sábado, 10 de maio de 2014

A sanidade galega mobilízase ante "o maior peche de camas da historia"

Marcos Pérez Pena
CIG, CCOO, CESM-OMEGA, CSI-F, SAE e UGT levarán a cabo mobilizacións os días 14, 21 e 28 de maio en protesta polo peche de máis de 1.200 camas hospitalarias nos meses do verán decidido pola Xunta. Trátase, segundo denuncian do "maior peche de camas da historia", superior ás 1.100 camas pechadas o pasado verán e moi superior ás 600 postos inoperativos do 2010. Nas protestas o persoal sanitario deitarase no chan, en referencia a esta ausencia de camas para os pacientes.
Trátase, segundo denuncian do "maior peche de camas da historia", superior ás 1.100 camas pechadas o pasado verán e moi superior ás 600 postos inoperativos do 2010
Os representantes sindicais, reunidos este venres en Compostela, denuncian así mesmo o incremento da duración e do número das persoas afectadas polas listas de espera no SERGAS, unha situación que -din- se verá agravada polo peche de camas. Ao dato oficial de 38.106 persoas en lista de espera, as organizacións sindicais da sanidade engaden as cifras de persoas nas listas de espera non estrutural, que elevarían a cifra de doentes agardando por seren atendidos a 60 mil. Centos destas persoas "levan máis de 5 anos esperando unha intervención cirúrxica", subliñan.

Ao dato oficial de 38.106 persoas en lista de espera, as organizacións sindicais da sanidade engaden as cifras de persoas nas listas de espera non estrutural, que elevarían a cifra de doentes agardando por seren atendidos a 60 mil
Ángel Cameselle, de CC.OO., denunciou a importancia das listas espera estruturais, que elevan en moito o número de galegos e galegas afectadas polas listas de espera, e que nalgunhas áreas sanitarias poden chegar a ser o dobre que as cifras oficiais achegadas pola Xunta. Cameselle lembrou ademais as denuncias que o Partido Popular, a través de Alberto Núñez Feijoo ou Miguel, realizaba en 2008, dende a oposición, pola existencia de listas de espera ocultas. De igual xeito, Javier Martínez, de UGT, denunciou que "a única solución que ofrece o Goberno ás listas de espera é meter os pacientes nun caixón, ou derivalos a centros privados, pero, engadiu, "os profesionais e os usuarios sabemos cal é a realidade".
Mª Xosé Abuín, de CIG-Saúde, sinalou que os criterios seguidos para elixir os servizos a pechar en cada hospital ou área sanitaria carecen "de toda lóxica asistencial", e puxo como exemplo o caso de Xeriatría de Lugo, "onde se pecha un servizo ocupado ao 100% durante todo o ano, argumentando un criterio de rotación. Xa estamos tremendo por cando na rotación lle toque pechar ao servizo de UCI ou de Urxencias"."Non hai ningún argumento que xustifique estes peches", engadiu, "o que fai a Consellaría é condenar os cidadáns a non ter unha asistencia digna e condenar ao mesmo tempo ao paro a un gran número de traballadores".
"Non hai ningún argumento que xustifique estes peches"
Segundo Abuín, cando nun momento dado se necesita o reforzo na actividade, en lugar de chamar ao persoal que está nas listas de substitución, óptase por dobrar os turnos dos traballadores fixos."Se se aplicase a norma do Estatuto dos Traballadores que impide que un traballador faga máis de 80 horas extra ao ano, o Sergas sería a primeira condenada", engadiu. "Algún traballador chega a facer máis de 600 horas extraordinarias ao ano. Isto non o poden soportar os profesionais, nin a poboación, nin o sistema sanitario", concluíu.
Javier Martínez lembrou a situación que se xerou o pasado verán co accidente do Alvia en Angrois, que coincidiu cun gran número de camas pechadas nos centros hospitalarios: "Que solución deu este Goberno? Primeiro, contar coa boa vontade dos profesionais que estaban de vacacións, que se presentaron de forma voluntaria. E o segundo, foi a derivación de pacientes para os hospitais privados. Iso en economía chámase duplicidade, e unha xeración de máis gastos". Martínez denunciou que "os impostos dos cidadáns están sendo desviados para pagar servizos na sanidade privada, cando está demostrado que son máis baratos e máis eficaces na sanidade pública".

O camiño da privatización

"Todas as medidas que se están a tomar desde o goberno do PP están encamiñadas á privatización e desmantelamento da Sanidade Pública, a entregala ás mans dos lobbys sanitarios"
Para María Xosé Abuín, "a Consellaría ten unha folla de ruta dirixida a privatizar a sanidade pública, todas as medidas que se están a tomar desde o goberno do PP están encamiñadas á privatización e desmantelamento da Sanidade Pública, a entregala ás mans dos lobbys sanitarios, dos que, por certo, moitos xerentes e até a propia Conselleira forman parte". Segundo Abuín, "o argumento de que a privatización se fai por aforro e por mellorar a prestación, cae polo seu propio peso", pois "nos servizos privatizados até agora son múltiples as deficiencias que vimos denunciando" e, ademais,"nunca presentaron un informe económico no que se recollera o tal aforro do que falan". A representante de CIG-Saúde sinalou que o único argumento que emprega o Goberno galego para negar estes plans privatizadores é que "o financiamento é publico". "Efectivamente, o financiamento é público, sae dos impostos que todos e todas pagamos" -dixo- "e ao final o lucro lévano as empresas privadas".
"Estanse derivando os servizos que son rendibles, os que xeran beneficios, porque a sanidade privada existe para xerar dividendos", lembrou Javier Martínez, "e se teñen algunha complicación, os pacientes reingresan na sanidade pública". A consecuencia destas políticas será "a existencia de dúas sanidades: unha de calidade que poderán pagar os que teñan recursos, e outra de beneficencia para todos os demais", dixo. Martínez advertiu de que "se non hai unha intensa mobilización cidadán, acabarán co Estado de Benestar neste país".
"Efectivamente, o financiamento é público, sae dos impostos que todos e todas pagamos, e ao final o lucro lévano as empresas privadas"
Ao igual que Abuín, Cameselle tamén destacou a forte presión exercida polo lobbies internacionais da sanidade privada, que están a forzar os distintos gobernos, comezando polo galego, a privatizar servizos e a mudar a lexislación para asegurar que a xestión destes ámbitos externalizados non poida volver ser pública. Na comparecencia desta mañá tamén se denunciou que coa negociación do Tratado de Libre Comercio entre a UE e EEUU, "vaise afondar na folla de ruta de desmantelamento da sanidade pública".
Tamén dende CEMS se advertiu da importancia de mobilizarse en defensa do sistema público de saúde, "un tesouro admirado en todo o planeta que se se perde xa non se poderá recuperar". E de igual xeito, o representante de O'Mega alertou de que as actuais políticas van encamiñadas á degradación do servizo que se presta na sanidade pública "para facilitar a súa privatización".

Ningún comentario:

Publicar un comentario