Dotará de máis entidade ás áreas e potenciará o papel dos hospitais comarcais a través da creación de 14 distritos; simplificando a situación actual de once áreas, sete EOXIs e 14 hospitais
Permitirá unha óptima utilización dos recursos dispoñibles, tanto humanos como materiais, con maior coordinación e servizos entre primaria e hospitalaria dentro do ámbito da área
A reforma tamén promove unha participación máis efectiva coa simplificación dos organismos de participación, máis realistas e próximos cun órgano a nivel autonómico e outros en cada área sanitaria
Regúlanse os principios básicos da investigación e transferencia de coñecemento (actualmente derogados coa supresión da FEGAS) e facendo referencia expresa á innovación
O anteproxecto de Lei quedou publicado hoxe no Portal de Transparencia e Bo Goberno da Xunta de Galicia, onde se poderán presentar pola cidadanía todas as suxestións que estimen oportunas
https://www.xunta.gal/
Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2017
O Portal de Transparencia e Bo Goberno da Xunta de Galicia publica hoxe o anteproxecto de Lei polo que se modifica a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de Saúde de Galicia. A organización territorial do sistema público de saúde é unha das liñas fundamentais desta reforma xunto coa mellora da participación social no ámbito sanitario, a consideración de autoridade sanitaria, e o establecemento de principios básicos para a regulación da docencia, investigación e innovación.
A nova organización territorial pretende acadar unha utilización óptima dos recursos dispoñibles, tanto materiais como humanos, dentro do ámbito territorial da área sanitaria, con maior coordinación entre primaria e hospitalaria; ao tempo que favorece que a poboación galega dispoña en todo momento dunha organización sanitaria máis eficiente garantindo unha atención homoxénea e de calidade. A articulación territorial da Lei 8/2008 está xa superada na actualidade pola organización en Estruturas Organizativas de Xestión Integrada (creadas a partir do Decreto 168/2010, do 7 de outubro). Este feito, unido á evolución da pirámide demográfica de Galicia, obrigan a revisar a división territorial actual.
A reforma establece a división por áreas sanitarias e, coa finalidade de manter a continuidade do sistema público de saúde existente, inclúe unha disposición transitoria única na que establece que en tanto non se estableza a ordenación territorial a través da elaboración do mapa sanitario, o ámbito xeográfico das áreas coincidirá co das actuais Estruturas Organizativas de Xestión Integrada (EOXI): A Coruña; Santiago de Compostela; Ferrol; Lugo, Cervo e Monforte de Lemos; Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras; Pontevedra e O Salnés; e Vigo.
Ademais, existirán 14 distritos que se configuran como divisións das áreas, e que toman como referencia a institución hospitalaria no seu ámbito territorial; constituíndo un marco de referencia da actividade de atención primaria, hospitalaria e sociosanitaria que se establecerá arredor do hospital, e mantendo a agrupación de concellos que xa se realiza actualmente no decreto das EOXIs.
A principal vantaxe desta nova organización territorial é que permitirá unha coordinación entre primaria e hospitalaria máis efectiva, cunha cobertura asistencial realizada cos mesmos criterios asistenciais e de derivación entre centros, protocolos únicos de área, e maior interactuación de profesionais de ambos niveis asistenciais.
Participación social máis próxima no ámbito sanitario
A participación social no ámbito sanitario é un dos principios reitores do sistema público de saúde. A modificación que se pretende levar a cabo ten como finalidade simplificar as canles de participación partindo da existencia dun órgano a nivel autonómico e doutros en cada área sanitaria, algo que permitirá acadar unha participación máis realista e máis próxima aos pacientes. Nestes últimos estarán representados os concellos incluídos no territorio da área, os sindicatos, as organizacións empresariais e as asociacións de pacientes.
Regúlase o Consello Galego de Saúde e os Consello de Saúde de Área. O novo articulado formaliza a creación do Consello Asesor de Pacientes, e establécese que regulamentariamente se poderán establecer outros órganos de participación e consulta para ámbitos concretos de actividade sanitaria.
Modificación en docencia e investigación
A creación da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS) e a desaparición da FEGAS supuxeron un cambio nos modelos existentes de xestión do coñecemento. A reforma permite establecer os principios básicos para a regulación da investigación, a transferencia de coñecemento e o réxime de colaboración co sistema público de saúde de Galicia, facendo referencia expresa á innovación.
O título IX da Lei de Saúde, xa modificado coa aprobación da lei que autorizou a creación de ACIS (supuxo a derogación de todo o articulado dos capítulos II e IV), cambia a súa denominación e pasa a ser Da docencia, investigación e innovación.
Ademais, engádese un novo título para crear a Comisión Interdepartamental en materia de educación e saúde, que terá como obxectivo a coordinación de actuación entre as consellerías competentes no desenvolvemento das iniciativas neste ámbito. En concreto, realizarán propostas de actuación que estimen necesarias para acadar unha maior eficiencia na promoción da saúde no ámbito educativo.
A modificación da lei concreta tamén a condición de autoridade sanitaria, recoñecéndoselle a mesma á inspección dos servizos sanitarios, á inspección de saúde pública, e ás persoas titulares das xefaturas territoriais; ademais dos actuais xa recollidos na Lei 8/2008 (Consello da Xunta, titular da Consellería de Sanidade, e aos alcaldes e alcaldesas).
Reforma necesaria
A proposta normativa do Goberno galego servirá para acadar un sistema asistencial que obteña resultados satisfactorios para a cidadanía galega, a través dos profesionais do sistema sanitario e cunha organización sanitaria eficiente. Adáptase a normativa ás novas realidades e inclúe aspectos máis especificamente axeitados ao marco normativo actual (estatal, básico e autonómico), especialmente modificado polas Leis 39 e 40/2015, do 1 de outubro, reguladoras do procedemento administrativo e do sector público, respectivamente.
O obxectivo da Consellería de Sanidade é facilitar o maior grao de consenso e participación activa da elaboración da norma, polo que a partir de hoxe poderán presentarse no Portal de Transparencia pola cidadanía todas as suxestións que estimen oportunas.
---oOo---
CIG-Saúde pide a retirada do anteproxecto que SUPRIME as áreas sanitarias do Barco, A Mariña, Monforte e o Salnés
Advirte que reforma presentada pola Consellaría suporá afastar a atención sanitaria da cidadanía e recortar servizos e persoal
A CIG-Saúde solicita a retirada inmediata do anteproxecto de Lei presentado onte na mesa sectorial do SERGAS, polo que se suprimen as actuais áreas sanitarias do Barco, A Mariña, Monforte e O Salnés. O obxectivo do PP con esta reforma é avanzar nas políticas de desmantelamento da sanidade pública -dando cabida á iniciativa privada-, provocar unha perda do número de camas e servizos nos hospitais comarcais, dificultar a accesibilidade aos servizos sanitarios, paralizar a reforma da atención primaria, reducir o número de traballadores/as e precarizar as súas condicións laborais.
Para a CIG-, a Consellaría "está a confundir a xestión integrada, coa modificación do mapa sanitario", xa que se suprimen as actuais áreas sanitarias para crear unhas áreas maiores na súa extensión territorial, afastando deste xeito a resolución dos problemas "da cidadanía e das/os traballadoras/es".
Dificultar a accesibilidade ao sistema
Agora, a planificación sanitaria realízase atendendo as necesidades da poboación, mais con este cambio "a planificación farase en función dos recursos sanitarios existentes, se non hai recursos non hai asistencia", os grandes hospitais de referencia absorberán a maior parte dos recursos sanitarios e a poboación terá que desprazarse desde o seu domicilio até estes centros, que nalgúns casos están a máis de 100 km.
"Lamentamos que a introdución de sistemas de xestión integrada no Servizo Galego de Saúde non teña como obxectivo a mellora da accesibilidade ao sistema sanitario público.
Con esta medida, a Xunta do PP só pretende dificultar a accesibilidade da poboación ao sistema sanitario público"
Pola contra, a CIG aposta por un decreto para crear as Áreas de Verín, Barbanza e Cee, e para habilitar esas áreas como ámbitos susceptíbeis de seren xestionados de forma integrada con Atencion Primaria.
É dicir, densenvolver unha xerencia de área sanitaria próxima, con funcións de identificación de necesidades de saúde, planificación e xestión asistencial, de saúde pública e saúde laboral e socio-sanitaria. Isto posibilitaría un modelo integral "que favoreza o coñecemento dos problemas de saúde da súa zona e, ao mesmo tempo, a eficacia e a continuidade da atención, co lóxico beneficio para os usuarios e usuarias".
Reforzar a atención primaria
O Goberno galego quere a centralización da xestión e recursos da sanidade pública, a CIG-Saúde denuncia o abandono por parte da Consellaría "do maior proxecto pactado para traballar pola continuidade asistencial": o Plan de Mellora da Atención Primaria.
As actuais EOXIs condicionan de xeito negativo a Atención Primaria, xa que perderon autonomía no desenvolvemento dos seus proxectos e quedaron funcionalmente subordinadas ás estratexias de xestión do centro hospitalario de referencia. "A atención primaria precisa de maior impulso para mellorar a súa calidade, a dotación de persoal e recursos, e acadar un correcto funcionamento da súa carteira de servizos, actualmente subdesenvolvida".
Precarización do emprego
Dende CIG-Saúde tamén se teme que o SERGAS pretenda utilizar a reforma da actual da Lei para o traslado forzoso das/os profesionais e para os desprazamento forzoso entre centros, "cun posíbel cambio da normativa e das regras de xogo na mobilidade voluntaria tanto interna (nos actuais centros) como externa (nos concursos de traslados)".
---oOo---
CCOO rexeita o anteproxecto para modificar a Lei de saúde de Galicia e a supresión de catro áreas sanitarias
- A Federación de Sanidade de CCOO critica que a Xunta publicase o borrador no Portal de Transparencia horas antes de llo trasladar oficialmente aos sindicatos
A Federación de Sanidade de Comisións Obreiras rexeita o anteproxecto para modificar a Lei 8/2008 de saúde de Galicia. O texto foi publicado no Portal de Transparencia da Xunta horas antes de que a Administración autonómica llo trasladase oficialmente aos sindicatos. «Así é como concibe o noso Goberno a negociación e a transparencia», censura Ángel Cameselle, secretario xeral de CCOO-Sanidade.
CCOO rexeita o anteproxecto
O sindicato critica a supresión das áreas sanitarias de Monforte de Lemos, O Barco de Valdeorras, Burela e O Salnés. Fronte ao criterio da Xunta, que fala de «optimizar recursos», CCOO asegura que é «un paso máis» para facer desaparecer recursos, especialidades e profesionais, «despexando o camiño para a privatización».
Outro argumento da Xunta é o suposto achegamento da sanidade e dos seus profesionais á cidadanía, para converter o doente no «centro» do sistema. Porén, «farán xustamente o contrario», asegura Cameselle: «con menos medios nos hospitais comarcais, a alternativa será desprazarse a Lugo, Ourense ou Pontevedra, incluso acudir a centros privados».
Para CCOO, o que precisa a sanidade pública galega é «rematar cos recortes constantes no SERGAS» e «investir en máis e mellores recursos» que permitan alixeirar as listaxes de espera cirúrxicas, de probas diagnósticas e consultas. Asemade, Comisións insta a negociar e acordar unha maior rendibilidade nos centros, acabar cos peches de camas e de quirófanos e abrir tanto os quirófanos como os servizos centrais —laboratorios, radioloxía e consultas— na quenda de tarde.
Outro argumento da Xunta é o suposto achegamento da sanidade e dos seus profesionais á cidadanía, para converter o doente no «centro» do sistema. Porén, «farán xustamente o contrario», asegura Cameselle: «con menos medios nos hospitais comarcais, a alternativa será desprazarse a Lugo, Ourense ou Pontevedra, incluso acudir a centros privados».
Para CCOO, o que precisa a sanidade pública galega é «rematar cos recortes constantes no SERGAS» e «investir en máis e mellores recursos» que permitan alixeirar as listaxes de espera cirúrxicas, de probas diagnósticas e consultas. Asemade, Comisións insta a negociar e acordar unha maior rendibilidade nos centros, acabar cos peches de camas e de quirófanos e abrir tanto os quirófanos como os servizos centrais —laboratorios, radioloxía e consultas— na quenda de tarde.
---oOo---
A Asociación Galega en Defensa da Sanidade Pública esixiu á Xunta que retire o anteproxecto que reforma a Lei de Sanidade de Galicia ao considerar que pretende "reducir o gasto" e "potenciar a atención privada".
SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/08/2017
A Asociación Galega en Defensa da Sanidade Pública esixiu á Xunta que retire o anteproxecto que reforma a Lei de Sanidade de Galicia ao considerar que pretende "reducir o gasto" e "potenciar a atención privada".
Nun comunicado remitido aos medios despois de que esta semana a Consellería de Sanidade fixese pública a reforma, a asociación critica que esta modificación pretende crear unha Axencia Galega do Coñecemento que "ampliará e dará cobertura" á participación privada nas actividades de investigación.
"As empresas recibirán diñeiro público para a investigación aínda que as patentes resérvanllas para a súa comercialización", critica a Asociación Galega en Defensa da Sanidade Pública, que acusa o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de incidir na súa estratexia de "considerar a atención sanitaria como un negocio".
Así mesmo, asegura que os cambios na organización territorial pretenden "recortar e eliminar" a medio prazo as áreas sanitarias dos hospitais comarcais. "Esta política supón afastar á cidadanía que vive nas áreas máis afastadas dos centros de área como parte da estratexia de recortar o sistema sanitario para reducir o gasto e potenciar a atención privada", sinalou.
Por todo iso, pide a retirada do anteproxecto e a supresión das xerencias de xestión integrada (Eoxis) ás que responsabiliza da "deterioración e marxinación dos servizos de atención primaria".
Ningún comentario:
Publicar un comentario