sábado, 7 de xaneiro de 2017

O descoñecido calendario medieval de Betanzos, único en España

http://historiadegalicia.gal/
Santa María do Azougue é unha igrexa das que Fernán Pérez de Andrade (1330-1397) mandou construir no seu mandato. E, aínda que podía ser unha igrexa medieval como as centos delas que hai en Galicia, esta ten un elemento que a fai diferente das demais; un calendario labrado nun único capitel que a fai única en España e case única no mundo.
Como lembrou estes días Marcos López Concepción a través da rede social Facebook, a importancia desta peza é que está nun só capitel continuo (non en dous ou tres), e ten todos os meses do ano. Unicamente hai outro no mundo que se lle asemella, no palacio dos Dux en Venecia.




Detalle do calendario medieval na igrexa de Santa María do Azougue / romanicoaragones.com
O calendario
Esta xoia do románico foi realizada entre 1380/1390. Tal e como recolle a web sobre arte románica, Arquivoltas, a peculiaridade da forma de mostrar este calendario é a forma de ordenar os meses. É o deus Jano, no seu aspecto de “Jano bifronte” o que aparece no medio da cara frontal do capitel, destacando dos demais elementos aos cales parece ordenar a dereita e esquerda súas. Jano bifronte con dúas caras mirando ao pasado e ao futuro en representación do mes de xaneiro, fin dun ciclo anual e comezo doutro. Aquí é representado como un personaxe con dúas cabezas, mirando en direccións opostas, comendo e bebendo tras unha mesa circular suxerida á altura da súa cintura.
Cara á dereita aparecen a representación dos meses de febreiro a xuño. Febreiro é o mes frioleiro e está mostrado como unha personaxe envolta cun manto, sentado nun pequeno taburete desde o que busca o consolo do lume que hai diante seu sinalando o frío habitual desa época do ano. Marzo é o mes podador e, por iso, aparece outra figura arranxado as viñas coo seu podón.Abril é o mes florido e a composición presaxia a primavera e a explosión de vida da natureza. Maio é o mes ceteriro e, por iso, aparece unha personaxe portando un falcón sobre o seu puño.

Recreación do calendario medieval da igrexa de Santa María do Azougue / romanicoaragones.com
Xuño, no extremo do capitel, é o mes froiteiro e apare mostrado cunha figura que recolle froita. Xa no lado esquerdo aparece xullo, o mes segador, cunha personaxe que ten unha fouce. Agorsto é o mes da malla e por iso a personaxe representada ten un instrumento para mallar o gran da palla. Setembro é o mes da vendima e así aparece un home cun acio de uvas recentemente vendimiado. Outubro é o mes porqueiro, no que estes animais se ceban. Deste xeito, aparece un home vareando unha árbore para que os porcos coman o froito caído. Novembro é o san Martiño e aparece representado por unha matanza e decembro é o mes sementador no que aparece unha figura sementando e, dando lugar, ao inicio dun novo ciclo.
A igrexa


Igrexa de Santa María do Azougue, en Betanzos / romanicoaragones.com
Santa María do Azougue foi levantada sobre unha igrexa anterior de estilo románico, de aí que teña partes deste estilo. Tal e como recolle Patrimoniogalego posúe unha planta basilical, de tres naces con catro tramos e sen abovedar. Da ornamentación interior destaca o retablo situado na capela maior, que ten o seu lugar central ocupado pola imaxe de Santa María. No século XV instalouse nese lugar un retablo hispano-flamengo, que foi substituído na súa armazón por outro novo en 1748, no cal se colocaron as tallas góticas do orixinal, con representación da vida de Cristo en madeira dourada e policromada. No ano 1981 foron roubadas tódalas súas tallas, aínda que posteriormente fóronse recuperando.
En canto ó exterior de Santa María, destacan as súas tres portadas, nas que se observa a tradición románica galega que fai parecer arcaica a labra dos canteiros do século XV. Na principal encóntrase o tema da Epifanía, e sobre fornelos preséntase as imaxes da Anunciación. A portada norte reproduce o tema do xuízo final, no tímpano da portada meridional reflíctense tres cruces entrelazadas, mentres que nunha cuarta portada, a de occidente, destacan un gran rosetón e un sinxelo campanario engadido nun lateral. A porta de entrada, con decoración de arquivoltas e columnas acodilladas nas xambas, está flanqueada por dúas fornelas, con esculturas pétreas, mentres que no tímpano aparece a Anunciación e a Adoración dos Magos.
Estudos
O descubrimento desta singular iconografía débese a Carmen Manso e foi Manuel Castiñeiras quen o publicou en 1993 neste artigo do número 16 do Anuario Brigantino: “O desfile dos meses de Santa María do Azougue”. Tamén Juan Coira publicou un traballo sobre esta obra en CATEDRA, Revista eumesa de estudos,nº 23 titulado “A concepción do tempo na Idade Media e a súa pervivencia nas comarcas do Eume e as Mariñas. O calendario de Santa María do Azougue e o refraneiro”.
Tamén Alfredo Eiras realizou uns interesantes debuxos reconstruíndo as figuras deste capitel e Horacio Vázquez Fariña fixo un gran traballo gráfico explicando toda esta interesante composición e que reproducimos a continuación:

Ningún comentario:

Publicar un comentario