mércores, 10 de xaneiro de 2018

COMUNICADO PLATAFORMA SANITARIA DE VALDEORRAS

Foto de Carmen María Fernández Delgado.

Dende a plataforma Sanitaria de Valdeorras viñemos reivindicando que "Somos 
Área" non por cuestións baladís e seguiremos loitando pola defensa da área Sanitaria de Valdeorras con argumentos convincentes porque os habitantes do oriente ourensán nos xogamos moito.

As xentes das terras de Trives, Viana e Valdeorras sabían polo que loitaban e 

defendían, cando sairon ás rúas das súas vilas e así se concentraron en varias 
ocasións nos meses pasados, pero sobre todo, cando se manifestaron no Barco o día 30 de setembro e corearon xuntos de forma masiva entre centos de miles de gargantas "Somos un Área", un berro que esixía preservar a sanidade como un dereito, unha sanidade pública, solidaria, universal, de calidade e próxima á 
cidadanía.

Cando irónicamente nos pedían dialogo e consenso dende a Administración na 

redacción do anteproxecto de lei da Sanidade, resultou que a Consellería e xamais pola via do diálogo, nolo quere impoñer ca aprobación do Consello de Goberno da Xunta o día 7 de decembro, contra a vontade maioritaria dos cidadáns destas comarcas e a maioria de entidades representativas do sector.
Deciamos daquela e continuamos a decir que:

"Estamos aquí porque é necesario e imprescindible que o Goberno de Xunta 

modifique o camiño iniciado o 2 de agosto de 2017.”

"Estamos aquí, para pedir a retirada do anteproxecto de lei que modifica a lei 

8/2008 do10 de xullo, de Saúde de Galicia.”

Pediamos tamén a conformación dunha comisión de traballo:

“A creación dun grupo de traballo que incluira a representantes de todos os 

partidos do Parlamento de Galicia, FEGAMP, sindicatos, asociacións de pacientes, colexios profesionais da sanidade e outros colectivos de relevancia na contorna sanitaria galega, coa finalidade de elaborar un informe de conclusións, que debera ser de acceso público e no que se propuxeran as posibles melloras normativas para o sistema sanitario galego que valorasen precisas.”

Pero como a realidade dos feitos a maioría das veces ven a aportar luz e 

validar coma neste caso as nosas dúbidas, medos e inquedanzas, tivo que pasar unha desgraza máis como foi o falecemento dun veciño do Bolo vai pouco tempo para que dende a Consellería se quitasen a máscara e coñezamos de verdad que representamos as xentes deste territorio para eles. Vai unhas semanas presentouse no parlamento de Galicia por parte dun grupo da oposición (En marea) unha pregunta parlamentaria sobre "a situación da atención sanitaria nos centros de saúde dos concellos do medio rural valdeorrés, as medidas adoptadas e previstas pola Xunta de Galicia ao respecto, así como o prazo previsto para a elaboración dun plan integral ou especifico para as comarcas rurais galegas". A resposta da Xunta de Galícia, elaborada a través da Dirección xeral de relacións institucionais e parlamentaria, pararemitir aos deputados da oposición e, en definitiva aos veciños, é dunha falta de sensibilidade política e humana que queremos que transcenda á cidadania polos feitos que motivaron a consulta. Unha burla aos veciños dos concellos do Bolo e da Veiga, transformando un feito de dor e pérdida dun ser humán, en meras referencias estatísticas, demostrando o lonxe que están como goberno das necesidades e da realidade do rural galego e a súa estrutura de xestión do EOXI de Ourense, que se mantén de forma aséptica lonxe da comarca de Valdeorras, lonxe do Bolo, lonxe da Veiga... 

Non, non nos basta un escrito que sentencie "polo tanto, a atención sanitaria e a atención de urxencias nos centros de saúde dos concellos indicados é correcta e están cubertas as súas necesidades asistenciais, utilizándose os recursos de maneira eficiente, tendo en conta a demanda asistencial" 

Non nos basta, por iso chamamos aos veciños das comarcas de Valdeorras, Viana e Trives a non aceptar máis mentiras, a non soportar máis incerteza sobre os recursos necesarios e reais cos que contamos nun sistema sanitario pouco equitativo e axustado a realidade da nosa idiosincrasia e que por dereito nos corresponde comocidadáns.

Precisamos dun proxecto sanitario de futuro, polo que deben buscar as solucións máis acertadas para responder ás necesidades asistenciais da poboación no rural en canto ao desenvolvemento da súa atención primaria, a atención contínua e a dispersión, as políticas de saúde preventivas, os aspectos sociais do abandono do rural, as comunicacións, a falta de medios de transporte públicos, etc., é unha cuestión técnica e política que desde un Sistema Público de Saúde debe ter o máximo consenso. Por iso esiximos planificación dos recursos non so atendendo ao número de cartillas sanitarias, queremos outra organización e estas cuestións so poden ir á par dos recursos económicos orzamentados, do financiamento dun sistema público e non para financiar cos recursos públicos un sistema sanitario persoal, neoliberal, como o que nos ofrece o goberno do partido popular e estamos a sufrir os contribuintes.


EN DEFENSA DÁ AREA SANITARIA E DO HOSPITAL COMARCAL DE 

VALDEORRAS

POR UNHA SANIDADE PÚBLICA PRÓXIMA, UNIVERSAL E DE CALIDADE

POR UN RURAL GALEGO CON TODOS OS SERVIZOS

Plataforma Sanitaria de Valdeorras, xaneiro de 2018.

Ningún comentario:

Publicar un comentario