luns, 19 de xuño de 2017

O Sergas non informará do efecto do peche estival de camas nas listas de espera por terceiro ano consecutivo

La nueva normativa para informar sobre la espera hospitalaria permite al Gobierno de Feijóo no revelar por tercer verano consecutivo el incremento de la demora a causa de los cierres

Feijóo e o conselleiro de Sanidade, Vázquez Almuíña

David Lombao
http://praza.gal

A Xunta fai públicos os datos das listas de espera cirúrxica e de consultas externas dende xuño de 2005, información que comezou a ser fornecida con regularidade nos meses de transición entre o Goberno do PP de Manuel Fraga e o da coalición de PSdeG e BNG. O Servizo Galego de Saúde acudiu con puntualidade cada tres meses á súa cita con esta publicación ata o ano 2014, cando deu en separar os datos do hospital concertado POVISA do cómputo xeral, facendo imposible comparar os datos. Ao ano seguinte, en 2015, comezou a aplicar un novo precepto legal que reduciu á metade a información sobre as esperas na sanidade pública e libra a Xunta de facer público o impacto dos peches estivais de camas, un opaco procedemento que neste 2017 se aplicará por terceiro verán consecutivo.
Entre 2005 e 2013 os datos publicáronse cada 3 meses; o do terceiro trimestre reflectía o impacto da redución de actividade no verán
A información trimestral da lista de espera cirúrxica provocaba que en torno ao mes de outubro de cada ano o Sergas ofrecese os resultados do terceiro trimestre do ano, datados no 30 de setembro. Esa publicación disparaba en todos os casos o dato medio de agarda para se operar nos hospitais públicos, xa que era produto da redución de actividade dos meses de verán. Así, por exemplo, o primeiro dato correspondente ao terceiro trimestre, en 2005, reflectiu a espera media máis alta de toda a serie, 137 días. Nos nove anos en que foi revelado nunca descendeu dos 90 días; os datos máis baixos rexistráronse entre 2008 e 2009 (92 días) e mais en 2010 (90,7) e os últimos coñecidos, 2012 e 2013, achegábanse aos 99 días de agarda.
En 2014 o Sergas publicou os datos sen sumar Povisa e dende 2015 só informa sobre as listas dúas veces ao ano, evitando o verán
Con este pano de fondo a Xunta impulsou e sacou adiante no Parlamento no inicio da pasada lexislatura a lei de garantías de prestacións sanitarias. Con esta norma, que ademais de facilitar o transvase de pacientes do Sergas á sanidade privada fixa un límite máximo de 60 días para o acceso a unha operación, o Goberno autorizouse a si mesmo a reducir a información pública sobre as listas de espera, que pasou de trimestral a semestral. Tratouse, segundo o PP, dunha decisión "valente" para facer "pasar a un segundo plano" o debate político sobre o asunto que ademais veu acompañada da eliminación da web do Sergas de toda a información previa a 2014.
Aínda que a lei entrou en vigor en marzo de 2014 a Consellería de Sanidade non comezou a aplicar o precepto sobre a información das listas ata marzo de 2015, cando en vésperas das eleccións municipais decidiu non publicar o dato do primeiro trimestre do ano. A decisión executada pola daquela conselleira, Rocío Mosquera, foi continuada polo seu sucesor, Jesús Vázquez Almuiña. Así, tanto en 2015 como en 2016 o pico estival da espera desapareceu da estatística. Mentres, a inxección adicional de cartos anunciada por Feijóo na primavera de 2016 achegou o dato medio previo ás eleccións galegas aos 60 días que marca a lei. O primeiro tras o proceso electoral ascendeu levemente e quedou un chisco por baixo dos 70.

Os peches de 2017

Con este pano de fondo o Sergas ten xa en marcha o plan de peches de camas para este verán. Despois de que, nas últimas semanas, os sindicatos sanitarios fixesen públicas as súas estimacións, uns 1.000 peches que suporían manter a cifra en máximos, o conselleiro aproveitaba unha entrevista na Cadena SER para explicar que o peche afectará a "entre o 15% e o 20%" das camas, o que vén confirmar os augurios sindicais -os datos máis recentes indican que o Sergas dispón dunhas 6.600 camas operativas-. 
Sanidade mantén que as camas xa non teñen a "importancia" doutros tempos e a oposición censura que "tome por parva" a poboación e aproveite o verán para "pagar menos" e "poñer en risco a atención hospitalaria"
Mentres Almuiña reitera, como en anos anteriores, que a cifra total de camas xa non é tan relevante como noutrora -"son importantes nos hoteis e non tanto nos hospitais", chegara a ilustrar o pasado verán-, a oposición parlamentaria censura que o conselleiro "tome por parva" a poboación, en verbas da voceira de En Marea en materia sanitaria, Eva Solla. Alén dos "eufemismos", di a parlamentaria, o certo é que a Xunta toma decisión cando mesmo "incumpre" o límite de 60 días que se impuxo a si mesma. As listas de espera acreditan, di, que pechar camas "é xusto o contrario do que se debería facer".
Nun sentido semellante o deputado do PSdeG Julio Torrado anunciaba este xoves unha interpelación a Almuiña para cuestionalo sobre por que "pon en risco a atención hospitalaria" cuns peches "letais nun sistema que de forma habitual está en situacións límites". O Goberno galego, lamenta, "impón un modelo de sanidade cicatero, máis barato, de mercadiño" e ve no verán "unha oportunidade para pagar menos" no canto de para reducir a agarda. Tamén o BNG, a través de Montse Prado, censura este peche sen que sequera Almuiña o "explique" ou aclare por que "non serán substituídos moitos profesionais durante as vacacións".

Camas pechadas nun hospital público galego

Ningún comentario:

Publicar un comentario