martes, 5 de agosto de 2014

Dux Sanxenxo, o cosmopaletismo xorde de novo

A noite do 31 de xullo o Dux Sanxenxo recibía a visita de Mónica de Nut e Virxilio da Silva. O concerto estaba inserido dentro dun ciclo patrocinado pola cervexa Estrella Galicia. O que podía ser unha marabillosa noite de música, -eran moit@s @s seareir@s da cantante viguesa que se achegaran até o local do Salnés-, rematou de xeito inesperado e vergoñento no terceiro tema. Ao parecer o estilo de Mónica -premiada hai uns días en Xapón, no Festival Internacional de Arte de Sapporo- non era o acaído para o local, que se coloca así na cimeira do cosmopaletismo. Pésima educación, nulos coñecemento musicais e unha dose certa de autoodio provocaron o desagradable incidente.
31 de xullo. Sanxenxo. Dentro do ciclo Club 1906, organizado por Estrella Galicia en varios clubs galegos, tamén algún de fóra do país-, Mónica de Nut e Virxilio da Silva dispúñanse a facer pasar unha boa noite de música as persoas que aló se congregaron para gozar do espectáculo. Todo ía ben, coa xente pasándoo ben nos primeiros compases do concerto, deixándose arrolar polo magnetismo da voz de de Nut cando aconteceu o inexplicable. No terceiro tema, empregados do local dirixíronse cara ao escenario para lles indicar aos artistas que non podían seguir tocando. Segundo eles, visiblemente avergoñados segundo nos contan testemuñas directas, a música do dúo non era axeitada para o local de Sanxenxo. Cortaron o concerto e comezaron pór música, diante do abraio xeral. A decisión, obviamente, non fora dos traballadores do local senón do xefe, que non tivo nin a afouteza de ser el o que parase o concerto nin desde logo a elegancia mínima de deixalo rematar, por moito que lle puidese desagradar a proposta artística de Mónica e Virxilio. A explicación torpona foi botar balóns fóra e aducir un erro de comunicación entre o local e o ciclo Club1906. Por certo, e para @s que non os coñezades, velaquí unha mostra da exquisita proposta destes dous grandes, -e con maiúsculas-, da música de noso. 
Alén da evidente falla de educación, dunha mínima cultura musical e de saber estar por parte do burriño que rexenta ese local, hai que se preguntar o motivo da lamentable decisión tomada. Probablemente ver música en galego e unha pandeireta no seu garitazo de sanghengho foi moito para o individuo en cuestión. Ese provincianismo reseso que abunda desgrazadamente pola zona de ocio de Sanxenxo, -para mágoa da xente intelixente e brava do Salnés, que apenas ten onde se meter para escoitar boa música e tomarlle unha-, volveu agromar da maneira máis desagradable posible. Son tan pouco intelixentes algúns hostaleiros da zona que para unha vez que poden ofrecer algo distinto a súa clientela, que aínda que foránea adoita ter menos complexos ca estes cosmopaletos, deciden abortalo. Domingo, apenas 72 horas despois, actúa no mesmo local Juan Magán. Non imos entrar en odiosas comparacións artísticas. Non paga a pena. Simplemente nos gustaría saber se o grande empresario de Sanxenxo tería valor para lle facer o mesmo a el. De seguro que non.
Afortunadamente, non todo está perdido. A tormenta que se está a desatar nas redes sociais no perfil do local de copas, de seguro que fará que se pense moito volver ter semellante falla de respecto con artista ningún. E a enxurrada de solidariedade que están a recibir Mónica e Virxilio ha de valer para os confortar un chisco despois do mal trago pasado. Tamén cómpre salientar que Ángeles Dorrío e Coralie Yap-Chine, que tiñan programadas actuacións no mesmo ciclo e no mesmo local nos vindeiros días xa deixaron ben claro que non van tocar alí e xa mandaron tamén o seu apoio total aos artistas. Agardamos que o Club1906 e Estrella Galicia se desculpen con eles polo mal momento que lles fixeron pasar e que non volvan contar cuns impresentables coma os do Dux para ciclo ningún. Nós xa lles enviamos mensaxes nese sentido e convidámosvos a que o fagades tamén no seu perfil do Facebook ou no propio portal da marca de cervexa.
E si, como dixo máis de un polas redes sociais, o problema é que non se lles pode botar margaridas aos porcos.
E outrosí, menos mal que nos queda Portugal
Texto: Daniel Lavesedo
Fotos tiradas do Facebook de Mónica de Nut. Autores: Alex Sande e Jorge Almeida
http://www.gzmusica.com/

Ningún comentario:

Publicar un comentario