luns, 10 de marzo de 2014

O descrédito do público

Pablo Vaamonde

A finais de novembro de 2010 os máximos responsables de Caixa Galicia e Caixanova asinaron a acta de fusión desas entidades; dese xeito nacía Novacaixa Galicia, que pasaba a ser a quinta caixa de España. O presidente da Xunta valorou o momento como un fito histórico, como un exemplo para Galicia. A mediados do mes de xuño do ano pasado o xornal La Voz de Galicia situaba na súa portada a boa nova da transformación de Novacaixa Galicia en banco. Na foto da portada aparecían os executivos co sorriso pintado nos beizos. Feijóo auguraba un expléndido futuro para o novo banco e Castellano, presidente executivo da nova entidade, afirmaba abordar este novo reto como un servizo a Galicia.


Nestes dous momentos non houbo máis que parabéns e palmadas nas costas. Logo xa sabemos o que pasou. A pésima xestión realizada polos dirixentes das Caixas, nas súas diferentes etapas, leváronas a unha situación inviable. Recibiron grandes cantidades de diñeiro público (1200 millóns de euros en 2010 e perto de 2500 en 2011, do FROB) que non abondaron para facer viable o novo banco.

Finalmente o Estado tivo que intervir a entidade, tomando o control da mesma en setembro de 2011. Resulta evidente que a xestión dos dirixentes das Caixas foi neglixente e irresponsable; provocaron, coas súas decisións, que Galicia perda as entidades financeiras propias, que desapareza a obra social desenvolvida polas Caixas, e causan un severo perxuicio ás economías particulares que confiaron nestas entidades. Pero abandonaron o barco á deriva (como Francesco Schettino, o capitán do cruceiro Concordia) con indemnizacións multimillonarias. Novagalicia banco plantexa agora o despedimento de 750 traballadores e o peche de 160 oficinas; mentres, o seu presidente tiña unha retribución de 900.000 euros anuais.

A incompetencia dos dirixentes bancarios e a avaricia dos especuladores financeiros son as causas principais da crise. Máis, no relato que se fai dos feitos en certos medios de comunicación aparecen, ata donde é posible, exonerados de culpa. As novas referidas ao sector financeiro fan sempre contrapeso con asuntos relacionados co sector público, que aparece sinalado co dedo acusador. Hai unha estratexia informativa, que fai coincidir estas informacións cunha intencionalidade ben definida: apuntar cara a función pública como responsable dos males do país.

No mes de xuño, La Voz anunciaba en portada o feliz alumbramento de Novagalicia banco; en páxinas interiores daba conta de que a Xunta iba obrigar aos mestres a dar catro horas máis de clase á semana, controlar o gasto de teléfono dos empregados públicos e reforzar o control das baixas laborais. Máis recente, no primeiro sábado de febreiro, a portada do mesmo xornal anunciou que a Xunta vai rebaixar un 33 por cento a xornada e o salario dos funcionarios que, tamén, deixarán de cobrar os 21 primeiros días que estean de baixa. O obxectivo da mensaxe é claro: os funcionarios poden facer o seu traballo en menos tempo e cun salario menor e, ademáis, utilizan as baixas de forma fraudulenta, polo que non deberán percibir paga cando falten ao traballo por enfermidade.


Este plantexamento, demagóxico e falso, actúa como un veleno, inoculado cunha intención ben clara: desprestixiar aos traballadores públicos. Mentres, en páxinas interiores o xornal daba conta de que os responsables das entidades financeiras, seguindo o dictado do goberno, van rebaixar o seu salario. Nun xesto solidario e xeneroso, Castellano pasará a cobrar 300.000 euros e Rodrigo Rato só 600.000 euros ao ano.

Hai unha evidente intención, na construcción deste relato, de sinalar ao sector público como culpable, mentres os responsables bancarios seguen a ser tratados con grande respecto e consideración. Esta campaña de intoxicación informativa, desenvolvida en colaboración con algúns medios, ten unha clara intencionalidade: o descrédito do público. A facción ultraliberal que goberna en Galicia tenta buscar novas áreas de negocio para os grupos empresariais e financeiros afíns. Cómpre desprestixiar e deteriorar os servizos públicos para procurar espazos de beneficio privado a costa dos orzamentos.

Os responsables desta campaña repiten, como un mantra, que os servizos públicos son caros e ineficientes, máis non hai constancia algunha nese sentido. No terreo sanitario temos a certeza de que ocorre o contrario. Nun artigo publicado por Sanchez Bayle, no que fai unha análise dos hospitais públicos e privados de Madrid conclúe que “a xestión privada dos hospitais non só non diminúe gastos senón que os incrementa notablemente”. Pero temos a desgraza de estar gobernados por quen renega do público, denigra e ofende aos funcionarios, e actúa como un “cabalo de Troia”, procurando o desgaste e a mala imaxe dos servizos públicos desde o mesmo vértice do poder.

Os traballadores públicos non son os responsables da crise e o seu sacrificio non vai repercutir positivamente no benestar da poboación. Pola contra, os países do norte de Europa, que teñen unha grande fortaleza no seu Estado do benestar, son os que teñen unha maior porcentaxe de emprego público. Debemos aprender deles e non dos EEUU, donde Obama non foi quen de facer unha reforma sanitaria que tivese unha mínima semellanza co que temos no noso país. Se deixamos destruir os actuais servizos públicos, que teñen un papel relevante na cohesión e xustiza social, será moi difícil recuperalos no futuro.



Ningún comentario:

Publicar un comentario