por: abc
Levo días angustiado vendo as imaxes do accidente
ferroviario na curva da Grandeira en Angrois (Compostela). Escoito as
informacións, as terribles testemuñas e as sangrantes imaxes mentres medra en
min un malestar insólito. Nos momentos máis duros, nas situacións determinantes,
dolorosas, non aparecen os recortadores, o diñeiro B, os fondos de inversión,
as grandes empresas, a competitividade e o individualismo.
Non podo deixar de sentir unha grande empatía cos
falecidos, os feridos, os familiares, os amigos que seguen a chamar a móbiles que non
responden… E voume imbuíndo no sofá: imaxino o son dos vagóns o
engurrarse, os berros, os móbiles, as bágoas de impotencia, de incerteza…, comprobo
entón có meu afliximento é compartido nas redes sociais Facebook, twitter,
único medio nas primeiras horas, todo son condolencias e dor común, entón é cando
me decato da solidariedade, o vínculo polo común e os servizos públicos de
todos e para todos. Esa enfermeira ou ese
celador, ese médico gozando de vacacións, ou que libraban (sen extra, sen
moscosos… ou despedidos polos recortes da Xunta) que se achegan O Clínico… eses
bombeiros que deciden suspender unha folga para acudir ó rescate…, os veciños da zona que son os primeiros en chegar que con
picos ou aixadas rompen as fiestras do tren e sacan xente mentres non chegan as
asistencias…, ese policía correndo e organizando o descontrol. Esas
ringleiras de cidadáns doando sangue, eses
descoñecidos doando o seu, o que lles queda. A Asociación de Hostaleiros de
Compostela, deixando as habitacións ós familiares das vítimas. Os que agardaban
nun andén e agora agardan no habilitado pavillón do Sar, unhas apertas
ás portas dun tanatorio, logo teñen que recoñecer a seus familiares, …a sombría
burocracia da anulación, tormento ineludible dos que son golpeados pola morte dun
ser querido, todos tocados de preto polos acontecementos. Os falecidos... que xa non senten nada, pero tiñan vida e naceran para vivir e non para cumprir condena nos andéns…
E chegaron os gobernantes desexosos de
que isto estea en primeira liña de fogo tódolos días e a tódalas horas, para
eles alentar e calibrar detidamente as artimañas para escapar dos seus actos
corruptos e delictivos…
Entón deume por pensar si sabemos cánta xente cae dos
andamios ó ano, cántos mendigos morren na rúa, cántas persoas falecen de cáncer,
de accidente de coche ou de inanición, ou dunha das mil causas naturais ou non,
neglixentes ou non, eses dramas existen e non conseguen semellante resposta
colectiva porque ninguén parece abrir o lacrimal... as bagoas teñen algo e contáxianse
por exposición se non é por dor directo, téñanolas que extraer con fotografías
ou vídeos impactantes. É necesario chamar á tristura. Vexamos no 2012 morreron
555 persoas en accidentes laborais, 1.300 pereceron en sinistros de tráfico (decenas
nun mesmo fin de semana, múltiples nun só accidente). A ninguén lle deu
por chorar cada fin de ano. E non fai falla falar de dramas en países afastados.
Qué é o que nos conmove? Qué nos fai dar condolencias
alleas en duelo colectivo? A partir de cántos mortos comeza o pésame social?
sigo angustiado e co corazón encollido polo accidente; porque unha vez que te
metes na pel de alguén, custa espirse. Así que sexa polo que sexa, atrapame. Síntome
humano. Pero dáme medo pensar cómo se activa ese botón do choro patrio. E sobre
todo en por qué as veces non se activa.
Asquéame o morbo e a necrofilia dalgúns medios,
tertulianos e políticos preando e choupando na sangue
e as desgrazas, os que furgan nas feridas e non socorren os feridos, nuns días
esqueceran e transportaran o seu sensacionalismo a outro tema truculento ou á
próxima traxedia. Os que sacan o pantasma do "terrorismo" pero si falas de recortes e desmantelamento
do ferrocarril público acusan de "politizar
a traxedia", gústenos
ou non, as traxedias non soen ter lugar ó marxe das decisións políticas que se
toman, a pesar das multimillonarias inversións (en euros) e as fanfarras das inauguracións, política é a errónea
decisión de preferir aforrar en expropiacións antes que en seguridade, da
primeira curva que se atopa o tren circulando entre Madrid e Ferrol ó chegar a
Compostela dende Ourense. É, máis, onde xa non hai trazado novo independente
para o AVE, senón que parte do trazado antigo, construíuse
durante o franquismo entre ambas cidades. Aínda cá vía antiga ampliouse, esta perde parte das características da Alta Velocidade. Fíxose, en parte, para
evitar expropiacións, nunha zona notablemente urbanizada, de aí parte a pregunta que todo o mundo nos facemos, por qué…? política tamén é decidir poñer unha causa ou outra.
Política é a obsesión por levar o tren de alta velocidade a tódalas partes, xa
non só pola ridícula decisión de facer da construción prioridade
independentemente da realidade social deste país, senón, insistir en levalo aí
onde a orografía o repele, metela con calzador. Recortar no público é política.
Os despedimentos e EREs en RENFE tamén son política. Insinuar agochado que
detrás do descarrilamento estaba ETA ou Resistencia Galega como insinuaron
algúns periodistas é política. Có tramo da vía na que o tren descarrilou fose construído por unha empresa que fixo doazóns
en B o Partido Popular e aparece nos papeis de Bárcenas é política. A redución
nun 70% do gasto en RENFE destinado a mantemento é política.
Todo parece apuntar ó sistema de freada instalado pouco
antes de chegar á estación, nos últimos kms.,
por suposto non esquezamos o papel do condutor o motivo polo cal toma unha
curva pensada para 80km/h a 190 km/h, pero dende a miña ignorancia decátome que
no tramo Ourense-Compostela utilizase o sistema AFSA non o chamado ERTMS que de
forma intelixente actúa incluso cando o condutor quere facer o contrario, é
dicir, se detecta que vai demasiado rápido frea de todas todas. O AFSA é un
modelo máis antigo de freada que só se limita a avisar, pero non ten a
capacidade de frear por si só, polo tanto máis alá do factor humano, o certo é
que se podería evitar súa influencia se se contara co sistema de freado
axeitado o marxe da decisión do condutor.
A cidadanía temos dereito nesta e outras cousas a saber e
a cuestionar as respostas que nos ofrecen as autoridades, non unicamente por
democracia, tamén porque temos bastantes antecedentes de engano e ocultamento
en situacións semellantes (Prestige, incendios forestais...).
Remato esta reflexión, pero non quero deixar de mencionar
o pésame có Goberno enviou ás vítimas, un comunicado que contiña un parágrafo
falando dos afectados polo terremoto de Gansu, podería terse enganado co da súa
nai, pero non, no era seu día. Sabedes, paréceme que non foron as únicas
condolencias de copiar e pegar. E có hospital de Conxo o máis cércano o lugar de accidente non recibiu nin un só paciente. Totalmente dotado con persoal voluntario esperando e nada... Iso si derivados a La Rosaleda, un privado… Só agardo có interese amosado cheguenós ata
coñecer se este accidente podería ser evitado. Cada
acto, cada decisión, é sempre política, empecemos polo principio, para
cando iso chegue xa estaremos envoltos en outras emocións. Que llo pregunten
se non ós familiares dos falecidos no metro de Valencia… Lembremos que a
traxedia do metro de Valencia tamén comezou cunha baliza, coa insuficiencia do
sistema de freado e recordemos que nada de isto tiña que ver coa política. 7
anos despois parece que algo si tiña que ver.
Ningún comentario:
Publicar un comentario