En presenza do presidente da Xunta e nun venres dos da loita contra a manipulación dos medios autonómicos, Moyano explicou que vestía de negro non por casualidade, senón porque esa é a cor das protestas, ao que seguiu un aplauso do público
Como afortunadamente existe Praza Pública, e tamén as redes sociais, o pasado xoves coñeceuse que a dirección do TVG lle abriu xa hai semanas un expediente a Tati Moyano, xunto a Alfonso Hermida a presentadora dimisionaria do Telexornal Serán, o principal informativo da canle. Foi pola súa participación nunha gala contra o cancro o 22 de xuño. En presenza do presidente da Xunta e nun venres dos da loita contra a manipulación dos medios autonómicos, Moyano explicou que vestía de negro non por casualidade, senón porque esa é a cor das protestas, ao que seguiu un aplauso do público.

Segundo fontes presenciais, aínda que logo no discurso non falase diso, Feijóo deixou ver o seu desagrado coa intervención de Moyano, que estaba acompañada polo xornalista Luís Pardo. Opinaba que a referencia á loita de Defende a Galega non era nin oportuna nin elegante nese contexto dunha gala contra o cancro, malia ser unha nota a rodapé. E insistiu en que, como xa dixo nunha conferencia de prensa do Consello da Xunta, el non dirixe os medios públicos, o que semella ser, por outra parte, rigorosamente certo pois diso xa se ocupa a súa vicepresidenta na sombra, Mar Sánchez Sierra, quen segundo fontes populares leva anos vetando a creación dese consello de informativos incluído contra o seu criterio na lei dos medios públicos e cuxa posta en marcha se reclama nos Venres Negros.
O apercibimento a Moyano debeuse oficialmente ao uso de medios da compañía, suponse que da maquillaxe, sen unha autorización expresa, mais o numeroso grupo de presentadores que saíu internamente na súa defensa afirma que o que ela fixo foi seguir a práctica habitual na casa, o que incluía a comunicación previa á xefatura de que collía o día libre para ese fin. Así se albisca que o verdadeiro problema reside, ao meu modo de ver, en dicir o que dixo e, sobre todo, diante de quen o dixo, nun xesto de coraxe nada común, por máis que o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, viñera afirmar recentemente no Parlamento que valentes eran os que corrían diante dos grises.
Eses feitos da gala contra o cancro producíronse xusto despois de que se coñecese a renuncia de Hermida e Moyano a seguir presentando o Telexornal da nova tempada da canle pública que comezará en setembro, no contexto da súa participación nos Venres Negros. Trátase dunha renuncia pola manipulación dos medios públicos que, logo da súa publicación en Praza Pública, apenas tivo eco na prensa galega de papel. Se ese feito se producise en TV3 evidentemente sairía nas portadas. Pero incluso se fose en calquera televisión autonómica é probable que aparecese como noticia nalgunha páxina, agás que sucedese nunha en concreto, a de Galicia, precisamente. E iso é o preocupante, na medida en que reflicte unha patoloxía do sistema político.
Se ese feito se producise en TV3 evidentemente sairía nas portadas. Pero incluso se fose en calquera televisión autonómica é probable que aparecese como noticia nalgunha páxina, agás que sucedese nunha en concreto, a de Galicia, precisamente
“As pessoas têm medo de participar seja no que for, têm medo de se pronunciar contra o Governo porque têm medo de retaliaçôes”. Estas verbas foron ditas en portugués, pero a mesma frase, en galego, sobre o temor ás represalias polas críticas ao executivo, podía pertencer ao debate político da Galicia de hoxe. Tratábase da denuncia contra a “asfixia democrática” por parte do entón Goberno socialista luso que fixo a candidata a primeira ministra do conservador PSD nas eleccións lexislativas de 2009, Manuela Ferreira Leite, próxima ao daquela presidente da República Aníbal Cavaco Silva. A denuncia de Ferreira Leite referíase sobre todo á supresión dun informativo, o Jornal Nacional da TVI, moi crítico co primeiro ministro do momento, José Sócrates, quen anos máis tarde acabaría en prisión provisional e procesado por presuntamente acumular unha fortuna en Suíza procedente de mordidas.
Alén do terrible escándalo de corrupción de Sócrates, pendente de xuízo, o que atinxe ao funcionamento das institucións da mensaxe de Ferreira Leite é moi interesante, porque sinala o que supoñen as eivas nun dos alicerces básicos da democracia, a liberdade de información. Estaba feita ademais pola líder do partido irmán do PPdeG, co que os populares galegos manteñen moitas ligazóns, cultivadas ao longo do tempo, xa desde o fraguismo. E en Galicia vense arestora tamén síntomas desa “asfixia democrática”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario