![](https://luzes.gal/wp-content/uploads/2018/12/Fernando_Rey.jpg)
Ana Cermeño
https://luzes.gal
«Alucino con que xente de trinta e moitos anos non teña nin idea de quen é Fernando Rey», confesáballe hai uns meses Fernando Casado á xornalista Isabel Bugallal. Eu, como o fillo do actor e da actriz Mabel Karr, tamén alucino, porque moitas das súas películas están consideradas clásicos de relevancia universal e, sobre todo, porque foi un intérprete formidable, o mellor de Europa para Orson Wells, que chegou a recrutalo para Campanadas a medianoche (1965).
![](https://luzes.gal/wp-content/uploads/2018/12/HS21C10F6_18843-1024x577.jpg)
A poderosa dicción de Fernando Rey axiña chamou a atención da industria. O produtor vigués Cesáreo González ofreceulle o papel de narrador en Sabela de Cambados (1949), e Luis García Berlanga sacoulle todo o brillo a esa voz inesquecible que nos presenta Villar del Río e os veciños de Bienvenido, Mister Marshall (1953), unha cinta cargada de acidez, ilusión e tristura. Coa voz do actor coruñés tamén falaron o Gary Cooper de Buffalo Bill ou o Laurence Olivier de El príncipe y la corista.
![](https://luzes.gal/wp-content/uploads/2018/12/comicos-1.jpg)
Con Rey á fronte do reparto, Juan Antonio Bardem dirixiu Cómicos (1954), o retrato dun mundo, o do teatro, que os dous coñecían tan ben. Director e actor repetirían en La Venganza (1957) e en Sonatas (1959), nunha década na que o comediante tivo como cómplices de viaxe a Fernando Fernán-Gómez, Enma Penella, o clan Ozores ou Tony Leblanc.
![](https://luzes.gal/wp-content/uploads/2018/12/1505554437_451879_1505554495_noticia_normal.jpg)
O seu encontro con Luis Buñuel marcou a historia do cine español. En Viridiana (1961), onde o actor encarna a un soberbio don Jaime, o humor e o cinismo para retratar a relixión nacen do xenio compartido de Buñuel e de Rey. Seguro que o sempre crítico Pérez-Galdós admiraría a adaptación, tan literaria, da súa novela Halma (1895) e do personaxe de Catalina de Artal, a Viridiana que na película interpreta a actriz mexicana Silvia Pinal.
Os 70 xuntaríaos en tres rodaxes máis. Con Tristana (1970) Buñuel recupera outra historia de Galdós e escribe para Fernando Rey un don Lope tan complexo coma contraditorio. A maxistral El discreto encanto de la burguesía (1972), Óscar á mellor película estranxeira, é imposible de clasificar: ás veces broma tráxica, ás veces drama corrosivo, surrealista de principio a fin. Pero se tivese que escoller unha soa das interpretacións de Fernando Rey -a de máis matices, na que máis brillan o seus xestos e as súas miradas- é o Mathieu que compuxo en Ese oscuro objeto del deseo (1977), o filme que pecha o talento de Buñuel.
![](https://luzes.gal/wp-content/uploads/2018/12/59be6dcae1783.jpg)
A medio camiño entre o cine o e documental, o audaz e innovador thriller de William Friedkin, The French Connection: contra el imperio de la droga (1971), amosa os suburbios de Nova York, onde se agocha o capo da droga Alain Charnier, o noso Rey. Baseada nunha operación real de dous axentes de narcóticos nos anos 60, a cinta -que abriu un novo camiño para o cine e as series policiais- resulta máis que recomendable agora que as historias sobre o narcotráfico son tendencia no audiovisual.
![](https://luzes.gal/wp-content/uploads/2018/12/descarga-1024x683.jpeg)
En Los Pazos de Ulloa (1985), Fernando Rey respira Galicia, contaxiado por Emilia Pardo Bazán. Gonzalo Suárez escolleu ao señor de la Lage perfecto para este drama de paixón, relixión e política. Non foron as únicas rodaxes de Rey no noso país: Fernández Flórezimaxinou un bosque fantástico e Rafael Azcona serviulle un magnífico guión a José Luis Cuerda en El bosque animado (1987). O señor D’Abondo está soberbio nesta deliciosa película coral. Fernando Rey facía anos e os seus papeis medraban con el.
![](https://luzes.gal/wp-content/uploads/2018/12/still_1_3_790x398.jpg)
Era un cabaleiro e foi un señor fidalgo, o máis célebre de todos, en El Quijote de Cervantes(1991), cun guión adaptado por Camilo José Cela e onde atopou a un Sancho Panza á súa enorme altura, Alfredo Landa.
![](https://luzes.gal/wp-content/uploads/2018/12/quijote-abre_gallery_a.jpg)
Fernando Rey soñaba con ser arquitecto, pero as súas grandes construcións foron os seus personaxes, que nos abriron os ollos ao mundo en anos agridoces, especialmente para o actor: estrela nos carteis das grandes producións cinematográficas da España da ditadura, mentres o seu pai, un xeneral republicano, cumpría condena nos cárceres franquistas.
Hai persoas que deberían estar sempre na nosa memoria. Viva o Rey! Don Fernando, claro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario