mércores, 6 de xuño de 2012

Somos unha Área


A sanidade pública está sendo desmantelada en Valdeorras, en Galicia, no Estado… mediante recortes orzamentarios e asistenciais que están levando a importantes e perigosas restricións de acceso á asistencia sanitaria, un dereito de tódolos cidadáns recoñecido na Constitución Española, reforzado e garantido no desenvolvemento lexislativo estatal e autonómico.

Baixo o paraugas das “medidas anticrises” e de “austeridade”, hai indicios claros de privatización do sector sanitario público pensados non para mellorar a calidade asistencial, senón para favorecer o sector sanitario privado no que teñen e tiveron grandes responsabilidades actuais cargos do Sergas e Xunta de Galiza xestores da Sanidade pública. As actuacións do Goberno Galego e a Conselleira de Sanidade, seus efectos na realidade social, as declaracións dos responsables na toma de decisións e o perfil profesional das persoas ás que se ten encomendado este xiro na política sanitaria, marcan a liña dunha intencionalidade privatizadora con claros intereses económicos do sector privado.

As medidas de recorte tomadas polo Goberno Central, coa complicidade da Xunta de Galicia, introducen cambios fundamentais no sistema sanitario público que atentan contra a universalidade, a accesibilidade, a equidade e o carácter redistributivo da Sanidade Pública, e supoñen o inicio dunha contrarreforma sanitaria.

Coas medidas aprobadas, o Partido Popular:

1º.- Acaba co sistema sanitario universal como un dereito básico da cidadanía e introduce un modelo de aseguramento no que para ter dereito á asistencia sanitaria no marco da Sanidade Pública hai que ser “asegurado”, deixando fora aos que non reúnan esa condición.
2º.- Deixa fóra da atención sanitaria aos inmigrantes non regularizados, a pesar de que é un colectivo en diminución pola crise, realiza un escaso uso dos servizos e un reducido gasto sanitario. A desculpa do “turismo sanitario” non pode xustificar a perda do carácter universal do dereito á asistencia sanitaria. Tamén deixa fora aos maiores de 26 anos que non teñan “cotizado”.
3º.- Reduce a oferta de servizos da sanidade pública, crea tres grupos de servizos e introduce o copago (repago) en servizos esenciais como a prestación farmacéutica, a prestación ortoprotésica, a prestación con produtos dietéticos e o transporte sanitario non urxente. Crea, ademais, unha Carteira común de servizos accesorios, que pode ser financiada co copago ou a través de aseguradoras privadas. Os recortes nos servizos afectarán especialmente ás mulleres.
4º.- Establece un sistema de copagos que afectan esencialmente aos pensionistas e enfermos crónicos, dificultando o acceso a medicacións e prestacións sanitarias indispensables para a súa saúde, converténdose nun novo imposto á enfermidade.
5º.- Inclúe un novo “medicamentazo” xa que anuncia a retirada das prestacións farmacéuticas da carteira básica, incrementando o copago, e retira medicamentos moi usados do financiamento público.
6º.- Incorre en intromisións graves nas competencias da Xunta de Galicia, limitando a súa capacidade de organización da asistencia sanitaria, tal e como recolle o Estatuto de Autonomía.
7º.- Cambia as condicións laborais do persoal da sanidade pública, diminuíndo o seu número e precarizando as súas condicións de traballo, coa conseguinte perda de calidade no servizo prestado.
8º.- Privatiza a xestión de áreas sanitarias, hospitais e centros de saúde, encarecendo o servizo e empeorando a súa calidade.

Por todo elo, as plataformas integradas por cidadáns anónimos, profesionais do ámbito xurídico e sanitario, técnicos en documentación, administrativos, persoas desempregadas, traballadoras, precarias, agrupacións de corte social, veciñais, de pacientes… están a denunciar actuacións que consideran constitutivas de delito. Como a redución de prestacións, o peche de centros sanitarios, de plantas, de consultas especializadas, a redución da actividade concertada, a supresión de tratamentos, os recortes de persoal sanitario, a paralización de melloras e construción de novas infraestruturas, o aumento das listas e tempos de espera, a supresión de tratamentos e intervencións cirúrxicas con tempos de espera garantidos, a modificación da lexislación vixente co obxectivo de permitir a privatización do Servizo Galego de Saúde, sen documentación oficial dada a opacidade da Administración da Xunta, cuestión que tamén e denunciable.



Declaracións públicas dos responsables da Consellería de Sanidade, asumindo aumentos nas listas de espera e invitando ós cidadáns a contratar un seguro privado, son feitos obxectivos que non se poden valorar de forma independente: son mostra dunha estratexia con obxectivos mercantilistas cuxo produto de mercado é a saúde da cidadanía e que provoca danos irreparables no sistema sanitario público e nas persoas. O Goberno está apartándose da obrigación legal, política e ética de respectar ditos dereitos, protexelos e proporcionar efectiva satisfacción, causando prexuízos presentes ou futuros polos cás persoas afectadas, a cidadanía, debe esixir reparación e responsabilidades.

O noso HCV…, unha Dirección sen ideas claras, incapaz de colaborar cos distintos estamentos, forzas sindicais e políticas para axudar a saír adiante… que non fai máis porque sinxelamente non sabe máis, non sabe establecer diálogos construtivos non é capaz de acadar consensos positivos para o bo funcionamento do noso hospital, unha Xerente e seu goberno que só saben de convivencias ideolóxicas, validas en tanto serven para consolidarse no poder, un disciplinado exercito dedicado a destilar o discurso clónico que interesa, castigar á oposición co ostracismo, ou coa descualificación, sen ningunha clase de escrúpulos… 'a palabra do señorito nin se afea nin se cuestiona', coa utilización espuria de recursos e mecanismos de poder, pon de manifesto a submisión e debilidade no reparto dos recursos que administra, simplemente a utilización, a plataforma para dar o salto político, no momento preciso, tal como parece indicar a súa vocación e cultura…

Non entro en casos particulares de persoas afectadas pola xestión sanitaria; son procesos que seguen curso independente e non son obxecto de análises, pero mostrarei solidariedade coas familias que están sufrindo en primeira persoa as consecuencias duns recortes que se están aplicando indiscriminadamente sen máis criterio co económico. Xa dixeron basta os profesionais sanitarios, agora corresponde o resto dos cidadáns.

Animo a tódolos cidadáns que estean en loita pola defensa do dereito á saúde e a sanidade pública, a sumarse a accións contra o espolio de dereitos cívicos e bens públicos.


Ningún comentario:

Publicar un comentario