luns, 15 de xaneiro de 2018

Atopan catro novos campamentos militares romanos en Galicia

O grupo de investigación europeo Romanarmy investiga estes asentamentos lexionarios na fronteira con Asturias
Localización do campamento romano de A Fonsagrada polo equipo de Romanarmy.Localización do campamento romano de A Fonsagrada polo equipo de Romanarmy.
Victoria García 
http://www.gciencia.com/

Catro novos campamentos militares romanos na fronteira entre Galicia e Asturias. O grupo de investigación europeo Romanarmy investiga tres destes asentamentos lexionarios, mentres traballa sobre o terreo nun carto na Fonsagrada, situado no lugar da Penaparda. Os outros tres establecementos militares da antiga Roma están localizados en OuteiroPedra Dereta e Chao de Carrubeiro, nas serras que unen Lugo e Asturias.
“Un dos obxectivos científicos da intervención no campamento romano da Penaparda é verificar unha hipótese de traballo: a dunha posible liña de avance dun continxente militar romano nas montañas da fronteira entre Galicia e Asturias”, explica o grupo Romanarmy, que precisa afondar no seu traballo porque “aínda non sabemos en que dirección ou con que obxectivos exactos se desprazaban, ou cando”.
Os arqueólogos pertencen a diferentes universidades europeas, que xa traballan no campamento romano de grandes dimensións localizado no concello da Fonsagrada (Lugo) e descoñecido ata o seu descubrimeinto a finais de 2015. O campamento, localizado nunha zona denominada A Penaparda, atópase a 865 metros de altitude e ocupa máis de 10 hectáreas de terreo, o equivalente a máis e doce campos de fútbol.
Localización do campamento de Pedra Dereta.
Localización do campamento de Pedra Dereta.
A Penaparda é un dos campamentos militares romanos máis grandes localizados ata o momento. A investigación está patrocinada polo concello da Fonsagrada e financiado pola Deputación Provincial de Lugo. Desenvólvese baixo a coordinación científica do grupo de investigación Síncrisis, do Departamento de Historia da Universidade de Santiago, coa colaboración do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) do CSIC.
Penaparda tiña capacidade para aloxar aos 5.000 soldados dunha lexión
O campamento da Penaparda ten as dimensións suficientes como para albergar unha lexión completa, con máis de cinco mil soldados, e a investigación parte da hipótese de que se poida tratar dun asentamento militar temporal de época romana altoimperial. A fortificación foi localizada a partir do estudo da fotografía aérea e especialmente grazas á tecnoloxía LiDAR de análise por satélite.
Os investigadores pensan que A Penaparda forme parte, xunto cos outros tres campamentos estudados, da liña de avance dun gran continxente de soldados romanos, na zona fronteiriza entre Asturias e Galicia.
A invasión romana da Gallaecia tivo varios momentos, destacando os episodios de conquista que remataron co dominio efectivo romano nos días do emperador Octavio Augusto.
O grupo Romanarmy xa atopara outros campamentos romanos en campañas anteriores, como os localizados nas localidades lucenses de Sarria e Láncara. Tamén elaboraron este vídeo divulgativo sobre as campañas militares romanas na Gallaecia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario