Suso de Toro
Este Goberno e o
seu ministro de Xustiza din estar moi preocupados polos non nados, pero é mentira,
despois de que naceron e creceron até facerse mozos perséguenos ("Non
nados", se existides, case mellor non veñades mentres goberne esta xente).
A altísima taxa de desemprego xuvenil, que alcanza nestes momentos o 60%,
non é un dato estatístico máis, é o levantamento de acta dunha catástrofe. Unha
catástrofe económica, demográfica e persoal de millóns de persoas
A altísima taxa
de desemprego xuvenil, que alcanza nestes momentos o 60%, non é un dato
estatístico máis, é o levantamento de acta dunha catástrofe. Unha catástrofe
económica, demográfica e persoal de millóns de persoas. É unha destrución
comparable aos efectos dunha guerra, non hai dúbida de que en España se está
vivindo unha situación histórica como a que non viviran practicamente as
xeracións vivas.
Unha situación
así pediría que a política económica e social virase en torno desa catástrofe e
as súas consecuencias, pero non é así en absoluto. O Goberno pasa no bico dos
pés sobre o problema, confórmase con constatar as estatísticas de paro, e a súa
linguaxe loxicamente é clara e brutal: a ministra supostamente encargada desa
área practicamente celebra a emigración de toda unha xeración sen traballo,
referíndose a ela como "mobilidade exterior" nada do "espírito
aventureiro" dos "emprendedores", ou sexa, os parados. Non é
unha burla, é unha inútil e absurda coartada ante ese grandísimo problema, na
práctica a súa política resulta unha verdadeira persecución dos mozos, ese
problema molesto que aumenta a cifra do paro.
Se os parados
novos, os "emprendedores con espírito aventureiro" emigran, ou sexa
mobilízanse exteriormente", deixan de ser un problema noso e do Goberno,
pasan a ser un problema particular de cada un. Ou sexa, son expulsados e
abandonados logo para que desaparezan. Fisicamente seguen existindo, alí onde
estean e onde só saiban deles os seus familiares, pero polo menos conseguen
facelos desaparecer das estatísticas e, xa postos, da Seguridade Social. A
última medida que priva de cobertura a quen estean tres meses ausentes,
precisamente porque foron expulsados, resúmeo todo.
Se os parados novos, os "emprendedores con espírito aventureiro"
emigran, ou sexa mobilízanse exteriormente", deixan de ser un problema
noso e do Goberno, pasan a ser un problema particular de cada un
Como é algo inesperado,
a sociedade española non imaxinara que volvería afrontar opcións persoais e
como sociedade que xa se consideraban superadas, non hai tempo para comprender
as consecuencias da emigración. Non é o caso de Galicia, onde a emigración coas
súas consecuencias é un trazo social e nacional e que orixinou unha extensa
reflexión sobre os aspectos positivos e negativos da emigración. A
emigración ten un aspecto de triunfo e un aspecto de derrota. Emigrar pode ser
unha solución particular para os naturais dun país con tan graves problemas que
non é capaz de alimentar os seus fillos, pero sempre é un desastre para esa
sociedade que con iso incrementa gravemente os seus problemas ao perder
xeracións de mozos. Ao ser inesperada esta onda emigratoria non se comprende a
súa gravidade, non só marchan os que teñen máis enerxías senón tamén os fillos
que non poderán ter ou que terán noutro lugar.
Pero nesta
ocasión non se trata soamente da perda incuantificable que a emigración supón
para unha sociedade, nin unicamente das rupturas persoais e contratempos que
padecen quen emigran senón de algo novo: a diferenza das xeracións anteriores
que emigraron para mellorar a súa situación agora emigran coa conciencia de que
vivirán peor. Antes emigraban cunha esperanza, agora non. Os que marchan levan
un sentimento de ser traizoados, non era iso o prometido e, o que é peor, de
impotencia. Vense inermes e vencidos. Se non cambia a situación e non hai unha
reacción serán unha xeración amargada e triste.
Antes emigraban cunha esperanza, agora non. Os que marchan levan un
sentimento de ser traizoados, non era iso o prometido e, o que é peor, de
impotencia
E é natural, pois
unha xeración non é unha clase social, están a emigrar de diversas procedencias
sociais, e porque toda xeración é transitoria non teñen organizacións propias
que lles permitan defender os seus intereses comúns. Esa falta de organización
fai que cada un se vexa só e destinado a resolver o seu problema dun modo
exclusivamente particular. Probablemente quen xa marcharon e quen se están
vendo abocados a iso non atopen traballo no seu país nos próximos tempos, pero cada
xeración debe deixar o seu sinal no seu país, ten unha tarefa, e se non a leva
a cabo non só a sociedade, tamén cada individuo pagará un prezo. Esta xeración
está a verse como expulsada, pero se así vai ser que polo menos non o sexa sen
loita. A loita por gañarmos a existencia é o que nos dá dignidade persoal.
Pacífica e
democraticamente, pero tamén coa convicción de que ten razón e de que debe
esixir o seu, esta xeración ten a tarefa de loitar pola súa supervivencia,
aínda sabendo que pode perder
Mozos, mozas,
poida que vos venzan pero se non loitades quitaranvos moito máis que o dereito
a vivir no voso propio país, algo máis profundo e que afecta á autoconfianza e
a integridade. Se marchades, que sexa sentíndovos donos de vós e libres.
Pacífica e
democraticamente, pero tamén coa convicción de que ten razón e de que debe
esixir o seu, esta xeración ten a tarefa de loitar pola súa supervivencia,
aínda sabendo que pode perder. Pero aínda que perda non será unha xeración
perdida para si mesma.
Ningún comentario:
Publicar un comentario