domingo, 27 de xullo de 2014

O poder das mutuas no novo sistema de baixas laborais

Elena Lozano Santamaría
praza.gal

Hai poucos días, o Goberno aprobou o novo sistema de xestión e control das baixas laborais, que concede máis poder ás mutuas: se antes podían controlar as baixas desde o décimo sexto día (que é cando a mutua se facía cargo de certas prestacións), agora poderán facelo desde o primeiro momento. Ademais, poderán aconsellar ao médico a declaración do alta "motivada" do traballador, que apoiarán con informes e probas, para o que poderán acceder a parte do expediente médico do traballador.

As mutuas controlan agora as baixas desde o primeiro día e accederán a parte do expediente médico do traballador
Nun primeiro momento, as mutuas ían ter capacidade de conceder altas, pero, tras as críticas dos sindicatos, esta idea foi descartada. Con este maior control das baixas, o Goberno central estima un aforro de 500 millóns de euros e considera que se realizará unha mellor xestión dos recursos das mutuas.
Quen será responsable de darme a baixa e o alta?
En todos os casos, o médico do servizo público de saúde encargado do caso. Non obstante, a Seguridade Social porá a disposición dos médicos unha guía con táboas de duración óptima e de grao de incidencia das distintas patoloxías susceptibles de xerar incapacidades.
Nas incapacidades temporais estimadas para menos de cinco días, os partes de baixa e alta emitiranse no mesmo acto médico; para baixas de até 30 días renovarase cada 14 días; para baixas de entre 31 e 60 días confirmarase a baixa cada 28 días e a partir de 61 días de baixa renovaranse cada 35 días.
Pode unha mutua darme o alta?
Non, pero poderán influír na decisión. As mutuas poderán propor a alta médica, pero deberá ser o médico do Sergas o que se pronuncie, ou ben confirmando a baixa ou ben acordando o alta, nun máximo de cinco días. Se neste prazo non existe contestación do facultativo ou hai discrepancia, a mutua poderá solicitar o alta ao Instituto Nacional da Seguridade Social, que deberá pronunciarse no prazo de catro días.
A mutua poderá influír na decisión do médico á hora de dar o alta
Que papeis teño que facer?
Cando o médico emita o parte (xa sexa de alta, baixa ou confirmación), o traballador deberá entregar unha copia á empresa nun prazo máximo de tres días. Pola súa banda, o servizo público de saúde ou a mutua encargarase de entregalo ao INSS inmediatamente e realizar os trámites correspondentes.
Podo reclamar a causa da miña baixa que determine o médico?
Tanto o servizo público de saúde como a mutua poderán pedir ao INSS unha revisión da consideración inicial da continxencia: se é común ou profesional (relacionada coa actividade laboral). O médico da mutua poderá considerar que se trata dunha patoloxía de continxencia común e non profesional e remitir ao traballador ao servizo público de saúde. Será este médico o que decida se, efectivamente, a continxencia é común ou se discrepa e a considera profesional. En caso de discrepancia, decidirá o INSS. Tamén pode suceder que o traballador non estea de acordo co cambio de consideración e queira reclamar. Neste caso, tamén será o INSS o que teña a última palabra.
Que pasa se non acudo a un recoñecemento médico?
Todos os partes, xa sexan de baixa, confirmación ou alta, deben ir precedidos dun recoñecemento médico. Se o traballador non acode a este por unha causa xustificada, a prestación por incapacidade temporal suspenderase preventivamente desde o día seguinte ao do recoñecemento. Se nos dez días seguintes ao recoñecemento o traballador presenta unha xustificación (entendéndose esta como un informe emitido polo médico do servizo público de saúde que indique que era desaconsellable que o traballador acudise ao recoñecemento pola súa situación clínica), a suspensión quedaría sen efecto. Se, pola contra, o traballador non xustifica a súa ausencia neses dez días, perderá o dereito á prestación.

Os sindicatos cren que os cambios do Goberno baséanse en criterios economicistas que priorizan por riba da saúde dos traballadores
Que din os sindicatos desta reforma?
Os sindicatos rexéitana. Consideran que o aumento de competencias das mutuas cuestiona "de forma inxusta" a capacidade do Instituto Nacional da Seguridade Social, do Servizo Público de Emprego e dos medios públicos para xestionar as baixas. Cren que todas estas modificacións apóianse en criterios economicistas apartando das prioridades a recuperación da saúde dos traballadores.
Ademais, tamén consideran que este novo sistema converte ás mutuas en "policías e fiscais dos traballadores e dos médicos dos servizos públicos de saúde" e solicitan a retirada do anteproxecto de Lei.

Ningún comentario:

Publicar un comentario