xoves, 3 de maio de 2018

“Todas as mulleres que coñezo” filme feminista galego que compite en Documenta Madrid

O filme foi gravado en Lugo e Ourense durante o verán e o outono de 2017. É unha reflexión sobre o masculinizado que continúa a ser o espazo público e propón a construción dun discurso propio sobre a experiencia feminina da rúa no día a día.

A directora deste traballo, Xiana do Teixeiro, e as súas compañeiras na produtora Walkie Talkie Films, trataron de facer un exercicio de apelación ás mulleres que aparecen na produción para que falasen das súas experiencias autopersoais. Ditas experiencias versaban sobre as violencias que sofren no espazo público, violencias tanto verbais coma físicas e aquilo que sae reflectidos nos medios.
Xiana do Teixeiro | Fonte: walkitalkieproduccions

Ese era un dos obxectivos de “Todas as Mulleres que Coñezo”, filme que entra en competición na sección oficial de Documenta Madrid. Porque logo hai máis puntos tratados nas imaxes gravadas por Teixeiro. “Un segundo punto é o intento de construción dun discurso alternativo e propio sobre a violencia nos corpos e mentes das mulleres” subliña a directora. Para facer isto graváronse tres encontros, dous deles unicamente de mulleres e outro con mozos e mozas.
“Esas xornadas gravadas tiñan que servir para algo, por iso levamos as imaxes do primeiro e segundo encontro a un centro de secundaria para que a xente nova falase sobre este tema”. No fondo estaba a intención de que esta peza audiovisual servise como unha unidade didácticapara a docencia. E este era o último obxectivo, achegar discursos desde diferentes perspectivas. 
O sorprendente para Xiana do Teixeiro é que cando gravou a mozas e mozos, descubriu que entre eles e elas existía “o abismo de xénero” que se vén reproducindo desde tempo atrás. “As mozas descubriron que sí existe ese abismo e sentíronse identificadas coas mulleres maiores o que demostra a continuidade da fenda entre xéneros”, di a directora. Por outra banda, descubriuse que os homes máis novos tampouco son conscientes moitas veces desa división tan profunda no que respecta á violencia na rúa de cara as mulleres.
Fotograma do filme | Fonte: Walkitalkieproduccions



https://www.documentamadrid.com/

Trailer:

Ningún comentario:

Publicar un comentario