Xoán Antón Pérez-Lema
Calquera que teña un familiar nestas datas nun Hospital galego constatará a absoluta insuficiencia do persoal, das resultas do peche de 1240 camas durante todo o cuadrimestre do verán. Porque, máis barato ca contratar substitucións de persoal sanitario, sae consorciar unha praza nun Hospital privado, onde adoitamos ver dúas persoas asistindo ás noites unha planta hospitalaria completa, ás máis das veces con doentes moi maiores e con patoloxías graves. Mais na pública, no Hospital Universitario da Coruña, este sábado había só tres médicos de garda no conxunto das plantas de hospitalización.
Máis barato ca contratar substitucións de persoal sanitario, sae consorciar unha praza nun Hospital privado, onde adoitamos ver dúas persoas asistindo ás noites unha planta hospitalaria completa, ás máis das veces con doentes moi maiores e con patoloxías graves
Somos xa o terceiro territorio do Estado con menos investimento sanitario por habitante. Os doutores do Hospital Comarcal de Valdeorras denuncian a desmontaxe deste Centro, como antes fixeron os de Monforte. A xubilación forzosa aos 65 está a descapitalizar a nosa sanidade, onde xa se contan tres mil prazas menos nos últimos 4 anos.
A que se debe isto? Indubidábelmente no PP estatal existe unha corrente cualitativamente moi poderosa que quere liquidar o Estado do benestar e a sanidade pública, beneficiando, non aos hospitais privados fundados polos médicos e investidores galegos, senón ás grandes multinacionais sanitarias, conectadas coas elites financeiras de Madrid. Mais os recurtes sanitarios actuais débense tamén aos graves erros económico-financeiros de Feijóo e Elena Currás. Por aceptaren, no verán do 2009, un financiamento autonómico que desequilibra continuamente as contas da nosa sanidade polo noso avellentamento e dispersión. E por financiaren a débeda pública precisa para cobrir o déficit a tipos altos, nos peores momentos da prima de risco, por mor dunha deficiente previsión e por esa fachenda que non precisaba acodir ao financiamento sensíbelmente máis barato do Fondo de Liquidez autonómico.
Salvarmos a sanidade pública requirirá reprantexarmos a política de endebedamento autonómico e garantir un sistema de financiamento autonómico xusto con Galicia
Salvarmos a sanidade pública requirirá reprantexarmos a política de endebedamento autonómico e garantir un sistema de financiamento autonómico xusto con Galicia. Un mellor financiamento que recoñeza eses 500 M€ que custa ao ano a nosa sanidade de máis por mor do avellentamento e do espallamento poboacional. E requirirá que os cidadáns esteamos atentos para defender unha das conquistas máis importantes do noso modelo de sociedade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario