domingo, 9 de decembro de 2018

Pola saúde das persoas e a dignidade das profesionais

Flora Miranda Pena
http://praza.gal/

Resultado de imaxes para Pola saúde das persoas e a dignidade das profesionais
Recentemente varias profesionais MIR de cuarto ano que se están a formar no Centro de Saúde de Redondela (Unidade docente de Vigo) foron interpeladas pola responsable de docencia da unidade para realizar gardas no propio Punto de Atención Continuada de Redondela substituíndo a un médico ou médica titular no propio dispositivo. Negáronse, con criterio. Vaia o meu respecto e gratitude pola defensa da dignidade profesional. (Hai futuro!)
Varias profesionais MIR de cuarto ano que se están a formar no Centro de Saúde de Redondela foron interpeladas pola responsable de docencia da unidade para realizar gardas no propio PAC de Redondela substituíndo a un médico ou médica titular
A proposta da Unidade Docente consistía en que quedara unha única médica-o adxunta para a titorización, aforrando a presenza do segundo efectivo que contempla o Plan Funcional do Sergas.  Esta viría a ser ocupada por un/ha MIR de cuarto ano. Entendíase que isto ocorrería de modo transitorio pola situación de incapacidade laboral dun titular e a carencia de médicos e médicas dispoñibles, mais nun comunicado feito público día 5 de decembro xa se deixa entrever a posibilidade de que isto comece a instaurarse como medida habitual.
Hai escasos anos, o Ministerio de Sanidade incrementou a formación MIR de tres a catro anos, convertendo aos/ás especialistas en Medicina Familiar e Comunitaria en profesionais valiosísimos para o manexo de pacientes en diversidade de recursos asistenciais, entre eles a consulta ordinaria de Atención Primaria e nos Puntos de Atención Continuada.
Con esta medida desvirtúase o sentido do cuarto ano de formación. Ademais, o persoal  MIR non pode desenvolver legalmente labores de titular ata o remate da formación
Con esta medida desvirtúase o sentido do cuarto ano de formación. Ademais,  o persoal  MIR non pode desenvolver legalmente labores de titular ata o remate da formación, debendo estar sempre titorizado (nunca pode quedar só). Desde un punto de vista ético tampouco se sostén na medida en que atenta contra o dereito á propia formación e contra a atención das persoas enfermas por persoal coa titulación esixible (ou no seu defecto cunha titorización efectiva). Resulta especialmente preocupante que a proposta sexa canalizada a través da propia Unidade Docente, que debería velar polo interese superior da formación en óptimas condicións.
Nun dispositivo asistencial onde o plan funcional establece necesaria a presenza de dous efectivos médicos enténdese que a demanda é considerable e suficiente para manter esas dúas figuras. Isto implica, en ocasións, a necesidade de asistir urxencias vitais ou saídas a domicilio con certa prioridade.
En caso de que o médico ou médica titular abandone o dispositivo para esa asistencia fóra, o MIR debería facelo igualmente por dous motivos: porque non pode quedar só/soa e porque a súa presenza no PAC atende tamén a motivos docentes: ou sexa, para aprender de todas as situacións. Nese contexto, o PAC quedaría desatendido, supoñendo unha exposición innecesaria para as persoas enfermas. (Lembramos as funestas consecuencias que este factor xa tivo na morte dun paciente na Estrada o pasado verán).
A situación de déficit estrutural de efectivos médicos da atención primaria é consecuencia do abandono do investimento neste nivel asistencial sostido ao longo dos últimos anos
Outros factores agravantes desta situación é que se habilita unha vía para utilizar aos MIR como man de obra barata, na medida en que estas gardas serían remuneradas a “prezo MIR”.
A situación de déficit estrutural de efectivos médicos da atención primaria, tanto de pediatría (en maior medida) como de medicina de familia (con maior gravedade na área de Vigo), é consecuencia do abandono do investimento neste nivel asistencial sostido ao longo dos últimos anos, como se pode visualizar nos Orzamentos da Xunta.
Pero ademais alude a unha mala programación e a unha perda de perspectiva sobre a importancia deste ámbito asistencial, recoñecido en todos os informes de xestión sanitaria como o máis eficiente, accesible e resolutivo para a saúde das persoas, sen esquecer que é o que máis benestar e confianza suscita (como se aprecia nas sucesivas enquisas á poboación xeral).
Cómpre facer unha chamada de atención sobre a promoción da precariedade laboral por parte do SERGAS, mesmo antes da incorporación formal ao mercado laboral
Finalmente cómpre facer unha chamada de atención sobre a promoción da precariedade laboral por parte do SERGAS, mesmo antes da incorporación formal ao mercado laboral. A ausencia de programación das necesidades e a sobrecarga asistencial inducen que, ao non poder facerse prevención e promoción da saúde se derive cara a un asistencialismo insostible a medio prazo.
Gañaría a saúde das persoas e a dignidade das profesionais. Como a que mostraron as médicas e médicos residentes de medicina familiar e comunitaria de Vigo. Parabéns
Proponse como alternativa unha dinámica de coidado ás profesionais como elemento máis valioso do sistema con contratos dignos para a súa permanencia. Esta sería a única garantía da súa sostenibilidade cos niveis de calidade asistencial que están a administrar (grazas ao seu esforzo e contra as políticas de recortes da Consellería de Sanidade).
En definitiva, gañaría a saúde das persoas e a dignidade das profesionais. Como a que mostraron as médicas e médicos residentes de medicina familiar e comunitaria de Vigo. Parabéns. Unha evidencia de que o futuro será mellor ou non será.

Ningún comentario:

Publicar un comentario