xoves, 30 de xaneiro de 2014

POR QUE NON VOU ACUDIR

Míchel Escauriaza

O vindeiro 1 de febreiro, a iniciativa da Xerencia da Xestión Integrada dos Servizos Sanitarios de Ourense, vaise a celebrar un acto de homenaxe aos traballadores xubilados no 2013; un total de 148 persoas dos distintos estamentos, que se distribúen en: 42 da Atención Primaria, 3 do Hospital do Barco, 3 do de Verín e 100 do CHUO. De todos eles, ao menos 23 facultativos de diversas especialidades médicas.

Nos últimos 35-40 anos, co esforzo persoal de tódolos traballadores, logramos modernizar a asistencia do noso hospital con moito estudo, moitas sesións de posta ao día, coa asistencia a outros hospitais da nosa comunidade autónoma así como nacionais e internacionais e coa esixencia de actualización tecnolóxica dos medios diagnósticos e terapéuticos. Deste xeito logramos niveis de excelencia, levando ao complexo hospitalario dunha medicina empirista a unha medicina moderna, avalada por protocolos internacionais, seguindo criterios de medicina baseada na evidencia. Todo o dito pódese afirmar tamén da medicina do primeiro nivel e mesmo da privada ourensá, nutrida de médicos da pública, suplindo as súas eivas e complementando as necesidades da mesma.

Pola contra, nos derradeiros tempos, estamos a contemplar un progresivo e sibilino deterioro de tódolos logros acadados, cun predeterminado programa privatizador, que rompe coa universalidade e gratuidade da sanidade, para a súa entrega a grandes emporios financeiros.

Este programa privatizador iniciouse co copago de fármacos, incluíndo aos pensionistas; coa restrición da asistencia aos emigrantes, parados e nacionais que tras tres meses de procura de emprego no estranxeiro regresan e continúan sen traballo; contémplase o copago de próteses, dietoterapia, transporte sanitario, fármacos de dispensación hospitalaria, etc. A maiores, afunden entidades sen ánimo de lucro, que prestaban servizos sociais e de dependencia, para entregalos a empresas privadas.

Doutra banda se precarizan as condicións laborais, baixando as retribucións en gardas, en substitucións. Recortan as plantillas coas xubilacións forzosas a partir dos 65 anos, por decreto, sen apenas reposición, só un 10% das mesmas mediante contratos-lixo por horas, por gardas, por días, por meses.

Pero, o máis evidente é a entrega masiva a compañías privadas de servizos como mantemento, limpeza, informática, aparcadoiros, cociña e hostalería, lavandería, esterilización, telecomunicacións, tecnoloxía diagnóstica e terapéutica, material de radioloxía, medicina nuclear e radioterapia, xestión de historias clínicas (con toda a impunidade vai ser xestionada por un fondo de capital risco americano), a eliminación do 112, etc. Ou o desmantelamento de servizos que estiman non rendibles, como o da Cirurxía Pediátrica. E o máis sutil é a posta en marcha das Áreas de Xestión Clínica, que veñen a arruinar o sentido e a función dos Servizos Médicos das especialidades, para transformalos en pequenas empresas privadas, dentro do hospital. Estas áreas van ser comandadas por un “capataz” nomeado a dedo, sen concurso nin oposición; coa capacidade de contratar persoal segundo necesidades, e para organizar os horarios, as gardas, os desprazamentos, mesmo os emolumentos, a adquisición de material, etc. Serán incentivados en función do aforro, non da calidade asistencial.

Todas estas privatizacións que non garanten niveis de calidade aceptables van resultar máis caras, máis inoperantes e con maior risco para a saúde e para a privacidade, como se ten demostrado nas experiencias inglesas ou no Hospital de Alzira.
Ante este panorama de deconstrución, desmantelamento e regresión a unha asistencia sanitaria dos anos 60-70 do século pasado, e dado que a convocatoria non ben dos traballadores ou das súas representación sindicais ou colexiais, non estou por facer a onda, nin botar foguetes, nin aplaudir a esta Administración responsable dun futuro-próximo de deterioro das prestacións sanitarias, unha Administración merecedora da nosa censura e crítica por esas políticas destrutoras. Por todo isto, eu non vou acudir a ese acto.




Ningún comentario:

Publicar un comentario