domingo, 21 de agosto de 2016

Podemos e o nacionalismo manteñen forza nunhas listas mestizas de En Marea

Antón Sánchez, entre Yolanda Díaz e Carmen Santos
Antón Sánchez, entre Yolanda Díaz e Carmen Santos

Miguel Pardo 
http://praza.gal/

Máis de 10.000 persoas (en concreto,10.143), o 75% dun censo total de 13.415, participaron finalmente nas primarias de En Marea, sumando as que votaron a través do espazo aberto pola confluencia e os inscritos de Podemos que se foron engadindo despois a través da súa propia plataforma. 
A mestizaxe é finalmente a protagonista dunhas listas que tiñan xa decidido o cabeza de lista por Lugo e candidato á presidencia da Xunta, Luís Villares, á espera de ser ratificado. Foino amplamente e obtivo o 86,8% dos votos nas primarias e un total de 8.804 sufraxios. Pola Coruña, o número un será Antón Sánchez, membro de Anova e deputado de AGE, mentres que por Pontevedra encabezará a candidatura Carmen Santos, secretaria xeral de Podemos Galicia, e única cabeza de lista da formación morada na confluencia. 
Antón Sánchez lidera a lista pola Coruña e Carmen Santos por Pontevedra
En Lugo, o propio Villares será o número un, mentres que o número dous recae en Paula Vázquez Verao, de Cerna. En Ourense, a directora de teatro Ánxeles Cuña será a cabeza de lista, logo de presentarse como independente xunto a membros de EU na lista de Somos Marea. O máis votado foi o nacionalista David Rodríguez, pero o efecto cremalleira para os liderados provinciais provocan que vaia como número dous.  
Podemos, logo do malestar dunha parte das súas bases pola integración no partido instrumental, temía pouca participación dos inscritos e unha escasa presenza nas listas. Segundo datos difundidos pola formación morada, terían votado a través da súa plataforma 4.977 inscritos, algo menos da metade dos votos totais. 
Malia só ter unha cabeza de lista, a formación morada coloca tres dos seus nomes entre os cinco primeiros pola Coruña, con Manolo Lago, de EU, de número tres. A segunda é Luca Chao, destituída por Santos da dirección. Ademais, a súa secretaria xeral, a pesar da forte contestación interna, consegue liderar a candidatura por Pontevedra. Todo un balón de osíxeno para a líder do partido en Galicia, que ve tamén como os críticos superan a presenza dos seus afíns nos postos de saída
Balón de osíxeno para Santos, que lidera Pontevedra pero comproba a fortaleza do sector crítico coa súa dirección
Na mesma provincia, Podemos amosa a súa fortaleza con Marcos Cal -da candidatura crítica coa dirección, En Confuencia Podemos- no número dous. O tres é para Eva Solla, de EU; o cuarto de Juan Merlo, que compartía lista con Santos; e o quinto para Paula Quinteiro, membro do consello da formación morada pero candidata por unha lista conxunta coa FPG e enfrontada á dirección. 
Na Coruña, a lista impulsada polos deputados de Podemos en En Marea no Congreso mete de segunda a Luca Chao, mentres que Magdalena Barahona, que era a candidata que Santos postulara para a Xunta, é cuarta. Pancho Casal, tamén de En Confluencia Podemos, será quinto, mentres que Flora Miranda, de Anova, ocupa o sexto posto. 
Militantes nacionalistas ocupan o primeiro posto na Coruña, o segundo en Lugo e o segundo e o terceiro en Ourense
En Lugo, tras Villares e Paula Vázquez Verao sitúanse Víctor Andrés Álvarez e María Isabel García, de Rede Mareas como a súa predecesora. En Ourense, ocupan o segundo e terceiro posto David Rodríguez e Eva Gutiérrez, de Somos Quen, lista impulsada por Anova, e o cuarto é para Xosé Manuel Pérez Bouza, ex senador do BNG e antigamente vinculado a Compromiso por Galicia.
O polo nacionalista irrompe con forza en Lugo e Ourense, mentres que un Podemos dividido copa postos de saída na Coruña e Pontevedra

Podemos e o nacionalismo copan os primeiros postos

Foi nas provincias interiores onde o polo nacionalista da conflluencia sumou máis forza, mentres que nas provincias atlánticas foi Podemos -dividido entre críticos coa dirección, afíns e mesmo vinculados a opcións soberanistas- o que acadou máis cota, aínda que será o nacionalista Antón Sánchez quen lidere a lista pola Coruña.
Dos 20 primeiros postos das listas, 5 de cada provincia, 8 son de Podemos, 8 de forzas nacionalistas e mareas locais e 3 de EU
Xa que logo, e á marxe de Villares, un membro de Anova, outra de Podemos e outra vinculada a EU liderarán as candidaturas provinciais de En Marea. De ter en conta os cinco primeiros postos por cada provincia -20 en total-, o reparto é equitativo: hai 8 membros de Podemos (4 da lista que apostou claramente pola confluencia, 3 afíns á dirección galega e unha, Paula Quinteiro, que participou no proceso á marxe do seu partido), 8 máis vinculadas ao soberanismo ou as mareas locais (3 membros de Anova, 1 de Cerna e un ex de CxG), 3 de EU e Luís Villares, candidato independente e achegado ao nacionalismo.  Un 40% destes primeiros postos para a formación morada, un 45% para representantes nacionalistas e galeguistas e un 15% para a esquerda federalista. 
>> As listas completas quedan así: 
A CORUÑA
  1. Antón Sánchez García
  2. Luca Chao Pérez
  3. José Manuel Lago Peñas
  4. Magdalena Barahona Martín
  5. Francisco Pancho Casal Vidal
  6. Flora María Miranda Pena
  7. Xan Xove González
  8. Mariló Candedo Gunturiz
  9. Carlos Palacios Suárez
  10. Lorena Dapena
  11. Daniel Alejandro Calvete Suárez
  12. Iria Otero Romero
  13. Gonzalo Rodríguez Rodríguez
  14. María Antonia Trillo Blanco
PONTEVEDRA
  1. Carmen Santos Queiruga
  2. Marcos Cal Ogando
  3. Eva Solla Fernández
  4. Juan J. Merlo Lorenzo
  5. Paula Quinteiro Araújo
  6. Xoan Hermida González
  7. Julia Torregrosa
  8. Mariano Abalo Costa
  9. Noemí Martínez González
  10. Juan Manuel Fajardo Recouso
  11. Mar Blanco Casais
  12. Marcelo Armendáriz Gil
LUGO
  1. Luis Villares Naveira
  2. Paula Vázquez Verao
  3. Víctor Andrés Álvarez Arias
  4. María Isabel García Díaz
  5. José Manuel “Josito” Pérez Afonso
  6. María Victoria Esteban Riesco
  7. Bernardo Fraga Galdo
  8. Natalia Prieto Fernández
OURENSE
  1. María de los Ángeles Cuña Bóveda
  2. David Rodríguez Estévez
  3. María Eva Gutiérrez Fernández
  4. Xosé Manuel Pérez Bouza
  5. Manuela Pérez Pérez
  6. Ares Jiménez Soria
  7. Rita González Pérez
  8. Carlos Miguélez Soto

Ningún comentario:

Publicar un comentario