Detalle do petróglifo de Taboexa (As Neves)
David Reinero
http://praza.gal/
“O maior descubrimento de arte rupestre das últimas décadas en Galicia” é como presentan varios arqueólogos o achado nos montes de Taboexa (As Neves) afectados polos incendios do pasado outubro dunha superficie de petróglifos descoñecida ata o de agora. Unha descuberta que avalaría “un novo paradigma para a arte rupestre galega e portuguesa: entre o fondo da ría de Vigo e o río Lima o animal case exclusivo, multirepresentado, non é o cervo, son os équidos”. A Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta confirma que os novos petróglifos de Taboexa “non están catalogados e, a priori, parecen importantes”.
O lume deixou á vista en Taboexa (As Neves) petróglifos que avalarían “un novo paradigma” no que o cabalo e non o cervo se consolida como o animal máis representado do sur de Galicia e o norte de Portugal
O descubrimento dos novos petróglifos, que se produciu o pasado 7 de decembro, foi anunciado a pasada semana, tras a súa análise polos expertos, no salón de actos do Centro de Interpretación do Patrimonio de Taboexa, nun acto no que estiveron presentes Xosé Lois Vilar, Eloy Martínez e Manolo Ledo, da sección de arqueoloxía do Instituto de Estudos Miñoráns (IEM), moi activo na recuperación e investigación do patrimonio en todo o sur da provincia de Pontevedra, así como o alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez, e os descubridores do petróglifo, Cándido Verde, Xosé Álvarez “O Buraco” e Xilberte Manso. O arqueólogo Xosé Lois Vilar destaca que na zona na que se descubriron os novos petróglifos había xa outros inventariados, pero os agora atopados estaban enterrados e só puideron ser localizados tras os incendios do pasado outubro, paradoxo do que se lamenta porque o lume é dos peores inimigos deste tipo de restos arqueolóxicos. Foi precisamente cando foron revisar o estado en que os incendios deixaran os petróglifos xa catalogados cando se atoparon co agora descuberto.
Desde o IEM consideran os petróglifos de Taboexa “dos mellores de Galicia polo seu tamaño, pola súa tipoloxía e pola cantidade e variedade de figuras representadas”. Segundo a descrición dos arqueólogos, nunha laxe inclinada de entre 25 e 30 metros cadrados (uns 6x5 metros) están gravadas diversas coviñas, algunha figura abstracta e “uns vinte zoomorfos orientados en direccións diverxentes ocupando toda a pedra”. “Na parte alta presidindo, un home ben sexuado, á súa esquerda un cánido e debaixo un équido ferido por arma longa, animais de boísima factura, boa conservación, grande tamaño e na mesma zona do petróglifo gravados usando tres técnicas distintas”, esquemática, vaciado do corpo e doble trazo. Segundo Vilar, o petróglifo aoparíase entre os "40 ou 50 mellores de Galicia" e sería o mellor dos atopados nas dúas últimas décadas.
Na mesma zona do petróglifo hai figuras elaboradas con tres técnicas distintas: esquemática, vaciado do corpo e doble trazo
Segundo os expertos, os zoomorfos son “claramente équidos coa cola espesa, as orellas, a ausencia de cornas”, o que os leva a ratificar “un novo paradigma para a arte rupestre galega e portuguesa: entre o fondo da ría de Vigo e o río Lima (xa cun caso en Felgueiras, máis ao sur) o animal case exclusivo, multi representado, non é o cervo, son os équidos”. Segundo din, “nesta extensísima área xeográfica só se coñecen dez superficies claras con cérvidos, delas só unha, quizais dúas en Portugal, pegadas ao Miño (Verdoejo) e máis de cen con équidos co mesmo comportamento que os cérvidos, perseguidos, cazados, simplemente representados na pedra. Os équidos cazados vivos ou matados co home como dominador da natureza”.
Entre o fondo da ría de Vigo e o río Lima só se coñecen dez superficies claras con cérvidos e máis de cen con équidos
“Este postulado comprobado na práctica vén de afianzarse aínda máis coa descuberta en Taboexa, que confirma o novo paradigma”, din os expertos do IEM, cuxa sección de arqueoloxía e etnografía vén impulsando o Proxecto Equus, que combina os estudos zoolóxicos, etnográficos e arqueolóxicos sobre os garranos (equus ferus atlanticus) e a arte rupestre.
Desde a Consellería de Cultura indican que o IEM comunicou á Dirección Xeral do Patrimonio a aparición destes achados, que “non están catalogados” e que “a priori, parecen importantes”. Está previsto que nos próximos días arqueólogos de Patrimonio se despracen á zona para inspeccionar os achados, valorar a súa importancia e determinar que medidas tomar con eles.
Ningún comentario:
Publicar un comentario