sábado, 20 de abril de 2013

Estanse pasando…!

por abc

Maioría absoluta? Ben!, teño un mandato claro. Para facer, non facer e desfacer. Vía libre ata dentro de catro anos.

Nesta derradeira semana Cospedal bateu o récord de subida do pan cando abría a boca, pero foi o dos iogures, Cañete, quen pasou pola porta grande co da espita da auga fría, claro con este apelido…, duchámonos por riba das nosas posibilidades…, tampouco quedou manca Fatima Yañez co da "mobilidade exterior" ó referirse ó exilio forzoso a que se ven abocados os novos talentos perfectamente formados. Estes son os grandes éxitos, estamos seguros de que deseguido darannos máis oportunidades...

Os que ían a chamar ó pan, pan e ó viño, viño xa non diferencian unha cousa da outra, e cociñan sopas de cabalo canso… Somos perdidos! Temos unha caterva de paxaros que tódalas cousas que tocan mudan e trocan como si se tratase de maxia. Se para algo teñen imaxinación é para o que menos se precisa, poñer novos nomes a vellas definicións, amnistía fiscal é "regularización de activos ocultos"; despido libre e case gratuíto é "reforma laboral" o "sentido común" que tanto trae de cabeza a Mariano Rajoy convértese nun fenómeno paranormal, así pois, alí onde todos vemos recortes, eles ven "reformas estruturais"; as privatizacións son "externalizacións"; o rescate convértese en "liña de crédito" e agora a fuga masiva de rapaces ó estranxeiro chamase "mobilidade exterior", así sucesivamente con definicións para: o IVE, privatización da sanidade, recortes en educación, 'medicamentazo' e outras tantas cousas das que ou ben nos quitan ou ben nos forzan a pagar logo de telas pago… "pedir la dación en pago es para comprarse otro piso", di Martínez-Pujalte. Pero onde o despropósito acadou cotas verdadeiramente delirantes foi coa Sra. Cospedal e seu "finiquito diferido". O Partido Popular é, segundo seu parecer, o partido da 'transparencia' e vémolo decotío nas explicacións e actitudes mostradas no caso Bárcenas.


6.000.000 de parados. O 21,1 % (un de cada cinco) da poboación española vive por debaixo do limiar da pobreza. Un de cada catro menores de 16 anos situase por debaixo dese limiar. A taxa de pobreza aumenta entre as persoas en idade de traballar, entre 16 e 64 anos, 21,0%. O 40,0% dos fogares non ten capacidade para afrontar gastos imprevistos. O 44,5% non se pode permitir ir de vacacións fora da casa como mínimo unha semana o ano. Datos do INE 2012. A pobreza esta relacionada co nivel de formación…

Teño medo pola división de España en dúas metades: a chusma, eses nazis filoetarras que ladran o seu rancor polas esquinas, e os españois de ben esa "maioría silenciosa" que non protesta. "Nuestros votantes dejan de comer antes de no pagar la hipoteca", (desmentido, coa mesma contundencia coa que explicou o 'despido simulado' de Luís Bárcenas) aclara que só chamou ós desafiuzados "excluidos sociales"  ós que había que "animar" a "ganarse la vida dignamente". Votar cada catro anos e punto.

O PP co seu discurso vítima, onde culpa ós outros dos seus males, busca dividir ós votantes en xustos e pecadores, formigas e cigarras, bos e malos. Onde hoxe sé protestas es un etarra, mañá nazi ata converterte en caradura que non queres pagar. Técnica da descualificación "todos os que están contra nos son inimigos", son só catro casos do 3% que deixa de pagar as hipotecas pero parecen atacados por unha praga moito máis grave e daniña cós desafiuzamentos que deixaron sen casa a milleiros de familias.

E os periodistas... Non, non se pode. Monologo do novo político "rolda de prensa sen preguntas" ou polo plasma. Ó estilo mestre de párvulos que elixe dous ou tres como moito, con predominio de cabecillas afines, e sen posibilidade de réplica algunha. Ningún país serio toleraría isto.

Esta parodia de  democracia que 'disfrutamos'... Pagamos impostos (cada vez máis por menos contraprestacións) tan só para manter no Olimpo a parasitos pavoneándose e roubando as nosas vidas. Hai que baixalos dese pedestal. Poñelos o noso servizo, tomando as rendas deste despropósito no que se converteu España.

Agardo con ansiedade un novo eufemismo dos moitos destes impresentables para suavizar o terrible de medidas e decisións.



Ningún comentario:

Publicar un comentario