domingo, 28 de xullo de 2013

Galicia non (só) chora

Xermán Varela


Aínda é difícil escribir sobre o sucedido xa que aínda estamos asumindo a noticia. Sen embargo, agora que semella que os medios xa se dedican á especulación contra o maquinista e a volver espectáculo baleiro a dos das vítimas, non podo resistir responder a algunha cousa.  
Un periódico titulou Galicia chora. Si, en Galiza choramos, tamén rabeamosque diría o poeta. E tamén é certo que en Galiza estamos a asumir a desgraza. Pero, para min, o titular, de querer ser xusto, tiña que ser outro: Galiza loita
Un periódico titulou Galicia chora. Si, en Galiza choramos, tamén rabeamos que diría o poeta. E tamén é certo que en Galiza estamos a asumir a desgraza. Pero, para min, o titular, de querer ser xusto, tiña que ser outro: Galiza loita.
A noticia non está nesa dor, que existe, da que hai que informar pero que é propia de toda traxedia. A noticia está en que os Hospitais públicos a mesma noite do accidente puxéronse a traballar ao cen por cen porque o persoal médico que estaba de vacacións volveu aos seus postos sen que ninguén chamara nin pensara nas condicións dos seus contratos. O persoal de enfermería encheu o servizo e sábese que ata enfermeiros e enfermeiras en paro acudiron a prestar axuda. Que lonxe da visión do ser humano como mero maximizador de beneficios na que algúns sustentan a súa análise económica e política.
A noticia está en que os Hospitais públicos a mesma noite do accidente puxéronse a traballar ao cen por cen porque o persoal médico que estaba de vacacións volveu
O colectivo de bombeiros, e o seu comité de folga, de xeito inmediato (sen chamadas, sen promesas, sen agardar nada a cambio) desconvocou a protesta e acudiu a axudar. Que lonxe queda esa imaxe vil dos sindicatos como colectivos corruptos e egoístas. Que lección de traballo colectivo, de solidariedade que só se consegue con acumulación de traballo e anos de formación e non con contratos lixo e preocupación polo futuro laboral.
Fixo falla sangue. Polas redes sociais (que non polos medios xeneralistas da televisión comercial) distribuíuse a chamada. Inmediatamente obtívose porque a cidadanía acudiu de inmediato e houbo colas inmensas no Centro de Transfusións de Sangue de Santiago, pero tamén en Vigo e Coruña. Outro servizo público activado ao cen por cen polas persoas que traballan nel, sen preguntar que beneficio económico ían sacar, sabendo que só pretende recortalos. Que clara aparece a masa de cidadanía como espazo colectivo que nos define e non como grupo perigoso con que algúns identifican calquera grupo de máis de tres persoas.
Fixo falla sangue. Polas redes sociais (que non polos medios xeneralistas da televisión comercial) distribuíuse a chamada
O Colexio de profesionais da psicoloxía activou inmediatamente un plan de actuación en catástrofes tamén organizado dende os principios do común e o público e non do cálculo de beneficios. De que forma tan clara amosa as virtudes do que é sentido como propio fronte ao que só é entendido como negocio.
Pouco máis podemos dicir da reacción da xente de Angrois. Nunca poderemos dicir todo o que esa xente merece. Sacaron a propia roupa das súas casas, moveron cos seus brazos os coches que impedían transitar ás ambulancias …. Que exemplo tan evidente do que é pobo.
Persoas dese colectivo xeral chamado funcionariado que actuou movido pola conciencia de comunidade e cidadanía que é tan pouco valorada nestes tempos
Tamén hai que dicilo nestes tempos en que é tan doado atacalos. Todos os partidos e organizacións políticas, máis ou menos parlamentarias, ou en absoluto parlamentarias, nun día tan cargado de política como o 25 de xullo, deixaron a un lado as súas lexítimas protestas e propostas e deixaron o protagonismo ás vítimas e á xente que traballaba. Que pena que non sexa o común. E, ollo, creo que a política ten que ver co sucedido, pero tamén que ten que existir un momento no que deixemos a un lado iso para actuar como sociedade. Despois, inmediatamente despois, dende logo, debemos volver a debater cómo nos organizamos, cómo facemos lexítima política.
Ata as Unidades de Intervención Policial que son despregadas nesa data en Compostela en número quizais excesivo convertéronse en brazos desesperados que se sumaban a outras persoas dese colectivo xeral chamado funcionariado que actuou movido pola conciencia de comunidade e cidadanía que é tan pouco valorada nestes tempos. Alguén pode crer en serio que a derivación da seguridade pública a empresas privadas, e a desaparición consecuente do concepto de público na seguridade, permitiría tal nivel de coordinación e entrega?
O compañeiro Luís Alaez está a dar unha lección de saber facer e humanidade, sen procurar fotografías nin famas, dando información, non sendo información e espectáculo. Qué exemplo de servizo público co que algunhas persoas queremos entender a Xustiza
Tamén o colectivo xudicial, dende a xudicatura, a fiscalía, secretaría xudicial e funcionariado, IMELGA e demais actuou dende o primeiro momento. Miguel Angel Cadenas, presidente do Tribunal Superior, estivo en Compostela prestando o apoio que era posible. O compañeiro Luís Alaez está a dar unha lección de saber facer e humanidade, sen procurar fotografías nin famas, dando información, non sendo información e espectáculo. Qué exemplo de servizo público co que algunhas persoas queremos entender a Xustiza.
Por todo iso o orgullo. Pero  tamén a rabia. A rabia porque se quere converter todo isto no problema individual dun maquinista ao que se lle sacan de contexto mensaxes de Facebook de fai un ano. Descoñezo as causas do sinistro pero temo que a ausencia de infraestruturas que reaccionaran ante un posíbel erro humano ou a ausencia de medidas de prevención de riscos laborais poden ter algo que ver. Négome a aceptar que estamos ante unha catástrofe natural. Igual que ante outros monstros dos nosos tempos (crise, recortes,…), pretenden vendernos que estas cousas pasan. Queremos saber as causas, non só as inmediatas senón tamén as relacionadas coas políticas aplicadas nos medios de transporte.
Queremos saber as causas, non só as inmediatas senón tamén as relacionadas coas políticas aplicadas nos medios de transporte
Referíame ao principio a unha portada (seguro que ben intencionada) dun xornal non galego. Creo que é importante que se saiba que este pobo, fóra de tópicos e clichés, non está formado por xente submisa que acepta as desgrazas como feitos do destino contra os que nada se pode facer. Estes días, como sucedeu con aquel petroleiro, estas xentes amosaron outra vez que un colectivo que sabe reaccionar e loitar unido contra as adversidades que teñen causas (ás veces con nomes e apelidos). Un colectivo que, por desgraza e por experiencia, non agarda a que o poder reaccione e, cando é necesario, mobilízase e auto organiza os seus recursos.
Temos orgullo e rabia, ou rabia e orgullo, e motivos para seguir pensando como organizar esta Sociedade como algo de todos e para todos
Por todo isto, nestes momentos, creo, que temos tristeza pero temos orgullo e rabia, ou rabia e orgullo, e motivos para seguir pensando como organizar esta Sociedade como algo de todos e para todos, como algo común no que somos moito máis que individuais calculadores de beneficios.
Ánimo e solidariedade para quen se vira persoalmente afectado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario