martes, 24 de decembro de 2013

A incerteza eléctrica eleva o interese polas cooperativas de enerxía

Marcos Pérez Pena
Este venres coñeceremos a resolución (momentánea) do simulacro de guerra aberta entre as operadoras eléctricas, o Goberno e os consumidores a respecto da suba do prezo da enerxía e do resultado da poxa eléctrica da pasada semana. O máis probable, apuntan os expertos, é que se acorde un incremento da factura da luz que será grande, pero que ficará lonxe do 11% apuntado o pasado xoves. En calquera caso, o conflito seguirá aberto, entre uns prezos da enerxía disparados nos últimos anos e un oligopolio eléctrico que continuará reclamando compensacións por un déficit de tarifa crecente.

Suba un 3%, un 7% ou un 11% a tarifa, a impresión deixada nos cidadáns pola a poxa da pasada semana e o posterior cruce de acusacións é o de incerteza e un certo escurantismo, a sensación de que os prezos da enerxía se deciden en procesos falseables e nos que as decisións políticas contan máis que o sacralizado libre mercado. Neste contexto cada vez máis ollos xiran cara ás cooperativas de comercialización e produción eléctrica, coma a vasca Goiener, a cántabra Enerplus, a andaluza Zencer, a valenciana Nercoop, ou a catalá Som Energia, con dez mil socios en todo o Estado (tamén en Galicia, onde contan cun grupo territorial), ou a galega Nosa Enerxía Sociedade Cooperativa Galega. Todos eles buscan "cambiar o modelo enerxético actual e democratizar a enerxía, consumir enerxía verde e tamén apostar pola economía social e verde".
"Ante a incertidume e o escurantismo que vemos na poxa eléctrica e nas negociacións entre o goberno e empresas pola tarifa, nós ofrecemos toda a información e transparencia sobre as orixes e os prezos da enerxía que xestionamos"
O que ofrecen, polo de agora, é a garantía de que toda a enerxía que reciben procede de fontes limpas, renovables, verdes, e ademais o feito de seren unha cooperativa ofrece a posibilidade de que os usuarios participen con voz propia na toma de decisións. Esta "transparencia" e "capacidade de decidir" é o que máis está atraendo nos últimos día os consumidores: "ante a incertidume e o escurantismo que vemos na poxa eléctrica e nas negociacións entre o goberno e empresas pola tarifa, nós ofrecemos toda a información e transparencia sobre as orixes e os prezos da enerxía que xestionamos", destaca Pablo Álvarez, un dos promotores da cooperativa.
Nosa Enerxía está a piques de completar os trámites para a súa constitución definitiva, que se producirá en xaneiro, coincidindo coa celebración dunha asemblea en Compostela. En paralelo, o deu grupo promotor xa traballa nun plan de comunicación e na web, que se lanzará en breve, e tamén en contactos con distintos operadores de enerxía verde, para que estes presenten as súas ofertas. Estas ofertas serán presentadas aos socios e socias, que poderían comezar a consumir enerxía a través da cooperativa antes do verán de 2014.
Pablo Álvarez destaca que o interese por Nosa Enerxía se disparou nos últimos días, ao fío da polémica pola suba do prezo da electricidade. Destaca que o perfil das persoas interesadas por esta alternativa de consumo é diverso, dende xente moi interesada polas enerxias renovables e a orixe da enerxía que consomen, até outros moitos que buscan outras opcións ante a suba constante das facturas. 
O grupo promotor xa traballa no deseño dun proxecto de produción eléctrica alternativa, baseada nun primeiro momento no autoconsumo e na colocación de placas fotovoltaicas nas vivendas das socias e socios
Aínda que nun comezo Nosa Enerxía será só unha cooperativa de consumo e non de comercialización, o seu grupo promotor xa traballa no deseño dun proxecto de produción eléctrica alternativa, baseada nun primeiro momento no autoconsumo e na colocación de placas fotovoltaicas nas vivendas das socias e socios. "Os beneficios investiranse na instalación destas placas, e a partir dese momento socios e socias xa pagarán moito menos do que pagaban pola electricidade; durante un tempo seguirán pagándolle unha tarifa reducida á cooperativa, até amortizar o custe da instalación, e unha vez que estea completamente pagada, non aboarán nada pola luz que consuman", explica Pablo Álvarez.
Pablo Álvarez reclama, sobre todo, a necesidade de mudar o modelo enerxético, cara a un novo escenario no que primen as enerxías renovables, "como están facendo en Francia, Austria, Alemaña, ou os países escandinavos"
Álvarez concorda con outras voces en que o actual conflito aberto polo encarecemento da tarifa eléctricase resolverá esta semana cun incremento que satifaga en parte as demandas das grandes empresas, pero "minimizando o excesivo custe da última subasta, presentándoo como unha vitoria ante a opinión pública". En calquera caso, o problema persistirá, necesitado dunha nova reforma do sector eléctrico. "Cando hai empresas que queren ter beneficios, sempre teñen artimañas, pero vaise ter que abrir de novo o melón do sector eléctrico", sinala. "O goberno de Aznar certificou a existencia do déficit eléctrico, e o de Zapatero mantívoo, e todo foi ben até que a crise reduciu a demanda de enerxía, disparando a débeda contraída. É o que pasa porfacer políticas partidistas e curtopracistas", destaca.

Pablo Álvarez reclama, sobre todo, a necesidade de mudar o modelo enerxético, cara a un novo escenario no que primen as enerxías renovables, "como están facendo en Francia, Austria, Alemaña, ou os países escandinavos". "Neste momento hai un exceso de produción eléctrica por parte das renovables. Esta produción debe xeral desenvolvemento, aproveitémola para cambiar de modelo", conclúe. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario