xoves, 24 de maio de 2012

En Valdeorras, Terras de Trives e Viana



Despois de 7 meses baixo a fórmula de xestión de área integrada, as consecuencias da mesma aínda son peores das vaticinadas pola plataforma en defensa da área, posto que estes cambios estanse a producir na parte máis negativa, máis rápido do esperado.

Uns exemplos:

No HCV neste momento temos un xinecólogo e un internista menos traballando, sendo este último un servizo que polo envellecemento da poboación é básico na nosa área, levamos ademais varias semanas por primeira vez na historia do hospital sen hematólogo, agora lévase telemáticamente dende o servizo de hematoloxía de Ourense, parece que a esta administración impórtelle ben pouco o que pode pasar en caso de urxencia (transfusión de sangue ou problema relacionado coa sangue) que requirá presenza de hematólogo.

Por outra banda un Concello coa dispersión que ten o de A Veiga queda cun só médico, xa que para cubrir a vacante de un de Viana só se lles ocorre sacalo de A Veiga, preguntémonos que vai pasar en caso de urxencia se o facultativo está nun domicilio.

As listas de espera en rehabilitación, traumatoloxía, oncoloxía e máis servizos aumentan de forma alarmante (segundo datos do propio SERGAS) ó igual que as listas de paro do persoal que esta administración está abocando o desemprego causando estragos na calidade asistencial, o servizo de traumatoloxía mostra ás claras a filosofía desta xerencia, por un lado non cobren una praza de traumatólogo que hai no cadro de persoal, e por outro fan innumerables horas extras sen remediar que as listas de espera sigan aumentando día tras día (é curioso que este sexa o único servizo cás faga sendo o Xefe deste servizo o marido da Xerente).

Que bonitas eran aquelas palabras que nos falaban de reordenar recursos e que melloraríamos co novo modelo de xestión integrada, que teríamos máis especialidades, máis inversión; inversión??
Aínda estamos á espera do TAC prometido xa hai 2 anos e que cando preguntamos por el a Xerente sempre di que está a punto de chegar, e sen embargo no parlamento o responsable de compras do SERGAS di que aínda se esta mirando como facer para compralo, e o TAC segue sen chegar (dicir có que hai e o mais antigo do SERGAS).

En canto a inversións só se anuncian para Ourense pero nada de nada para o HCV ou para os Centros de Saúde desta Area, lembrade que o Centro de Saúde de A Rúa segue sen facerse.

A golpe de decreto...

O Real Decreto Lei de medidas urxentes para garantir a sostibilidade do Sistema Nacional de Saúde desmantela o sistema sanitario público, elimina a universalidade da prestación sanitaria e principios básicos como a promoción e prevención da saúde, o tratamento e a rehabilitación, agravando os problemas de saúde pública.

A partir de agora os pensionistas pagarán parte dos medicamentos e tod@s deberemos financiar boa parte das próteses, produtos dietéticos e transporte sanitario non urxente que podamos necesitar (trasporte a rehabilitación, a diálises etc, etc); por non falar dos milleiros de persoas que poden quedar sen atención médica grazas o decreto aprobado por Rajoy incluso en casos tan extremos como os tratamentos de quimioterapia. E veremos canto tardan en cobrar polas comidas dos pacientes, medida que xa adiantou Feijóo hai uns meses.

O Partido Popular sérvese da crise para privatizar a sanidade e beneficiar ás empresas privadas que accederán a prestar parte dos servizos da Sanidade Pública e as aseguradoras que a partir de agora verán incrementada a súa carteira de clientes ó reducirse na sanidade pública, boa parte dos servizos que ata agora eran gratuítos para a poboación, posto que xa contribuímos todos con impostos directos e indirectos na financiación da sanidade universal.

É falso ademais, falar de déficit da sanidade pública, cando do que se debe falar é dun déficit no orzamento que se destina. Así que mentres no estado español, e con datos de 2008, se destinan 1.492 € per capitá, en países como Alemaña supera amplamente os 2.000 € ou os 3.000 € no caso de Dinamarca.

Do mesmo xeito, en termos de PIB, o peso da sanidade pública, no estado español é dun 6,5%, cando en Francia é do 8,48%. “Se se incrementaran eses dous puntos no PIB, non teriamos déficit, senón superávit.

Agora parte dese diñeiro que todos e todas aportabamos á sanidade e a educación, vai servir para rescatar ós bancos, que despois de terse lucrado durante anos, leváronnos a esta crise que agora lles serve de paraugas para desviar eses fondos dos servizos públicos ós seus petos, bancos que por certo non teñen prexuízo ningún a hora de desafiuzar a centos de familias que quedaron sen emprego e coa hipoteca ó medio pagar.
Para este goberno a prioridade é salvar a banca a expensas da sanidade e os servizos públicos, é hora de dicir BASTA.

Ven a informarte o mércores 6 de xuño ás 20:30 h. no Teatro Lauro Olmo (Casa da Cultura) de O Barco



Ningún comentario:

Publicar un comentario