venres, 25 de agosto de 2017

Evita que Xunta de Galicia suprima el Area Sanitaria de Valdeorras


A Área de Valdeorras non se desmantela, a sanidade se defende
O pasado mércores día 2 de agosto, o Goberno galego publicou, sen previo coñecemento por parte do eido sanitario, o anteproxecto de lei polo que se modifica a Lei 8/2008, do 10 de xullo de saúde de Galicia. Este anteproxecto inclúe unha serie de modificacións sobre a citada lei de moito calado, e con moita relevancia para o sistema sanitario galego, en termos de participación, de organización do mapa sanitario e os seus recursos, de formación, investigación e outras áreas.
A reorganización do mapa sanitario de Galicia é outra das cuestións fundamentais que inclúe o anteproxecto de lei, pois reformula a ordenación actual cara un modelo máis concentrado e que perde atención ás comarcas e áreas sanitarias rurais e semiurbanas. A proposta pretende retirar da lei as delimitacións sobre áreas sanitarias, e as especificacións sobre funcións, características e fundamentos da súa relevancia, creando unha nova división entre áreas, distritos e zonas que, como se apunta na propia proposta de modificación, quedarán a expensas de ser determinadas “por decreto do Consello da Xunta” (modificación dos artigos 67 e 70). Ao fío desta nova delimitación do mapa sanitario, quedan no aire as áreas sanitarias especialmente sinaladas, que son as de O Salnés, Mariña Lucense, Monforte e Valdeorras, por ser áreas comarcais ás que se abre a porta da perda de servizos a favor das concentracións de servizos nos Centros Hospitalarios das grandes urbes. Esta concentración, que xa foi iniciada coa implantación das Estruturas Organizativas de Xestión Integrada, foi sinalada xa dende entón como un erro por parte da meirande parte dos profesionais do sistema sanitario, e constatada polos usuarios coa perda progresiva de servizos nos hospitais comarcais. No caso de actual anteproxecto, a modificación dos artigos 68 e 69, que determinan a referencia aos Hospitais, quedaría a expensas dun decreto do Consello da Xunta que puideran perder, incluso, a atribución dun hospital. Segundo a normativa que se pretende impor, existiría a posibilidade de que un decreto deixara sen servizos sanitarios mínimos dun hospital aos centros das áreas sanitarias comarcais. A perda da condición de área sanitaria nas zonas referidas anteriormente afondaría na rebaixa de servizos, na dependencia do persoal dos grandes hospitais, e na constatación dura e imposta dun modelo de hospitais de segunda que se converterían en grandes ambulatorios, mais que non terían a capacidade sanitaria que precisan.

Resultado de imaxes para Xunta de Galicia suprime Areas Sanitarias
A gravidade das propostas de modificación en participación e definición do mapa sanitario, así como noutras áreas como inspección ou investigación, fai necesario abrir un debate profundo na busca do acordo sobre as modificacións deste nivel nunha lei de tal relevancia. Por esta cuestión, resulta imprescindible que este procedemento modifique o camiño iniciado neste pasado 2 de agosto.
 A Plataforma Sanitaria de Valdeorras defende mobilización cidadá cos seguintes obxectivos:
Retirada do anteproxecto de lei de modificación da Lei 8/2008 do 10 de xullo de saúde de Galicia.
Desenvolver e dotar de orzamento da actual lei de saúde.
Instar a formación dun grupo de traballo, que inclúa a representantes de todos os partidos políticos con representación no Parlamento de Galicia, Fegamp, sindicatos, asociacións de pacientes, Colexios profesionais da sanidade e outros colectivos de relevancia no eido sanitario galego, para determinar as posibles necesidades de modificación da lexislación sanitaria. Este grupo de traballo elaborará un informe de conclusións que será de acceso público e que proporá as posibles melloras normativas no sistema sanitario galego, de ser precisas.
 ¡Por unha sanidade pública, eficiente e próxima ao servizo dos cidadáns!
 Plataforma En defensa da Sanidade Publica de Valdeorras
 O Barco, 17 de agosto de 2017
Firma a petición aqui:

Ningún comentario:

Publicar un comentario