luns, 13 de maio de 2019

Día de oposicións: De negro contra a precariedade no SERGAS

OPE do Sergas en Silleda o 12 de maio de 2019, con gran parte do persoal vestido de negro © Sergas
O persoal eventual do SERGAS estaba chamado este domingo en Silleda ao concurso oposición ao que se anotaran máis de 8.800 persoas das que acudiron 7.675 para optar a 830 prazas (só 372 para a quenda libre). Así pois, a inmensa maioría permanecerá nunhas listas de contratación que suman case dez mil persoas. Despois deste domingo milleiros de enfermeiras e enfermeiros seguirán ocupando ocos estruturais no sistema sanitario público, encadeando contratos de días ou semanas, sen posibilidade de planificar ou conciliar.
O 88% das participantes son mulleres e o 73% teñen menos de 40 anos. A proba comezará ás 15.30 horas co chamamento a todas as aspirantes
O 88% das participantes son mulleres, o 73% teñen menos de 40 anos e o 6% proveñen de fóra de Galicia. A proba comezará ás 15.30 horas co chamamento a todas as aspirantes, o que atrasará o inicio real do exame.
O colectivo Eventuais en Loita, que leva tempo denunciando esta situación de precariedade, fixo un chamamento a tinguir de negro as oposición, acudindo con roupa ou lazos desta cor, como unha forma de denunciar a precariedade que se vive no SERGAS, moi especialmente por parte do persoal de enfermería. Nos últimos días, e sobre todo nas últimas horas, as redes sociais están tamén enchéndose cunha onda de apoios ás traballadoras e traballadores eventuais, a través da etiqueta #OPEnegra.
As redes sociais están enchéndose cunha onda de apoios ás traballadoras e traballadores eventuais, a través da etiqueta #OPEnegra
Estes apoios, en forma de mensaxe, fotografía e vídeo están chegando de forma moi destacada das propias compañeiras e compañeiros dos centros sanitarios, dende todos os puntos do país. Nalgún dos vídeos saliéntase que "non é comprensible que teñan que estar demostrando a súa valía como profesionais día a día, mes a mes e ano a ano". "Para o SERGAS, están perfectamente capacitados para desenvolver o seu traballo en calquera quenda e en calquera centro, aínda que sexa a primeira vez que chegan a el, pero para o mesmo SERGAS este persoal non está preparado para formar parte do cadro de persoal estable", denuncian.
"Sodes un dos piares fundamentais do sistema sanitario e as garantes dunha atención de calidade, por iso os vosos problemas laborais nos afectan a todas", di un dos vídeos
Outro vídeo, dun técnico en emerxencias sanitarias, amosa a súa "máxima solidariedade polas penosísimas condicións laborais e de contratación que estades a padecer no colectivo de enfermería (...) por culpa dos recortes e do maltrato reiterado por parte dos actuais responsables do goberno galego". "Sodes un dos piares fundamentais do sistema sanitario en calquera servizo e as garantes dunha atención de calidade, por iso os vosos problemas laborais nos afectan a todas", engade
Tamén están publicando un gran número de imaxes e vídeos representantes das forzas políticas da oposición, entidades de doentes e representantes do mundo da cultura, así como moitas persoas máis anónimas, a título estritamente individual, salientando a necesidade de apoiar a sanidade pública, as súas profesionais e a calidade da atención, que en boa medida depende das condicións laborais deste persoal. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario