xoves, 14 de febreiro de 2019

Diana Toucedo: «Chegar con 'Trinta lumes' á Berlinale foi a miña lotería»

A cineasta galega estrea o 8 de febreiro o documental de ficción sobre o Courel que a levou ao Festival de Berlín e polo que foi nomeada aos Feroz e aos Gaudí

Diana Toucedo

MARÍA BALLESTEROS
https://www.lavozdegalicia.es/

Diana Toucedo (Redondela, 1982) fíxose no 2017 un agasallo de Reis: botou man do peto e decidiu inscribir no Festival Internacional de Cine de Berlín a súa primeira longametraxe, Trinta lumes, un documental de ficción ambientado no Courel que emerxeu entre varios milleiros de filmes de todo o mundo e converteuse nun dos trinta elixidos na sección Panorama da Berlinale. «Foi a miña lotería, un soño feito realidade», di a cineasta dese golpe de sorte que a reconciliou co mundo. Nomeada aos premios Feroz e aos Gaudí da Acadèmia del Cinema Català, Sete lumes estréase o 8 de febreiro en salas.
-«Trinta lumes» é un punto de inflexión ou unha evolución natural dentro da súa carreira?
-Bastante punto de inflexión porque levaba moitos anos facendo carreira como montadora. Dirixir este proxecto foi un camiño que empecei hai case cinco anos, con moitas dificultades, pero no que aconteceron cousas case máxicas que semellaban dicirme que todo tiña que ir para diante.
-É das rías Baixas, está afincada en Barcelona, por que elixiu o Courel?
-Por varias cousas: despois de estar fora máis de dez anos quería traballar desde o que coñecía e me facía sentir máis cómoda. Pensei nas rías Baixas, pero había algo que me dicía non: non había esa orixinalidade, esa pureza que eu quería retratar. E xusto por pura casualidade…
-...o Courel.
-Si, fun pasar uns días cunha amiga que é profe en Seoane do Courel e namoreime: decateime de que todo o que estaba buscando, tanto a paisaxe, como as tradicións e as formas de vida, aí estaba.
-E a poesía de Novoneyra.
-Lin Os eidos e ese universo poético fascinoume. Uxío Novoneyra dicía que o Courel era como un iceberg, e esa aventura de explorar desde o cinematográfico o que queda soterrado era un dos puntos máis ricos para unha película.
-E coas súas propias raíces que tal se leva?
-Teño unha especie de amor odio. O máis importante foi decatarme de que temos unha forma de relacionarnos co mundo e de percibilo que ten moito que ver coa creación desas raíces ou coas bases que desde pequenos se nos asentan. E a partir de aí tes unha forma de entender o mundo peculiar, aínda que logo ti te formes e a amplíes.
-O seu seguinte proxecto si ten que ver máis coa súa orixe.
-Co mar. Lanceime ao extremo oposto en Puerto deseado.Embarqueime co meu pai en Arxentina, nas súas últimas mareas antes de xubilarse. Quería coñecer e retratar ese mundo porque polo lado do meu pai, case catro ou cinco xeracións foron mariñeiros.
-Como foi esa experiencia?
-Foi unha vivencia intensa, estar nun barco con 30 homes, dous meses, nunha factoría en alta mar, como son agora os barcos pesqueiros. Un universo familiar e ao mesmo tempo descoñecido. Porque eu o que quería, o que quero no fondo, é descubrir máis esa figura do meu pai, que estivo ausente durante toda a miña vida.
-O que está ocorrendo con Trinta lumes, faille recalcular a súa carreira?
-Aínda estou niso. Non me gustaría deixar a montaxe, que me encanta, nin a docencia, que me permite estar continuamente en evolución, lendo e vendo o novo que sae, pero é certo que empezas a pensar nunha carreira de obra, aínda que non é doado porque hai cousas que che gustaría facer que son moi difíciles de producir. Pero sinto que os proxectos te teñen que saír de dentro.
-Como Puerto deseado?
-Con ese proxecto, que me gustaría rematar este ano, sentía en certa medida que non podía seguir vivindo sen facelo. Son cousas que tes na cabeza, para as que sacarías todo o tempo do mundo. Eu guíome por esa especie de intuición.
Un momento del rodaje de «Trinta lumes»
Un momento del rodaje de «Trinta lumes»

«A cuestión está en que a visibilidade que estamos tendo as cineastas non sexa só unha moda»

Profesora na Escola Superior de Cine e Audiovisuais de Cataluña (Escac) e na Pompeu Fabra e admiradora do traballo da xaponesa Naomi Kawase e da belga Chantal Akerman, Diana Toucedo forma parte dunha xeración de mulleres cineastas que tomaron as aulas de cinema en pé de igualdade cos homes e que, malia levar anos traballando detrás dos focos, só moi recentemente están gozando dun «pequeno espazo de visibilización».
-Como é para unha muller facer carreira dentro do audiovisual?
-Para min como montadora non foi difícil, pero outras profesionais que son, por exemplo, directoras de fotografía ou produtoras só chegan ata certos niveis ou non teñen oportunidades de facer películas máis grandes. Hai diferenza… incluso nos salarios. Eu iso si que o teño atopado. De dicirche:«¡Ay, es que cobras mucho!». E logo saber que collen a un rapaz ao que lle pagan máis ca ti. Entón dis: isto si que non é xusto.
-A fenda...
-Temos unha batalla moi grande e a evidencia é estar nas subvencións tendo cotas e puntuación por equipo feminino. Para min iso é algo moi bo, pero demostra que a desigualdade está aí e que temos que chegar a unha especie de obriga para que as nosas habilidades ou capacidades sexan recoñecidas.
-Prexudican ou benefician movementos como o #MeToo, as denuncias…?
-Está ben facer ruído, porque somos moitas as que estamos desde hai moitos anos detrás, pero que non se visibilizaron nunca como se están a visibilizar agora. A cuestión está en que non sexa só unha moda, unha especie de perrencha que sae nos medios, nun momento pasaxeiro de reivindicación, pero que logo non haxa, os movementos e os efectos reais que teñen que darse.
-Semella ás veces que todo é bastante superficial...
-No 2018 chamáronme de catro proxectos para o Instituto da cinematografía e das artes audiovisuais (ICAA) como montadora unicamente para obter a puntuación e sei (ou desconfío) que ao mellor eu non vou montar esas películas. Entón dis: ben que se mobilice, que estea de moda, que poñamos nomes de mulleres todo o tempo nos cargos principais, pero se logo non vai ser real, estámonos prexudicando. É un tema delicado, e para min o importante é valorar o traballo, o talento e as obras, por riba de quen as fagas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario