venres, 20 de decembro de 2013

As mulleres non son vacas

Suso de toro
Unha muller é dona do seu corpo e non, como quere este Goberno, propiedade dun Estado autoritario e ultracatólico 

Os “Homo Sapiens” somos unha especie tremenda, probablemente os nosos antepasados comeron outros seres humanos, os de “Neandertal”, do mesmo xeito que agora nós comemos porcos, vacas, ovellas e demais. Por esta parte non adoitamos comer cans nin gatos, todo é poñerse, e quen teña a man a algún destes mamíferos, se ten un momento de atención, comprenderá que, aínda que non falen, teñen pensamento.

Unha vaca é un animal espléndido, custa crer que alguén que se deteña a contemplala non se admire ante esa manifestación da vida, pero criámolas para explotalas e matalas. Somos os descendentes dos cazadores e sabemos cómo matar. Non sabería opinar agora sobre o trato que lle damos os humanos, concretamente na cultura occidental, aos animais. Implica demasiadas cuestións para dar unha resposta simple, pero o debate está aberto. Polo menos noutras sociedades onde non se alardea dos malos tratos animais nin se fai diso patrimonio nacional.

A nosa especie explota outros animais pero, na repartición de roles na especie, tamén a muller foi e é utilizada e explotada como un recurso máis. O monoteísmo semita deulle forma cultural a esa explotación e as tres relixións monoteístas ordenaron a sociedade e a cultura para que a muller fose relegada a ser un recurso e unha propiedade do home.

A corrección a ese rol é o feminismo, probablemente a transformación cultural máis radical na historia da humanidade. O feminismo simplemente di que a muller é un espécime da especie humana, non unha res. Non un animal para estabular, para ser explotado nos traballos polo home e para dedicar á produción de crías.

Esa escravitude ao home vémola de forma brutal nalgunhas formas de prostitución vixentes e, na práctica, toleradas: mulleres secuestradas e encerradas como reses para o desafogo masculino en verdadeiros postos de inseminación. E, aínda que máis velado, vémola tamén nas formas máis sectarias do islamismo, do xudaísmo e o cristianismo.

Pero o avance do humanismo occidental ha ir humanizando tamén algo o cristianismo, especialmente o catolicismo, aínda que dentro se parapeten seitas que continúan defendendo esa concepción da muller non coma un ser humano autónomo, senón coma unha propiedade doutros.Esas seitas integristas están a lexislar neste momento no reino de España a través deste Goberno, que non para de reconstruír por decreto un franquismo que regresa ás nosas vidas. Non dialoga, non pacta e reprime a liberdade de expresión porque non é un Goberno democrático, é sectario.

Até finais dos anos setenta, unha muller non podía abrir unha conta corrente, pechar un contrato ou saír de España sen autorización dun home, esa é a súa España. Pero, a pesar daqueles franquistas e destes, as cousas foron cambiando. Cos seus graves problemas e limitacións, esta sociedade é outra e, para a moral social actual, a muller é un ser humano completo e autónomo con toda a súa dignidade. Para nós hoxe unha muller é dona do seu corpo e non, como quere este Goberno, propiedade dun Estado autoritario e ultracatólico.

O aborto e os seus dilemas é un asunto complexo, pero a lexislación actual adecúase bastante, tanto aos problemas das mulleres españolas como ao que pensa e sente a cidadanía. Este ministro escurantista está a lexislar conscientemente contra as persoas que existen en nome da ideoloxía.

Un ministro que non dubida en despedir unha traballadora por estar embarazada atrévese a impedir a mulleres que traballan controlar o seu propio corpo pero que, se quedan embarazadas, perderán o seu medio de vida. E alimentará o Estado a esas mulleres e aos fillos que teñan? Como se atreve, como non lle dá vergoña? Porque non a ten. Ten polo menos el un modelo de vida acorde coa moral que predica o Opus Dei? Puro cinismo e cálculo político dun Goberno absolutamente inmoral.

Pode ser lexítimo que unha persoa decida someterse e entregarse a outra até o extremo de permitirlle dispor do seu corpo, pode ser. Pero vostedes non teñen dereito a dispor do corpo das mulleres ao seu antollo. Elas teñen o dereito de ser libres e non dubiden de que lembrarán os seus nomes e apelidos, os de quen lles quitan a súa dignidade e a súa liberdade. Vostedes serán lembrados, pasarán á historia por moitas cousas, por iso tamén.

Ningún comentario:

Publicar un comentario