xoves, 7 de agosto de 2014

Seguir sen entender nada

Xoán Hermida
praza.gal
A estas alturas do ciclo político que estamos a vivir xa soamente os membros do que poderiamos chamar esquerda conservadora, ben porque queren conservar privilexios ou ben porque o seu universo ideolóxico está moi comprimido, negan que asistamos a un novo episodio político no que as vellas receitas xa non serven.
Habitamos, sen dúbida, nun novo tempo político que nos fala dunha maior participación cidadá
Habitamos, sen dúbida, nun novo tempo político que nos fala dunha maior participación cidadá, dun novo xeito de entender a política ligada ás demandas reais da xente, ao Ben Común.
O movemento do 15M, a crise da política clásica, a irrupción de AGE, as marchas da dignidade ou o xurdimento de Podemos son capítulos dese mesmo episodio político de cambio ligado ao esgotamento dun modelo político onde a democracia era entendida como un instrumento a unha nova etapa onde a democracia empeza a ser entendida como unha expresión cívica e cultural.
Por todas partes falase da necesaria nova política e da necesidade de enterrar a vella política. Pero máis aló de declaracións de intencións ou novos léxicos, faise necesario empezar a definir con claridade que entendemos cando falamos de Nova Política se queremos saber cara a onde debe camiñar a esquerda.
Sen lugar a dúbida a radicalidade democrática está no frontispicio da nova política. Programa de ampliación do modelo de democracia tanto no plano da actuación representativa como na do necesario equilibrio  entre a máxima participación e a capacidade de intervención na estrutura partidaria.
Movementos como Democracia Real Xa ou 15M teñen posto enriba da mesa os limites da democracia representativa, máis aínda nun modelo como o noso froito dunha transición tutelada polas elites do réxime anterior, un excesivo peso dos partidos e unha escasa cultura democrática.
A democracia representativa parte do principio da agregación pero sen participación directa da cidadanía. Experiencias de democracia participativa vanse facendo un oco necesario, pero a democracia representativa e democracia participativa parten da mesma lóxica de decisión pola maioría, excluíndo as minorías.
Máis aló da democracia  participativa, as novas propostas de democracia deliberativa ou de democracia inclusiva pretenden abordar os novos retos sociais e configurar un neorepublicanismo
Máis aló da democracia  participativa, as novas propostas de democracia deliberativa ou de democracia inclusiva pretenden abordar os novos retos sociais e configurar un neorepublicanismo. A democracia inclusiva pretende, ademais, abordar os limites da democracia. A democracia inclusiva sitúase na democracia política directa, na democracia económica, na democracia no ámbito social e a democracia ecolóxica.
Listas abertas, eleccións en primarias, limitación de mandatos, revogacións por incumprimento programático, referendos directos decisorios,… son algunhas das cuestións claves. Pero ademais da radicalización da democracia existen outros aspectos que definen a nova política:
  • A construción de novas axendas que compaxinen a defensa dos Bens Comúns e o abordaxe de novos retos do planeta e dos seres humanos e non humanos para o século XXI:  ecoloxismo, feminismo, xustiza global, pacifismo, dereitos humanos.
  • A xustiza global como elemento necesario para comprender que xa non vai ser posíbel reconstruír os estados de benestar guetificados en zonas do planeta se á vez non se constrúe un estado social a nivel global
  • A sustentabilidade como núcleo de calquera alternativa económica que pretenda actuar tendo en conta os limites do crecemento e non para volver a edificar o progreso sobre unha nova burbulla financeira ligado a modelos industrialistas e/ou consumistas.
  • A autoorganización nacional desde o recoñecemento dos suxeitos nacionais como chave da soberanía popular e de construción de hexemonías.
  • A interpretación  da política como unha intervención global e non so electoral, tendo como elemento central a intervención política para o cambio na súa globalidade e non so pensar nas eleccións como único aspecto da contenda política.
Nestes días están a xurdir diferentes iniciativas, chamamentos, manifestos,… na liña de como abordar este novo tempo. Algunhas experiencias unitarias como ACE en Cangas, experimentación política a partir da necesidade de abrir un novo camiño como Ames Novo ou manifestos de cambio como Marea Atlántica en A Coruña son os máis significativos e marcan os pasos a dar.
Experiencias como ACE en Cangas, Ames Novo ou a Marea Atlántica marcan os pasos a dar
Sen lugar a dúbidas as municipais da primavera de 2015 teñen unha importancia central e é normal que xurdan multitude de iniciativas.
De feito son as eleccións que poden servir para pechar o episodio aberto simbolicamente polo movemento 15M durante as pasadas eleccións municipais. Trátase nese sentido dunhas eleccións no que o que o importante non sexan as actas de concelleiro que se obteñan senón a perspectiva de cambio que se lle dea as mesmas.
Pero confundiriámonos se pensásemos que a mera vontade aglutinadora dos mesmos chega dabondo para poñer en marcha un proceso de cambio radical desde os concellos. Nos manifestos publicados ao igual que no cambalache que cantaba Enrique Santos Discépolo, xúntanse de todo e todo revolto.
Resulta curioso ver como entre os abaixo asinantes conviven sen a menor contradición persoas que no último período foron incapaces de construír novos instrumentos
Nel podemos ver dunha banda persoas incorporadas á política á calor dos novísimos movementos sociais da dignidade xunto con outras cun longo percorrido de procura de novos paradigmas, e por outro políticos da vella cultura á procura dun lugar no novo escenario. Resulta curioso ver como entre os abaixo asinantes conviven sen a menor contradición persoas que no último período foron incapaces de construír novos instrumentos.
Dirixentes que despois de máis de tres lustros marcando a liña da esquerda galega imposibilitaron ata hai uns días a posibilidade de construír AGE como instrumento estratéxico de cambio; alcaldes que con máis de tres lexislaturas ás súas costas aparecen agora como adalides da radicalidade democrática e ligado a isto, imaxino, que da limitación de mandatos; militantes que interpretan todo o novo como ameaza e agora apúntanse sen ser capaces de superar vellos paradigmas sexan no seo da esquerda ou do nacionalismo.
Sen dúbida vai ser importante saber separar a palla do grao. Por iso un dos grandes acertos do 15M foi non fiarse dos vellos partidos nin das súas estruturas e poñerse a construír unhas novas desligadas das mesmas. A cidadanía concedeu hai dous anos un aval con data de caducidade a AGE. Nas últimas eleccións europeas ese mesmo electorado dividiuse, case a metade,  entre aquelas persoas que volveron investir de novo en AGE dándolle unha nova oportunidade e outra parte que preferiu apostar por algo novo e arriscar.
Para construír a Alternativa en Galicia van ter que entenderse os mundos de AGE e de Podemos, os mundos da vella política en procura dun novo paradigma e os da nova política sen raíces rexas
Para construír a Alternativa en Galicia van ter que entenderse os mundos de AGE e de Podemos, os mundos da vella política en procura dun novo paradigma e os da nova política sen raíces rexas que lle permitan asegurar unha permanencia no tempo. AGE e Podemos van ter que convivir pero sabendo a primeira que por estilos e xeracións é a estes últimos aos que lle corresponder liderar o proceso.
Trátase de construír procesos abertos e cidadáns con tres únicas liñas vermellas:  programa de cambio radical superador dos actuais tapóns do réxime; metodoloxía democrática baseada na participación cidadá directa; alternativas maioritarias nucleadoras de cambio e non de mero acompañamento. Entendemento que todo isto pasa tamén por clarificar a linguaxe e as praxes.
Non se trata de si a converxencia se produce no marco da esquerda ou do nacionalismo, pois sendo a esquerda como programa e o nacionalismo como factor político determinante, a chave neste momento está no factor democrático rupturista. Non se trata se máis ou menos esquerda ou nacionalismo, senón doutra esquerda e doutro nacionalismo. Non chega coa unidade como elemento agregativo de siglas senón da cooperación política entre espazos culturais e cidadáns.
Se non entendemos isto non estaremos, unha vez máis, entendendo nada.


Ningún comentario:

Publicar un comentario