luns, 26 de maio de 2014

"Podemos demostrou que a desafección cidadá hai que movela coa participación"

Miguel Pardo
Podemos puido. A gran sorpresa electoral nas eleccións europeas do pasado domingo foi tamén a grande irrupción en Galicia, onde incluso superou a porcentaxe de apoio recibida no conxunto do Estado ao acadar o 8,34% -fronte á media do 7,97% na circunscrición única- e máis de 84.000 votos. Superou o BNG, quedou a un paso de AGE e obtivo un máis que importante resultado nas cidades máis grandes, onde pasou do 12%. Todo sen estrutura ningunha no país, sen afiliados e baseando a campaña nas redes sociais e no pulo que lle daba o seu líder a nivel estatal coas súas aparicións en faladoiros políticos da televisión. E en tan só tres meses e tras conseguir as 50.000 sinaturas requiridas para se presentar en tan só un día.
O apoio a Podemos en Galicia foi superior á media do que obtivo no conxunto do Estado
"Non temos carné de partido nin afiliación; todo é un proceso aberto que se organiza mediante Círculos nas diferentes localidades onde calquera dos que se une ten a mesma capacidade de decisión. A clave é que nos abrimos á cidadanía", explica Miren Alonso, unha das responsables de Podemos na Coruña, que aclara, non obstante, que nin ela nin ningún dos seus compañeiros son "profesionais da política" e que esa apertura á xente busca "acabar con esas instancias intermedias dos partidos tradicionais que están tan gastadas".

Nos últimos meses, Podemos configurou dez deses Círculos en Galicia, nas sete cidades e en Vilagarcía, Ponteareas e Tui. Outros están practicamente formados xa ou en proceso, como na Mariña, e seguen chegando máis. A formación defíneos como "espazos abertos para rematar co medo, a fragmentación e a resignación para construír a unidade popular e cidadá, contra o empobrecemento e o secuestro da democracia". No conxunto do Estado, pasouse en só unhas semanas dos 200 Círculos que estaban constituídos aos 400 que xa funcionan. E os responsables insisten en que calquera está aberto a achegar cousas, a unirse.
Agora, cos resultados, a cousa cambia. E moito. "Estamos sorprendidos porque sabiamos que a nosa mensaxe chegaba, pero o silencio mediático ao que estabamos sometidos tamén era evidente. Tiñamos un cabeza de lista que saía nos debates televisivos e pouco máis", di Alonso, que recoñece a "dificultade" de incorporar á axenda política a Podemos en Galicia. Aínda así, colleitaron unha importante morea de votos. "E hai moita xente que nin nos votou nin coñece ben a fondo a nosa mensaxe, pero que coincide con nós no básico e en moitas cousas das que propoñemos", insiste.
O voto a Podemos en Galicia é fundamentalmente urbano, destacando en Vigo e na Coruña
O voto en Galicia a Podemos é fundamentalmente urbano e herdeiro da indignación do 15M. A maior habitantes, maior apoio. De feito, son Vigo e A Coruña, as dúas localidades máis poboadas do país, onde a porcentaxe de voto é máis importante para a formación que lidera Pablo Iglesias. Na urbe viguesa a lista acadou o 12,42% dos votos e converteuse na cuarta forza máis votada. Na cidade coruñesa, o apoio foi algo menor (12,25%), pero Podemos escala á terceira posición, por riba de AGE e do BNG. O Bloque só mellora os seus resultados en Pontevedra, onde, non obstante, alcanzou o 10,25%. No resto das cidades superou a candidatura que liderou Ana Miranda.

Así, en Ferrol alcanza case o 11,5% e en Lugo sitúase no 9,45%. A nivel provincial, queda claro que os territorios máis poboados e atlánticos son o seu caladoiro de votos. Mentres nas provincias de A Coruña e Pontevedra queda a só un paso do 10% de apoio, nas de Lugo e Ourense a porcentaxe sitúase na metade, superando o 5% en ambas as dúas.
A chegada de Podemos supuxo un golpe ao bipartidismo, pero tamén é unha advertencia a outros partidos tradicionais como IU ou o propio BNG, que ven como a esquerda ten agora outro espazo polo que apostar. "É obvio que o bipartidismo sufriu un golpe moi importante e Podemos naceu precisamente para iso, para acabar con esta dualidade, con este Pepsi ou Coca-Cola eterno". "Era o momento no que tiña que xurdir algo, algo que dese esperanza... E non é casualidade que a irrupción de Podemos coincidise co peor resultado de PP e PSOE", engade Miren Alonso, que ten claro cal é o inimigo da súa formación.
"Era o momento no que tiña que xurdir algo, algo que dese esperanza", din desde Podemos-Galicia
Aposta pola confluencia e a unión da esquerda. "Para cambiar as cousas temos que confluír, pero non pode ser que iso se faga mediante reunións en despachos, senón que ter que vir da xente, das rúas e non desde arriba", explica. Desde a formación entenden que a unión da esquerda é "complexa" pero amósanse "confiados" en que se "pode facer porque é o necesario para botar esta casta que o único que fai é recortar os nosos dereitos".
Entre esa "casta" inclúe, por suposto, a PP e PSOE, cos que nada quere saber Podemos. "Eses dous partidos non contan para nada. Uns metéronos onde estamos e outros mentiron e nada cumpriron do seu programa; son os dous actores principais dos recortes e problemas que todos sufrimos", engade Alonso, que garda aínda reproches para os socialistas por "non ser consecuentes, contarnos contos e logo facer o contrario". "Falar con xente do PSOE ultimamente só fai que me enoxe aínda máis", asegura.
Podemos aposta pola unión da esquerda para acabar co bipartidismo e exclúe o PSOE de calquera tipo de acordo
Agora, Podemos afronta novos retos. Tamén en Galicia. E saben da complexidade e incluso da "contradición importante" que pode supor nalgúns aspectos. Os seus resultados obríganlles a bulir. "Temos que facer as cousas moi rápido e é un proceso moi complexo, pero o que nos caracteriza é o método, o ser abertos para os cidadáns ou non ser. Agora haberá que ver ata que punto imos ser capaces de conxugar todo isto coa apertura total que propoñemos, pero ten que ser así", explica quen sabe que abrir as portas a toda a cidadanía ten os seus riscos. "Sabemos que poden intentar sabotearnos", engade, malia ser optimista.

A formación recoñece que o seu método de apertura á cidadanía ten o risco de seren "saboteados"
"Demos un golpe enriba da mesa pero tamén demostramos que a desafección cidadá hai que movela coa participación; seguiremos facendo como até o de agora porque funcionou e agardamos que siga funcionando, pero é evidente que temos que afrontar retos", finaliza Miren Alonso, consciente de que moita xente confiou o seu voto a Podemos por ser diferentes, por ser de esquerdas e por vir de abaixo. "Estiven de apoderada e vin xente coller a nosa papeleta sorrindo", remata.
Polo momento, a formación liderada por Pablo Iglesias xa avanzou que apoiará o grego e líder de Syriza, Alexis Tsipras, para presidir a Comisión Europea e integrarase no grupo da Esquerda Unitaria, onde tamén estará Lidia Senra e IU. Queda por ver se a chamada á confluencia da esquerda comeza aquí ou esta segue igual de diseminada. En Galicia, a irrupción de Podemos volve cambiar o panorama no que hai menos de dous anos os protagonistas principais eran PP, PSdeG e BNG. Agora, a partida xógana máis.

Ningún comentario:

Publicar un comentario