David Lombao
O pasado 20 de marzo, mentres Alberto Núñez Feijóo viaxaba por América, o Consello da Xunta dáballe o visto e prace ao decreto que regula as áreas de xestión clínica. As áreas, definidas polo Goberno como "estruturas organizativas multidisciplinares que incorporan e implican o profesional sanitario na xestión eficiente dos recursos utilizados na súa práctica clínica" foron presentadas daquela polo vicepresidente, Alfonso Rueda, como unha vía para "obter mellores resultados na atención dos pacientes e avanzar na eficiencia dos recursos dispoñibles". Fronte a el, os sindicatos e a oposición parlamentaria observan na medida unha porta aberta a novas privatizacións. Alén do ámbito da opinión, o Consello Consultivo é aínda máis drástico: este decreto é "contrario ao ordenamento xurídico".
As tachas de legalidade que atopa o organismo encargado de velar pola legalidade dos actos da Xunta comezan na propia tramitaciń do decreto. A primeira "incorrección" atópaa no prazo que a Consellería de Sanidade lles deu aos colexios profesionais para formular alegacións ao decreto cando aínda era un proxecto. "Na documentación achegada -di o ditame- figuran copias de correos electrónicos de data do 15 de marzo de 2012" nos que se lles indicaba aos colexios de medicina e enfermaría que "formulasen alegacións antes do 25 de marzo". Aínda que "non consta a data" en que os destinatarios leron os correos, explica o Consultivo, o prazo "en ningún caso foi superior a sete días hábiles, polo que resulta evidente que non se respectou o prazo de 15 días" que marca a lei.
Sanidade non consultou cos pacientes e incumpriu os prazos de alegacións cos colexios profesionais
A esta circunstancia, sinala o informe, engádese que "durante ano e medio o texto do proxecto sufriu numerosas modificacións a respecto do inicialmente trasladado aos colexios profesionais", cambios que "facían necesaria unha nova consulta, aínda que se utilizase o trámite de urxencia". Ademais, di, non consta "que se solicitase a opinión a entidades que representen aos e ás pacientes", polo que "o esencial trámite de audiencia aos cidadásn afectados nos seus dereitos e intereses polo proxecto" non se "practicou en forna neste procedemento, polo que debe formularse a correspondente tacha de legalidade".
"Indefinición" e "dúbidas"
Aínda que o ditame deixa claro que a devandita tacha de legalidade xa "eximiría" o Consultivo de "facer máis consideracións", o organismo avaliou igualmente o conxunto do texto "para o caso de que se opte por retrotraer as actuacións ao momento procedemental no que se cometeron as irregularidades". Así, por exemplo, o organismo público advirte un "certo grao de indefinición do sistema" creado polo decreto para a sanidade galega e "falta de claridade nalgunhas das súas previsións". Ambas circunstancias "poden suscitar súbidas sobre a afectación final que este novo modelo de xestión do servizos sanitarios pode producir na estrutura organizativa do sistema", engade.
"Pode interpretarse que se terán en conta unicamente indicadores de eficiencia, cando o obxectivo é a mellora da saúde"
Entre os aspectos dos que dubida o Consultivo está un dos puntos máis criticados polos sindicatos da sanidade pública: os incentivos que os e as profesionais poden recibir por aforrar ou, segundo interpretan as centrais sindicais, por recortar. "A regulación destes mecanismos non resulta suficientemente clara" xa que está condicionada "totalmente ao acordo de xestión clínica", isto é, ás normas das que se dote cada unha destas áreas. "Podería interpretarse que se terán en conta unicamente indicadores relativos á eficiencia na utilización dos recursos", di o ditame, "cando o obxectivo primordial deste novo modelo sería, de acordo co indicado no preámbulo (...), a mellora dos resultados na saúde da poboación". A Xunta, cando menos de momento, fixo ouvidos xordos a todas estas advertencias. Para os sindicatos, o varapau do Consultivo debera ser motivo de retirada inmediata.
Ningún comentario:
Publicar un comentario