“Perdemos poboación, perdemos recursos e perdemos identidade e peso político”, denuncia sobre a crise demográfica Carlos Ferrás Sexto, profesor de Xeografía Humana na USC, que esixe aos políticos que deixen de ser "simples administradores" e traballen para garantir o futuro das vindeiras xeracións cunha xestión máis eficiente dos recursos.
Carlos Ferrás Sexto, profesor de Xeografía Humana na USC. | Fonte: xornal.usc
Xerardo Porto
http://www.galiciaconfidencial.com/
A crise demográfica semella non ter fin no país. Nos seis primeiros meses de 2017, Galicia tivo case o dobre de mortos (16.812) que nacementos (8.870), e perdeu 6.500 habitantes. “Non é nada novo, levamos trinta anos con máis mortos que nacementos. E en nove anos vimos como se perderon 77.000 habitantes. A situación é moi alarmante”, sostén Carlos Ferrás Sexto, profesor de Xeografía Humanana USC, moi crítico coas políticas da Administración, insuficientes para frear o declive demográfico, e que reclama unha xestión máis eficiente dos recursos para afrontar o problema.
“Somos os máis vellos, somos un país de emigrantes e vanse os máis novos, somos conservadores e os cambios son máis difíciles. E temos un mercado de traballo pouco dinámico. E as políticas se dirixen cara aos máis vellos, que son máis rendibles electoralmente. É un resumo da propia historia de Galicia”, apunta Ferrás Sexto (Compostela, 1965) sobre as causas de por que Galicia presenta o peor saldo vexetativo do Estado.
O profesor da USC ve na crise demográfica “unha síntese dos problemas de Galicia”. Así o argumenta: “O medio rural está como está, non se aposta polos sectores productivos, non temos claro se queremos producir leite, non hai unha política forestal eficaz… A política económica vai en función das grandes compañías, como Inditex ou Citroën, que non necesitan apoios. Non hai conexión entre os sectores productivos e o mercado de traballo, non se forma a xente nova para que sexa capaz de liderar eses sectores. E as universidades non forman os cadros precisos para iso. Queremos que os mozos falen inglés, pero para que? Para emigrar ou para abrir novos mercados para as nosas empresas?”
Sobre que Galicia teña a taxa de natalidade máis baixa do Estado, Ferrás Sexto denuncia que só con políticas natalistas non se deixará atrás a crise poboacional: “As medidas son cara aos medios, sexa cheque bebé ou tarxeta benvida, e xa se facían décadas atrás e non son suficientes. Os números están aí… Non é posible saír da crise demográfica só con políticas natalistas, non son dabondo. Ao ritmo que imos, a ver quen paga as pensións no futuro. Non se pode enganar máis a sociedade. Haberá que buscar unha Administración máis eficiente, e non unha que non garante o futuro das vindeiras xeracións. Chega un momento en que os políticos deben deixar de ser simples administradores e facerse máis responsábeis co futuro”.
Carlos Ferrás Sexto demanda deixar a un lado os intereses electoralistas e elaborar un plan a longo prazo: “Aprobar unha lei de incentivos demográficos, e que os políticos administren os recursos que hai de xeito eficiente. Definir un proxecto a longo prazo e encarar os desafíos demográficos. Ir ao importante do debate e non limitarse a intereses electoralistas a catro anos vista. E hai que facer partícipe á sociedade do problema, cun debate serio no Parlamento”.
E alerta: “O futuro de Galicia está en xogo. Perdemos poboación, perdemos recursos, perdemos identidade… O peso político e económico vai a menos. A identidade de Galicia foi a menos nas últimas décadas. E o único que temos son políticas de administración, e non de planificación. Hai que ir ao fondo dos problemas”
Ningún comentario:
Publicar un comentario