mércores, 11 de xuño de 2014

Os 'Feijóos' de Compostela fallan dúas veces

David Lombao


En setembro de 2010 o PP galego estaba aínda subido na onda da súa vitoria autonómica, lograda un ano antes e amplificada polo xiro radical do Goberno central de José Luis Rodríguez Zapatero para aplicar o paquete de recortes ditado dende Bruxelas. Naquel contexto os conservadores convocaron un "gran acto municipalista" no recinto feiral de Silleda. O daquela voceiro do partido, Antonio Rodríguez Miranda, explicaba que a intención da festa mitin era provocarlles "medo escénico" a PSdeG e BNG, un "acto que inquiete os nosos adversarios" e deixe claro que o seu partido ía presentar ás municipais de 2011 "315 Feijóos fronte a 315 Zapateros". Tres anos despois da remuda, a capital de Galicia vén de observar como ten que soltar o bastón de mando o seu segundoFeijóo fallido no que vai de mandato e convértese no escenario da peor crise política para o Feijóo real, o presidente da Xunta, dende a polémica pola publicación das fotos co narcotraficante Marcial Dorado.
A aposta do xefe de filas da dereita para a capital de Galicia foi arriscada dende o inicio. Malia ás voces que o advertían dese risco Feijóo apostou por que Gerardo Conde Roa recuncase como candidato e apoiouno persoalmente, tamén en público. Nun almorzo informativo co seu aspirante á alcaldía compostelá o titular da Xunta prometía un goberno local de "actitude integradora", todo o contrario aos "espectáculos dos bipartitos". "Conde Roa veu de Padrón a Santiago, como o Apóstolo; é inconformista, ten experiencia, ideas e unha enorme ilusión por ser alcalde. Aquí hai un ciclo político que remata e unha parella mal avida [en referencia a PSdeG e BNG] que se limita a soportarse", explicaba nun acto con simpatizantes.
O PP asegurou en 2011 que presentaba "315 Feijóos" ás municipais
Por menos dunha vintena de votos Conde Roa logrou o bastón de mando, o mesmo que tivo que ceder nove meses despois, cando saíu á luz a fraude fiscal de 291.000 euros cometida dende a súa empresa de construción e que meses despois lle valeu unha condena xudicial. Feijóo non lle pedira a dimisión, asegurou na súa despedida, pero Santiago "non merecía" un alcalde nas súas circunstancias: "Somos a capital de Galicia e aquí hai que dar un nivel", dixo. Antes de marchar, o rexedor manobrou para evitar que o posto recaese en Paula Prado, daquela voceira do goberno local e despois número tres do PPdeG ata que a súa presunta implicación no caso Pokémon a fixo dimitir. Este mesmo caso é o que mantén imputado a Conde Roa e a quen impuxo como substituto, Ángel Currás, xerente da Cidade da Cultura en tempos de Fraga e Pérez Varela.

Ao ritmo dos xulgados

Feijóo accedeu ás pretensións de Conde Roa na súa substitución e fixo o propio co resto do gabinete compostelán cando o ritmo da cidade ía sendo marcado polos xulgados. En xaneiro de 2013 estouraba a rama compostelá da PokémonRexistros domiciliarios, detencións e unha morea de sospeitas de enchufes e presuntos tráficos de influencias deixaban á vista a profunda división interna no consistorio compostelán, instalado nunha liorta permanente que as revelacións do sumario agudizaron nos meses seguintesNaquela altura a oposición galega xa comezaba a esixir a disolución da Corporación compostelá e Feijóo, pola súa banda, chamaba á orde aos seus compañeiros de Santiago pero, ao tempo, pedíalles explicacións a PSdeG, AGE e BNG. Currás, pola súa banda, tentaba sen éxito que a xuíza censurase os medios que informaban sobre a presunta trama corrupta.
A condena a sete edís e o pau nas europeas aceleraron as dimisións
Neste contexto a consigna presidencial era sempre a mesma: non ía acontecer nada "ata que a Xustiza fale", isto é, ata que houbese sentenzas firmes para o alcalde e os edís imputados. Ao xeito de Mariano Rajoy o presidente galego ía deixando apodrecer o marasmo político compostelán ata que, de novo os xulgados, aceleraron o proceso: 7 dos 13 membros do equipo de goberno non puideron evitar o xuízo polo acordo de pagarlle o avogado ao edil de Deportes, tamén imputado na Pokémon. Malia todo, a cúpula do PP seguía quieta ata que o excepcional pau electoral nas europeas do 25 de maio e a condena aos concelleiros xulgados lle lembraron aos de Feijóo a gabeta na que gardaban a chave das dimisións.

De "pregúntenlle ao alcalde" á crise de goberno na Xunta

Compostela estaba xa inmersa nunha crise política nunca vista mentres Feijóo seguía, cando menos publicamente, deixando todo nas mans de Currás. "Pregúntenlle ao alcalde", insistiu irado ante a prensa que o instaba a aclarar se pensaba intervir en Santiago. Pero a presión sobre o presidente da Xunta dende ámbitos políticos e mediáticos non cesaba e, por extensión, incrementábase sobre o atribulado rexedor compostelán, que se afanaba en cadrar un equipo de nove persoas, a maioría non electas, para cubrir as vacantes deixadas polos condenados e os dimisionarios.
Tras tentar desligarse do que acontecese en Santiago Feijóo decidiu sacrificar o número tres do Goberno galego
Neste contexto foi no que chegou o, ata agora, último capítulo do sainete. Currás cedeu e o presidente decidiu sacrificar o seu número tres no Executivo, que ocupara o simbólico posto de peche en Santiago nas municipais de 2011, para tentar apagar un incendio político que xa o estaba comezando a queimar a el mesmo. O "espectáculo dos bipartitos" ficou en mero entremés e Feijóo decide provocar unha crise de Goberno na Xunta para tentar que Agustín Hernández lle devolva a calma a Compostela e, de paso, free a erosión que está a sufrir o partido antes da cita coas urnas do vindeiro ano. "Santiago meréceo", asegurou o presidente da Xunta este martes ás portas do Parlamento.

Presentación dos candidatos do PPdeG ás municipais, en 2011

Ningún comentario:

Publicar un comentario