luns, 28 de maio de 2018

A sanidade en España xa non está nas 10 mellores do mundo: cae ao posto 19

O informe da prestixiosa revista The Lancet amosa un desplome da atención sanitaria española

Victoria García
http://www.gciencia.com/

A calidade da sanidade en España desplomouse nos últimos anos. E o dato provén da revista médica máis importante do mundo: The Lancet. De estar sempre entre os 10 primeiros cae ao posto 19, que reflicte a forte caída que sufriu a atención sanitaria española en tan só un ano.

The Lancet faise eco dunha investigación que mide a calidade do sistema sanitario de 195 estados do mundo mediante a comparación de datos de 32 causas de morte curables cunha atención médica axeitada, como a tuberculose ou o tétanos, para adxudicar unha puntuación de 0 a 100.

As cifras de 2016 sitúan a España, cos seus 92 puntos, no posto número 19 o que supón un descenso de dez posicións respecto da estatística de 2015. As nacións que encabezan a táboa son Islandia, Noruega e Holanda, mentres que á cola quedan a República Centroafricana, Somalia e Guinea- Bissau. Na clasificación, España atópase por diante de Francia e Grecia. Do outro lado, Andorra, Italia e Irlanda superan á sanidade española.



A rechamante diferenza pode ter a súa explicación en que, neste novo traballo, The Lancet toma máis variables para establecer a puntuación.

No caso de España, a peor puntuación obtena o parámetro que mide a atención ao cancro de pel, cun 57; seguido de cancro de cérvix, cun 60, e testicular, cun 79 sobre 100. Pola contra, enfermidades como o tétanos, a diabetes, a apendicitis ou as hernias son resoltas dentro do SNS da mellor forma posible, pois se valoran cos cen puntos posibles.


Ningún comentario:

Publicar un comentario