Un irmán e varios sobriños de Manfred Gnädinger, o alemán de Camelle, acudirán este sábado á homenaxe do Concello de Camariñas, nun acto coincidindo co aniversario do seu nacemento no que as súas cinzas serán trasladadas á súa casa-museo recentemente rehabilitada.
http://www.galiciaconfidencial.com/
Como el desexaba. Sobre os coídos da Costa da Morte, despois ennegrecidos polo chapapote do Prestige, onde na década dos 60 construíu o seu refuxio. Quince anos e un mes despois da súa morte (28 de decembro de 2002), coincidindo co aniversario do seu nacemento (27 de xaneiro de 1937), os restos de Manfred Gnädinger, o alemán de Camelle, descansarán por fin na súa casa, agora que ven der ser rehabilitada.
Será este sábado ás 12.00 horas, nun acto simbólico para cumprir co desexo expresado no seu testamento, cando a urna coas súas cinzas serán trasladadas dende o camposanto ao soto da casa-museo. É o trámite que faltaba, agora que se dan as condicións na súa icónica morada. O Concello de Camariñas e o Museo Man de Camelle pecharán deste xeito o círculo da recuperación do legado de Man. “Tardamos, pero por fin”, sostén Juan Carlos Canosa, concelleiro de Cultura, que anuncia a chegada dende Alemaña do irmán e varios sobriños do artista, sete persoas en total, segundo lle confirmou Clemens Gnädinger, interlocutor do Concello coa familia.
“Trátase de cumprir coa débeda. Será un acto sinxelo, no que vai falar xente do pobo, varias persoas que o coñeceron”, apunta Canosa, entre eles Concepción Chita Regueira, a mellor amiga de Man no pobo trala súa chegada a finais de 1961. Tamén intervirá Juan Creus, do estudo Creus e Carrasco, arquitectos responsábeis da restauración, despois de anos de abandono, da casa-museo de Man, con financiación da Deputación da Coruña.
Despois da apertura do Museo de Man a carón do porto de Camelle no 2015, quedaba recuperar a súa obra máis emblemática, a súa pequena casa de 16 metros cadrados, rehabilitación executada a finais do 2017 despois de varios anos de trámites.
Queda pendente aínda a contorna do “Museo do ermitán Man de Camelle”, como el mesmo definía ese espazo en plena costa da Morte que converteu no único xardín marítimo de esculturas do mundo e agora convertido no principal reclamo turístico de Camelle. “Temos que ver que facemos”, recoñece Canosa ante a discrepancia de criterios: se deixalo como está ou tentar reconstruílo, baseándose nas fotos, a como estaba en vida do artista.
Manfred Gnädinger (1936-2002) chegou a Camelle a finais de 1961 e xa nunca marchou. Cando o chapapote do Prestige tinxiu de negro a costa galega en novembro do 2002, Man comezou a morrer de tristura. Un veciño atopouno morto na súa casa mes e medio despois.
Ningún comentario:
Publicar un comentario