luns, 28 de maio de 2018

As 17 mentiras de Feijóo en Sanidade

Xosé Mª Dios Diz
http://praza.gal/

Resultado de imaxes para As 17 mentiras de Feijóo en Sanidade

O día 6 de febreiro do 2018 entra no Parlamento de Galicia a modificación da Lei Galega de Saúde. O día 10 de xaneiro do 2018, entrou en vigor a aplicación, por parte do Sergas, da Lei de Garantías de prestacións sanitarias. O señor Feijóo e os seus acólitos continúan dicindo as seguintes mentiras:

1ª Mentira. Din que a reforma da Lei Galega de Saúde vai achegar a sanidade á cidadanía: é obvio que se se quita o xerente e o seu equipo directivo dos hospitais comarcais non se achega, senón que se afasta.

2ª Mentira. Di o presidente Feijoo “que podemos quitar os doentes dos corredores de urxencias e levalos a planta e metelos nas habitacións para que non se vexan os correores de urxencias ateigados de persoas”: é dunha irresponsabilidade total meter pacientes nas habitacións sen contar co persoal médico, de enfermería, cociña, lavandería, limpeza, etc.

3ª Mentira. Din que “é un conflicto político”: evidentemente. E logo o que fai o PP non é política? O problema é que o desmantelamento do sistema sanitario público galego faino o PP aplicando a política das privatizacións.

4ª Mentira. Din que “alarmamos e que non se privatiza”: se aplican a Lei de Garantías, que eles crearon, e se sobrepasan 45 días para unha proba diagnóstica ou para unha primeira consulta e 60 días para unha intervención cirúrxica, o Sergas derivará os doentes á privada e farase cargo do custo. 86 persoas diariamente dende a entrada en vigor da Lei están sendo transferidas á privada. Non teñen cartos para cumprir os seus prazos, pero si os teñen para pagarlle á privada os doentes que eles mesmos derivan.

5ª Mentira. Din que “aumentou o número de traballadores/as e de camas”: segundo datos da Consellería de Sanidade, diminuiu o número de traballadores/as en 1.325 persoas e o número de camas en 970 con respecto o 2009. Insisto: son os seus datos.

6ª Mentira. Din que ”aumentou o orzamento en sanidade”: isto é parcialmente certo. Se ben nos últimos dous anos aumentaron o orzamento en Sanidade, comparado co 2009 aínda nos queda un 5% que recuperar. Unha década perdida en materia orzamentaria para a sanidade.

7ª Mentira. Din que “non van privatizar nin a docencia nin a investigación”. E logo para que crean a Axencia Galega do Coñecemento e a Comisión Interdepartamental? Novos chiringuitos para favorecer aos laboratorios e as multinacionais.

8ª Mentira. Cando foron os colapsos da gripe, recoñeceron que “é un problema de funcionamento no hospital e de falta de organización entre urxencias e a planta”: pero quen se ten que encargar da organización? O Sergas, non os traballadores que bastante fan con poñer a súa profesionalidade para que a desfeita non sexa peor. Se o sistema non sabe cando ven a epidemia de gripe, malos xestores temos e deberían marchar traballar a outro sitio.

O problema nace na Atención Primaria. Se non poñen persoal substituto, os doentes en primaria piden a cita pero cas esperas rematan por ir a Urxencias ao hospital, que remata por colapsar. A creación das Unidades de Xestión Integrada levou consigo a desaparición da xerencia de Atención Primaria, co cal o hospitalcentrismo é evidente e o problema de non poñer persoal substituto repercute nas urxencias do hospital.

9ª Mentira. Durante os colapsos pola epidemia de gripe a Consellería inicialmente dixo que “se crearon 100 contratos novos”. Pero como lles debeu parecer pouco ao día seguinte dixeron 1.000, e ao seguinte 2.000. Finalmente, o señor Feijóo, no Parlamento, dixo que “creamos 3.125 contratos novos”: todo isto en catro días: evidentemente os contratos foron por horas, non por persoas!

10ª Mentira. Din que “a oposición quere desmantelar os hospitais comarcais e que eles o que fixeron foi blindalos”: pero a alguén no seu san xuizo se lle ocorrería dicir tal barbaridade? Vaia trola. A realidade é teimuda e o que realmente acontece é que ao non dotar os hospitais de medios e persoal, e coa desculpa do deterioro, o PP e o Sergas derivarán xente á privada.

11ª Mentira. O conselleiro de Sanidade (que, por certo, xa está amortizado), dixo na radio pública (á cal a nós nunca nos levaron) que ten as súas "dúbidas de como se financia a Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia”; repreguntado polo xornalista, cambiou de tema. A plataforma finánciase co sangue, suor e bágoas dos seus membros; pero é curioso que isto o diga un membro do partido máis corrupto de Europa e que está sendo investigado pola Xustiza!

12ª Mentira. Din dende a Consellería de Sanidade que o que fan “é transparente e democrático”. Hai que lembrarlles que están tomando represalias e abrindo expedientes a xente que se está significando nas protestas contra este golpe de estado sanitario. E tamén lle dicimos que por cada expediente que abran, súmanse máis persoas á plataforma e que non nos van calar con ameazas e sancións.

13ª Mentira. A Consellería de Sanidade considera que a cidadanía é parva cando din “que se deixan manipular polas mentiras da plataforma”. A realidade dos milleiros de manifestantes na rúa o domingo e antes nas localidades onde se retira a súa Área Sanitaria di o contrario e está claro que o que mente e manipula é o Sr. Feijoo.

14ª Mentira. Din que “a privada non se beneficia das modificacións do PP á Lei Galega de Saúde”. Só un dato: o gasto na privada aumentou un 10% do 2016 o 2017, de 199 millóns a 217 millóns de euros. E o que virá cando a derivación da pública a privada colla velocidade de cruceiro.

15ª Mentira. Din que coa modificación “vai haber máis participación social”: mais no texto eliminan as entidades que participarían no Consello de Saúde de Galicia e nos Consellos de Saúde de Área, que se escollerán por decreto, polo que só irán os que eles queiran. Democracia total, vaia

16ª Mentira. Din que “a forma de entrar na Administración Sanitaria será por concurso anual”, pero obvian que no texto tamén falan doutro dos xeitos de entrar: por designación directa. Máis democracia!

17ª Mentira. Nomean á Sra. Rocío Mosquera, ex-conselleira de sanidade, responsable de Galaria, a empresa de aparataxe (o máis caro do sistema) nun movemento que busca que na compra pública de aparellos innovadores se permita á industria privada quedar cas patentes feitas con diñeiro público.

Sr. Feijoo, séntese a negociar cos interlocutores sociais, sindicais e políticos. É unha cuestión de saúde, o ben máis preciado que temos. Tamén unha cuestión de dignidade e da fartura da xente de tantas mentiras. Temos que defender entre todos a Sanidade Pública Galega, asentada en excelentes profesionais, trata a todos os doentes equitativamente e coida do máis importante das persoas: a súa saúde.

Resultado de imaxes para As 17 mentiras de Feijóo en Sanidade

Ningún comentario:

Publicar un comentario