mércores, 23 de agosto de 2017

Outra vaca no millo

Resultado de imaxes para Outra vaca no millo

XOSÉ CARBALLIDO
http://www.laregion.es/

En tempos pretéritos, as familias labregas subsistían coas sobras dos pagos á nobreza, igrexa e intermediarios, os fidalgos, «...para a maior parte do campesiñado, despois de pagar rendas, décimos e primicias, non era doada a supervivencia pura e dura ...» (Ramón Villares).
Cando morría algún súbdito, o amo recibía a modo de tributo, unha das mellores vacas da familia do defunto, en concepto de «Luctuosa» ou «Loitosa» ou un cesto de cada cinco coas uvas máis asoladas, por riba claro está, de diezmos e primicias.
Moitos pequenos arrendatarios accederon a propiedade da terra redimindo os Foros mediante o pagamento dunha indemnización, equivalente en moitos casos a renda de vinte anos. A emigración ás Américas permitiu a redención de moitos destes foros, ata ben entrado o século XX. En algún caso, logrouse a eximición por sentenza, como a vila de Seixalbo, que deixou de ser couto do Bispo logo dun preito de máis de vinte anos, que rematou cun foro anual de cincocentos moios de viño.
Cincuenta anos despois dos últimos foros, entramos na Unión Europea. Esa Europa capitalista ultraliberal onde cadaquén, en nome do libre mercado, pode montar unha fábrica de sachos onde lle pete, pero para sachar trinta áreas de treixadura ou tres ferrados de millo, ten que ter autorización da PAC, a Política Agraria Comunitaria, modelo de economía dirixida por excelencia, pola que algún cobra unha axuda por plantar trigo e outra por non cortalo e deixar que o coman as avutardas, pero non permite botar man dunha familia que perdeu toda a colleita coas xeadas de abril. Desa PAC que desvinculou as axudas ao traballo real e produción de cada explotación, e estableceu axudas directas ou «pago único» en función das hectáreas do titular, permitindo que algúns “agricultores” con apelidos de postín como Alba ou Domecq cobren tres millóns de euros de “axudas” mentres que as explotacións galegas reciban a calderilla pois, como dicía aquel ministro, “las hectáreas en Galicia son muy chicas”.
Estes “dereitos de Pago Único” son transferibles e, no caso de Galicia, realizáronse moitos traspasos de pais a fillos, ou a explotacións colindantes, co obxecto de que continuaran a súa actividade ou puidesen aumentar a súa base territorial.
Parece que o ministro cheirou negocio no asunto, e moitas familias do rural están a recibir estes días cartas requisitorias co membrete de Facenda. Cartas “negras” que lle chaman, pois ao despegar o boletín de «acuse» aparece un estremecedor recadro negro, lembrando aquela “Luctuosa”.
Hoxe, o agricultor ten que velarse de que non lle entre unha vaca no millo, ou o xabaríl, vai ti saber. E tamén de non atopar no buzón unha carta desas “negras” co emblema da «Axencia Tributaria». Outra vaca no millo, pensará. Ao final, vai haber que pechar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario